Paciente de 40 anos. Leva tres semanas atopándose mal. Tivo febre nos días previos á consulta. Unha médica do centro de saúde Virxe Peregrina, en Pontevedra, envía esa información a un asistente conversacional. O robot pregunta, o doutor responde. O diálogo entre ambos conclúe cunha lista de referencias bibliográficas, posibles diagnósticos e tratamentos e, incluso, se sería apropiado derivar o paciente a un especialista. Isto xa está a acontecer nos centros de saúde pontevedreses de Virxe Peregrina e Lérez grazas ao proxecto COMTA, liderado dende o Servizo de Dixestivo do Hospital de Pontevedra. O obxectivo é probar unha especie de Chat GPT especializado en temas dixestivos e endrocrinolóxicos que, a partir de información avalada por sociedades médicas, permita orientar os doutores de familia para lograr un diagnóstico máis preciso.
“Agora mesmo a información xérase a tal velocidade que é case imposible para os médicos de familia acceder a tempo a ela”, lamenta a xefa de Servizo do Centro de Saúde Virxe Peregrina, Coro Sánchez. Os resultados do proxecto COMTA, que de momento é unha proba de concepto, están sendo positivos para os centros de atención primaria participantes. No Virxe Peregrina están a usar o asistente conversacional 15 médicos dos 24 que o compoñen, pero cada vez teñen máis solicitudes para probar este chatbot. “Permítenos resolver dúbidas en tempo real e de maneira rápida. Estámolo probando con moita sorpresa e, en definitiva, estanos axudando a ser máis eficientes no proceso asistencial“, indica Sánchez.
A falta de tempo
Ese é precisamente o obxectivo co que naceu o proxecto COMTA: acurtar distancias entre a atención primaria e a hospitalaria. O chatbot é, en realidade, un médico virtual que orienta o usuario para resolver a “falta de tempo” que acusan os médicos de familia. Isto provoca que, moitas veces, non teñan a marxe suficiente para consultar a información científica porque adoita estar moi dispersa: ben en revistas científicas, en libros especializados, en sociedades científicas ou en documentos do Sergas. O proxecto COMTA busca que os médicos de familia teñan á súa disposición de maneira rápida e eficaz a información pertinente, e que isto derive nunha mellora diagnóstica e, talvez, na detección precoz de doenzas dixestivas e endocrinolóxicas, que son para as que está adestrado o sistema.
“De momento é unha proba de concepto só dispoñible para estas dúas especialidades. Ademais de médicos somos científicos e antes de amplialo a outros eidos necesitamos saber se funciona”, argumenta o xefe de servizo de Dixestivo do Hospital de Pontevedra, Juan Turnes, e impulsor do proxecto COMTA. Para el, a principal vantaxe fronte a outros modelos xenéricos como Chat GPT é que o asistente creado en Pontevedra está alimentado con información cedida por sociedades médicas e, por tanto, avalada por especialistas. A Asociación Española de Gastroenteroloxía e a Asociación Española para o Estudo do Fígado cederon as súas guías clínicas para nutrir o sistema, que xa conta con 50 documentos.
Como funciona COMTA?
“É unha ferramenta de gran calidade”, defende Turnes. E matiza que cando se fala de medio cento de arquivos, a definición é moi ampla. Pode ser dende un folio de información ata un libro de 450 páxinas. Segundo continúa explicando, o sistema COMTA traballa realmente con dous tipos de intelixencias artificiais xerativas. “Cando o médico pregunta ao asistente, hai unha especie de Google interno que busca dentro de todos os documentos que conforman o sistema. Unha vez que os recompila, pásallos a unha IA máis grande e parecida a Chat GPT que os analiza e emite unha resposta. Todo isto faino en cuestión de segundos”, detalla o impulsor do proxecto.
Con todo, o obxectivo non é que emita unha resposta sen máis, senón que teña unha finalidade docente. É dicir, que haxa unha explicación técnica detrás de cada unha das contestacións do médico virtual que lle sirvan ao doutor de familia para aprender.
Outros dos puntos fortes que recalcan tanto Turnes como Sánchez é que COMTA non só devolve respostas, senón tamén referencias bibliográficas onde os médicos de atención primaria poden acudir, consultar e avaliar a información achegada polo sistema. Isto, en palabras de Turnes, serviría para resolver a gran polémica que xira arredor de intelixencias artificiais xerativas como Chat GPT, que non especifica de onde saca a información que ofrece ao usuario e con dúbidas sobre a propiedade intelectual.
Buscar maior precisión que Chat GPT
Amais disto, Turnes indica que Chat GPT, sendo un sistema xeneralista —a diferenza de COMTA, que só está destinado a médicos de atención primaria en materia de dixestivo e endocrinoloxía— ten unha taxa do 74% de acerto nas preguntas MIR de calquera especialidade. “Non está mal pero non é algo aceptable para o mundo real, menos aínda para a medicina”, asevera Turnes. Precisamente esta é a eiva que tratan de solucionar co proxecto COMTA, que busca ante todo ser o máis preciso e fiable posible. E, en todo caso, ser sempre unha ferramente de apoio. Tanto o impulsor do mesmo como a xefa de servizo de Virxe Peregrina insisten en que o uso do asistente virtual non significa que se deixen de facer consultas entre a atención primaria e hospitalaria, senón todo o contrario: probablemente a aumentalas e a “gañar tempo”.
Reticencias de uso
“A experiencia para os médicos de Virxe Peregrina está sendo moi positiva e a reseña bibliográfica que ofrece dános garantías. O máis importante é que nos acostumemos a usalo”, sostén Sánchez. Turnes é consciente das reticencias que pode haber entre a comunidade médica a usar este tipo de asistentes conversacionais e por iso insiste en que o proxecto COMTA aínda está en proceso e a súa validación levarase a cabo en xaneiro. “Veremos se funciona ou non. Todo depende de que os usuarios estean contentos e que o vexan como unha ferramenta útil. Hai que ver como de boa é a relación entre o médico e a IA”, matiza o xefe de Dixestivo de Pontevedra. O proxecto, que é totalmente voluntario e anónimo, está a recibir cada vez máis solicitudes de uso. Os resultados preliminares son, de momento, positivos.
COMTA, un proxecto premiado

De feito, os avances feitos ata o de agora servíronlle ao proxecto COMTA para ser galardoado co Premio E-nnova Health 2024 á mellor proposta de IA e Big Data que organizan Diario Médico e Correo Farmacéutico. Nesta iniciativa tamén participa o grupo de investigación en Hepatoloxía e EII, adscrito ao Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IISGS) e o Servizo de Endrocrinoloxía do Hospital de Pontevedra. A iniciativa conta co financiamento do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades para futuras fases, así como das farmacéuticas Abbvie, AstraZeneca e Novo Nordisk. “É un financiamento non finalista. É dicir, os laboratorios non obteñen nada a cambio: nin datos, nin recomendacións dos seus produtos. Isto existe e funciona”, matiza Turnes.
Dende o grupo de investigación de Pontevedra que impulsou COMTA hai dúas visións sobre os obxectivos finais do proxecto. Algúns cren que o sistema pode reducir o número de pacientes que se deriven ao hospital. “Ten lóxica. Se lle damos máis ferramentas á atención primaria, derivarán menos, pero non necesariamente. Isto xéranos moita curiosidade”, indica o experto en dixestivo.
De feito, a outra hipótese é que aumente o número de derivacións hospitalarias. COMTA, ao ofrecer información máis rápida, mellor orientada e detallada, talvez permita que se diagnostiquen precozmente moitas enfermidades que, doutro modo, serían moi difíciles de detectar. Ata o momento as hipóteses son só iso, hipóteses. Haberá que esperar ao proceso de validación pero os resultados preliminares, a todas luces, son máis que satisfactorios.














