Galicia e o norte de Portugal alíanse para a detección precoz de doenzas cardiovasculares

O proxecto New Heart é unha iniciativa transfronteiriza pioneira en cardioloxía para mellorar a calidade de vida dos pacientes da eurorrexión

O elevado envellecemento demográfico e a incidencia de enfermidades cardiovasculares en Galicia e Portugal supoñen un reto nos sistemas sanitarios de ambos territorios. Coa fin de ofrecer unha solución, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) acolleu esta mañá o acto de presentación do proxecto New Heart, unha iniciativa transfronteiriza pioneira en cardioloxía que ten por obxectivo optimizar o diagnóstico temperán de enfermidades cardiovasculares, mellorar a calidade de vida dos doentes e promover un enfoque preventivo que reduza os riscos asociados a estas patoloxías. O proxecto está coordinado polo Servizo de Cardioloxía de Santiago e financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg España-Portugal (POCTEP) 2021-2027.

O investigador do IDIS e xefe do Servizo de Cardioloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, José Ramón González Juanatey, foi o encargado de presentar as principais liñas do proxecto que el coordina dende Santiago. Durante o acto estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz; o xerente da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza, Ángel Facio Villanueva; e o director do Servizo de Cardioloxía da ULS de Gaia e Espinho, Ricardo Fontes Carvalho.

Publicidade

Unión entre cooperación e tecnoloxía

Trátase dun proxecto de colaboración transfronteiriza deseñado para transformar a atención cardiovascular na eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. “É un claro exemplo de como a cooperación e a tecnoloxía poden mellorar a calidade de vida, demostrando que a prevención e a medicina personalizada son o futuro da atención sanitaria nestes dous territorios”, en palabras de Juanatey. “Buscamos mellorar o acceso ao diagnóstico e tratamento desde a atención primaria, facilitando a detección temperá de patoloxías cardíacas, con protocolos comúns e personalizados na eurorrexión, asegurando unha atención equitativa e baseada en evidencia científica”, explicou o investigador do IDIS e xefe do Servizo de Cardioloxía do CHUS.

Durante a presentación, Juanatey resaltou a importancia de liderar o primeiro proxecto de cooperación interrexional entre España e Portugal na área das enfermidades cardiovasculares. “Esta iniciativa ten unha orientación especial, xa que pretende deseñar un modelo de organización asistencial eficiente e cun grande impacto nos resultados de saúde en cardiopatía isquémica, que é a enfermidade que máis prevalece tanto en Galicia como no norte de Portugal”, sinalou. “É unha sorte poder traballar dunha forma tan estreita con profesionais da área norte de Portugal cos que nos unen vinculacións, non só profesionais, senón tamén culturais e de amizade. Oxallá este proxecto sirva para estreitar aínda máis as relacións, mesmo máis aló da medicina en dúas áreas históricas e culturamente tan unidas”, apuntou Juanatey.

Publicidade

Reforzar a capacidade dos sistemas sanitarios

Pola súa banda, Antonio López remarcou o carácter ambicioso do proxecto e a importancia da colaboración transfronteiriza. “O intercambio de coñecemento con Portugal é fundamental para o éxito deste proxecto, podemos avanzar na prevención e tratamento das enfermidades cardíacas, mellorando así a calidade dunha sociedade da eurorrexión á que nos debemos como universidade pública”, sinalou. “Quero agradecer a todos os que traballaron incansablemente para que este proxecto fose unha realidade, a súa dedicación e esforzo e darlles ánimos para que se acaden os obxectivos propostos en New Heart. Estou seguro de que entre todos construímos un futuro máis saudable e prometedor para Galicia e o norte de Portugal”, en palabras do reitor.

Desde a xerencia, Ángel Facio Villanueva puxo de manifesto a necesidade de avanzar cara a un sistema asistencial de maior resiliencia na poboación de ambos territorios. “O proxecto New Heart, liderado polo Servizo de Cardioloxía da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, foi capaz de detectar estas novas necesidades para reforzar a capacidade dos sistemas sanitarios locais e europeos; énchenos de orgullo ser a entidade que lidera e coordina o proxecto e estamos comprometidos cos obxectivos que se perseguen”, asegurou. 

Na xornada tamén participaron os representantes das entidades socias do proxecto, tanto galegas como portuguesas: Maria João Baptista, presidenta do Consello de Administración da ULS de São João; Rui Guimarães, presidente do Consello de Administración da ULS de Gaia/Espinho; Vitor Deveza, en representación da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal; e Amparo Castaño Aguado, en representación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e Unión Europea. No proxecto tamén participan as start-ups galegas Dilemma Solutions e FlowReserve, esta última spin-off do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) que ofrece indicadores de medicina personalizada para o diagnóstico cardiolóxico por métodos non invasivos.

Medicina personalizada, intelixencia artificial e dieta atlántica

Aproveitando as similitudes e proximidade cultural entre Galicia e a rexión norte de Portugal, o proxecto New Heart pretende favorecer tanto a colaboración transfronteiriza como o intercambio de coñecemento. Entre os obxectivos desta iniciativa pioneira atópase a incorporación de técnicas avanzadas non invasivas e o uso de medicina personalizada a través da intelixencia artificial para facilitar a diagnose en fases iniciais, ao mesmo tempo que se mellora a eficiencia de procesos e a calidade de vida do paciente. 

Estes avances na atención cardiovascular dos sistemas sanitarios de Galicia e Portugal levaranse a cabo mediante a optimización de recursos. “Reducir os custos asociados ao manexo da enfermidade cardiovascular mediante procesos mais eficientes e preventivos; garantirán que estas prácticas cheguen a toda a poboación, independentemente do lugar de residencia ou das características demográficas”, explicaron os coordinadores durante o acto de presentación. 

A través de New Heart búscase a unificación dos procesos asistenciais e o establecemento de procesos comúns en Galicia e no Norte de Portugal. A iniciativa pretende reducir as desigualdades e impulsar unha atención con protocolos comúns e personalizados na eurorrexión, mellorando o tratamento de casos complexos. “Ao mesmo tempo, promóvense os hábitos de vida saudables e ponse en valor a dieta atlántica, común a Galicia e Portugal, como base de prevención de enfermidades cardiovasculares, xunto con outras prácticas que reducen a necesidade de atención médica”, sinalaron.

Un futuro máis saudable para a eurorrexión

Con este enfoque pioneiro na eurorrexión, agárdase non só mellorar os indicadores de saúde cardiovascular, senón tamén transformar o modelo asistencial da eurorrexión. Desta forma, a incorporación de procesos baseados en IA permitirá acceder a un maior número de doentes e optimizar o diagnóstico precoz, reducindo significativamente o gasto sanitario fronte aos modelos actuais. 

“A colaboración transfronteiriza en saúde a través do proxecto New Heart non só reforzará a capacidade dos sistemas sanitarios locais, senón que tamén sentará as bases para un modelo replicable noutras rexións con desafíos similares. Galicia e Portugal, mediante esta alianza estratéxica, aspiran a liderar a transformación da atención cardiovascular en Europa”, sinalou Juanatey durante a presentación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia inicia un cribado para detectar cardiopatías conxénitas en neonatos

A proba comezará a realizarse o 2 de decembro a todos os bebés nados en territorio galego e será indolora e non invasiva

Identificado un mecanismo que podería reducir a calcificación vascular en diabéticos

O estudo do CiMUS abre a porta á prevención e tratamento doutras patoloxías como a enfermidade renal crónica

Estes 10 alimentos poden prexudicar o teu corazón

O colesterol elevado, a presión arterial alta, a diabetes ou o sedentarismo son os principais factores de risco para as enfermidades cardiovasculares, que representan a segunda causa de morte en España

A UVigo lanza unha serie de podcast para concienciar sobre as doenzas cardiovasculares

As actividades, organizadas dentro do plan 'Ciencia de ida e volta', inclúen charlas en colexios e institutos