Galicia inicia un cribado para detectar cardiopatías conxénitas en neonatos

A proba comezará a realizarse o 2 de decembro a todos os bebés nados en territorio galego e será indolora e non invasiva

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou este luns que Galicia iniciará o 2 de decembro un novo programa de cribado neonatal para a detección precoz e o tratamento de cardiopatías conxénitas. O obxectivo é identificar este tipo de enfermidades nas primeiras 24 horas de vida dos bebés e antes de que se presenten os seus síntomas a través dunha técnica indolora e non invasiva. Chámase pulsioximetría e serve para medir o osíxeno en sangue do bebé. Así o explica un informe da Consellería de Sanidade que foi avalado esta mañá polo Consello da Xunta.

A Dirección Xeral de Saúde Pública e a Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas realizarán este cribado de forma universal a todos os bebés nados en Galicia. De feito, Sanidade xa remitiu aos hospitais privados galegos o novo protocolo para que tamén leven á práctica este cribado.

Publicidade

As cardiopatías conxénitas críticas presentan unha incidencia de “dous casos por 1.000 nacementos, poden comprometer gravemente a saúde do bebé e son causa do 20% dos falecementos ocorridos no período neonatal”, sinalou Rueda. A maioría dos defectos críticos teñen certo grao de baixos niveis de osíxeno en sangue, polo que, coa pulsioximetría, en menos de 10 minutos pode obterse a sospeita de cardiopatía. En caso de que a proba sexa positiva, o persoal de enfermaría informará a pediatría ou neonatoloxía para facer unha valoración clínica.

Atención inmediata

Se hai signos de alarma, o novo protocolo para confirmación diagnóstica deseñado por profesionais do Sergas marca a realización dun ecocardiograma en menos de 12 horas. Cando non os hai, a proba será realizada en canto sexa posible, sempre en menos de 72 horas.

Publicidade

Cando o resultado do ecocardiograma é compatible cunha cardiopatía conxénita crítica, realizarase unha interconsulta para valoración inicial telemática coa unidade de referencia do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e o bebé será trasladado en menos de seis horas.

Alternativas terapéuticas

As alternativas terapéuticas previstas serían a medicación, un cateterismo cardíaco (como un pequeno orificio na parede interior do corazón) e unha cirurxía cardíaca infantil (que pode ser necesaria para reparar defectos no corazón e vasos sanguíneos, substituír unha válvula cardíaca, colocar un dispositivo no peito para axudar o corazón a bombear sangue ou facer un transplante).

A posta en marcha deste cribado, de forma secundaria, tamén permitirá identificar hipoxemia por outros motivos que poden ser graves (problemas respiratorios parenquimatosos ou anatómicos, hipertensión pulmonar persistente, outras cardiopatías conxénitas, sepse, hipotermia ou hemoglobinopatías).

Ademais da organización das distintas categorías profesionais do Sergas implicadas neste proceso asistencial, este programa de detección precoz supón a compra de monitores para realizar a pulsioxiometría, por valor de 15.077 euros, e a de sensores adhesivos de saturación de osíxeno neonatal desbotable, por valor de 57.172 euros ao ano, que serán financiados pola Dirección Xeral de Saúde Pública.

A iniciativa de Sanidade súmase á proba do talón para detectar enfermidades endócrinas e metabólicas, “a proba máis completa de España”, que lidera a Dirección Xeral de Saúde Pública.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia ampliará de xeito progresivo o cribado de cancro de mama a mulleres de entre 45 e 74 anos

Ao longo do ano 2027 serán invitadas por primeira vez a participar no programa as persoas usuarias nadas nos anos 1982 e 1977

A Xunta declara a situación de seca prolongada nos sistemas do Ulla-Tambre e no da Costa Norte

A falta de precipitacións reduce os recursos hídricos e eleva a vixilancia en 74 concellos, mantendo a alerta nas concas do Lérez e do Anllóns

A Xunta amplía o cribado de cancro de colo de útero ás mulleres de 30 anos

O Goberno autonómico inclúe no seu programa de detección precoz a poboación feminina de entre 25 e 29 anos que non dispoña dunha pauta de vacinación axeitada

Galicia activa un programa para mellorar a vixilancia da infección pulmonar causada pola lexionela

A Consellería de Sanidade, a USC e a Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica analizarán as cepas da bacteria para facilitar a detección de posibles gromos