Galicia é pioneira na loita contra a hepatite C: “Podemos erradicala en 2024”

O xefe do Servizo de Dixestivo do Hospital de Pontevedra, Juan Turnes, cre que pode ser a primeira rexión europea en conseguilo

A hepatite C é a principal causa de cirrose e transplante de fígado nos países occidentais. E ata hai tan só oito anos, os tratamentos eran pouco eficaces e causaban moitos efectos secundarios. O escenario cambiou drasticamente en 2015, coa aprobación de varios fármacos orais que xa permiten curar á práctica totalidade dos pacientes. “Hoxe é case imposible non sandar a hepatite C”, asegura o director do Servizo de Dixestivo do Hospital de Pontevedra, Juan Turnes. O doutor continúa explicando que, en concordancia cos obxectivos da Organización Mundial da Saúde (OMS), o seguinte paso é erradicar a enfermidade. E Galicia podería ser a primeira rexión de Europa en conseguilo. Segundo as estimacións de Turnes, pódese lograr ao longo de 2024.

De todas formas, o especialista do aparello dixestivo aclara que coa hepatite C non pasará o mesmo que coa varíola. É dicir, que non se erradicará por completo. “O obxectivo da OMS non é chegar a cero casos porque non existe unha vacina e, por tanto, non podemos aspirar a eliminar a enfermidade”, explica Turnes. A meta, por tanto, focalízase en reducir ao máximo posible a mortalidade e a transmisión do virus, diminuíndo o contaxio e as súa complicacións, como a cirrose. A OMS pretende que estes obxectivos se cumpran a nivel mundial en 2030 pero Galicia podería liderar o proceso e adiantarse seis anos grazas á aplicación dunha serie de medidas pioneiras. De feito, nos últimos anos xa levou a cabo diferentes iniciativas para mellorar o diagnóstico e o tratamento dos pacientes.

Publicidade

Identificación dos pacientes

Unha das máis eficaces foi a posta en marcha entre 2019 e 2020 dun sistema autómatico para a detección de pacientes con hepatite C. “Desenvolvemos un algoritmo para identificar persoas que foran diagnosticadas no pasado cunha análise de sangue pero non se trataran ou non se curaran”, apunta Turnes. Segundo continúa explicando, hai pacientes que perden as consultas co médico ou non volven entrar en contacto co sistema sanitario, polo que pasan desapercibidos. Porén, coa aplicación deste novo modelo logrouse identificar a 113 persoas da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, contactar con eles e curar o 60% destes doentes. “Pode parecer pouco pero non é tan doado localizar a unha persoa. Experiencias internacionais semellantes ofrecen datos dun 30%-35%”, engade o especialista en dixestivo.

“Desenvolvemos un algoritmo capaz de identificar persoas con hepatite C que non foron tratadas”

JUAN TURNES, xefe do Servizo de Dixestivo do Hospital de Pontevedra

O punto forte deste sistema é o aforro de tempo. Turnes asegura que se analizaron 225 historias clínicas grazas á selección do algoritmo e que se o proceso fose máis manual, habería que estudar 1.900. Porén, este modelo que tan ben funcionou en Galicia non é tan facilmente exportable a outros puntos do Estado ou de Europa. “Cando falamos da nosa experiencia fóra de España decatámonos de que ninguén ten este nivel de dixitalización e integración da información sanitaria. Galicia funciona como un único hospital“, sostén Turnes. Por tanto, dá igual en que área sanitaria vivamos porque o algoritmo funciona tanto para a de Pontevedra como para a da Coruña, facilitando unha identificación de pacientes con hepatite C máis ampla e efectiva.

Publicidade

Cribado oportunista

A outra medida estrela para conseguir a erradicación da hepatite C foi a posta en marcha dun sistema para a busca activa de doentes. A proba de concepto arrincou en outubro de 2019, uns meses antes de que estoupase a pandemia. Como en Galicia existe unha historia clínica electrónica común para os hospitais e a Atención Primaria, o obxectivo era detectar novos casos nas persoas que acudían a consulta por calquera motivo, e non necesariamente por un malestar relacionado co aparello dixestivo. “O sistema alertaba ao médico de que o paciente era candidato para facer a proba da hepatite C. O doutor podíallo propoñer ou non, e a persoa aceptar ou non. Pero, de ser así, se a persoa daba positivo xa podía ter cita cun especialista en menos dunha semana para administrarlle un tratamento”, explica Turnes.

Máis da metade dos galegos con hepatite C ten entre 50 e 59 anos

Con este sistema, e pese á interrupción da pandemia, identificáronse 89 novos casos de hepatite C en tan só un ano, que non foran diagnosticados por presentar síntomas, senón por unha busca activa por parte do servizo de saúde. Os especialistas tamén se decataron que o 85% das infeccións estaban en persoas de entre 40 e 70 anos. Desta proba de concepto xurdiu a idea de crear un “cribado oportunista” e aproveitar calquera contacto que as persoas tiveran co sistema de saúde, e do que se solicitase unha analítica de sangue, para facer a proba da hepatite C. A franxa de idade restrinxiuse aos 50 e 59 anos, dado que aglutina a máis da metade de diagnosticados con esta enfermidade. Isto comezou a aplicarse en maio de 2022 e dende aquela, a todas as persoas desa idade que fan unha analítica de sangue, tamén se lle pide a proba da hepatite C.

Os resultados, dende logo, son esperanzadores. Os datos corroboran as boas impresións de Turnes e o bo funcionamento das medidas que se foron aplicando nos últimos anos. O doutor, que é un dos principais impulsores da Estratexia para a eliminación da hepatite C como problema de saúde pública en Galicia, estima que hai menos de 4.500 casos de hepatite C en Galicia e máis de 9.000 persoas xa curaron dende o 2015. O que, noutras palabras, significa que dous de cada tres pacientes lograron sandar. E que un de cada dous segue coa infección activa. Como di Turnes, agora os esforzos están neste último grupo. O obxectivo é tratalos que, no caso da hepatite C, é sinónimo de curación.

Outras medidas

Outra medida pioneira, que Turnes define como “única no mundo” no que se refire ao diagnóstico da hepatite C, ten que ver coa forma na que se detecta a enfermidade. O obxectivo é que as probas sexan máis rápidas e menos custosas. Ata o de agora, o método tradicional consistía en facer unha seroloxía e se a persoa tiña anticorpos, iso indicaba que estivera en contacto co virus. O paso seguinte sería facer unha PCR. Porén, neste “cribado oportunista” que se aplica dende 2022 en Galicia, aos pacientes fáiselles directamente unha PCR. “Isto faise a través das técnicas de pooling, que consisten na agrupación de mostras. Fixéronse coñecidas durante a covid, cando se facían cribados masivos. A única maneira de facelos sen quedarnos sen reactivos e sen que os laboratorios se bloqueara era agrupando mostras”, explica Turnes.

Estímase que en Galicia hai menos de 4.500 casos activos de hepatite C

Así é que se facían grupos de 20, 30 ou 40 mostras. Se daban negativo, significaba que todas as probas eran negativas. No caso da hepatite C, segundo confirma o especialista, demostrouse que se poden facer agrupacións de ata 100 persoas. Polo tanto, o custo do diagnóstico é menor e a forma de facelo, máis eficiente. “É dicir, se unha PCR custa 30 euros, deste modo pasa a custar 30 céntimos”, indica.

Todas estas medidas están conseguindo colocar a Galicia nun lugar destacado na carreira por erradicar a hepatite C, pero hai un problema: a OMS acredita países, non rexións. É dicir, se Galicia consegue eliminar a enfermidade ao longo de 2024, tal e como predí Turnes, non existirá ningunha acreditación oficial. “Galicia está facéndoo ben, non só na curación dunha enfermidade crónica, como era a hepatite C, senón na aplicación de estratexias de busca activa de doentes”, subliña Turnes. A diferenza doutras comunidades autónomas, como Madrid, Galicia conta cunha infraestrutura que lle permite aplicar este tipo de medidas tan eficaces na eliminación da hepatite C, como é a historia clínica dixitalizada e accesible en todo o sistema sanitario galego. Sexa como sexa, e aconteza o que aconteza o vindeiro ano, Turnes teno claro: “Galicia xa é unha referencia mundial”.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia prevé acabar coa hepatite C en 2026, catro anos antes da meta establecida pola OMS

O cribado galego implantado en xullo de 2023 permitiu a detección de 372 casos de infección activa e a realización de máis de 280.000 probas

Un Chat GPT creado en Pontevedra asesora os médicos de familia para afinar diagnósticos

Dous centros de saúde están probando un asistente conversacional para resolver dúbidas en materia de dixestivo e endocrinoloxía

Catro galegos proban o primeiro fármaco contra o fígado graxo nun ensaio clínico pioneiro

O tratamento, que acaba de ser aprobado en Estados Unidos, pode tardar dous anos en estar dispoñible en España

Eliminar de forma espontánea o virus da hepatite C pode aumentar as súas complicacións

Os pacientes que logran suprimir o virus sen tratamento poderían ter un maior risco de desenvolver trastornos hepáticos e outros problemas de saúde no futuro