Os bebés expostos ao tabaco teñen maior probabilidade de consumir antibióticos

Un estudo galego analiza os factores asociados ao consumo deste medicamento cunha mostra de 18.882 mulleres

Mentres que Reino Unido prohibe a venda de tabaco e vapers aos nados dende 2009, as revistas científicas continúan publicando investigacións dos múltiples impactos de fumar sobre a saúde. Un dos últimos estudos é galego e relaciona esta práctica como un dos factores asociados ao consumo de antibióticos en bebés de 4 a 16 meses. Cunha mostra de 18.882 mulleres galegas, as investigadoras revelaron que os bebés expostos a fume ambiental teñen unha maior probabilidade de consumir antibióticos, e, por consecuencia, presentar unha resistencia aos mesmos ao longo da súa vida. A doutora en Epidemioloxía Nerea Mouriño é unha das autoras do traballo e salienta tamén que os bebés que están expostos durante o embarazo teñen máis risco de contraer enfermidades cardiometabólicas ou obesidade. “Hai que tomar medidas. Prohibir, por exemplo, o consumo de tabaco no coche cando haxa menores ou mulleres embarazadas”, apunta.

Son coñecidos os efectos adversos que o fume do tabaco causa nos menores, principalmente polas súas características anatómicas e fisiolóxicas como un menor tamaño dos bronquios e a inmadurez do sistema inmune. Amais, ocorre o mesmo cos vapers, xa que conteñen substancias tóxicas que os nenos poden levar á boca, con consecuencias a longo e a curto prazo. No estudo observouse que só o 2% das nais alegaban que os lactantes estaban en contacto co fume ambiental. En opinión da autora, ás veces as proxenitoras omiten información polo factor social, xa que non está ben visto que o seu fillo estea neses ambientes. “Con todo, neste estudo as nais non sabían cal era o obxectivo, por iso podemos afirmar que os bebés que estaban expostos ao tabaco teñen unha maior probabilidade de consumir antibióticos”, explica Mouriño. A investigadora tamén ten participado noutros estudos onde se evidencia a repercusión do tabaco dende idades moi temperás.

Publicidade

O artigo publicado en Anales de Pediatría calculou a incidencia acumulada co consumo de antibióticos a través dos informes maternos dende o nacemento ata os dous anos de vida. Os resultados amosan que máis da metade dos nenos de ata 16 meses tomaron antibióticos nos dous anos posteriores ao nacemento. Entre os motivos, Nerea Mouriño destaca que a nai sexa menor de 30 anos. “A maior idade da nai, existen menos posibilidades do consumo de antibióticos por parte dos bebés. Quizais ten que ver porque se preocupan nos factores que poden afectar aos seus futuros fillos no ámbito da saúde ou porque teñen maior nivel socioeconómico”, explica a investigadora. De feito, un estudo precedente sinala que as mulleres de idades máis avanzadas tiñan unha boa relación co equipo de atención sanitaria, o que quere dicir que manexan máis información.

Os irmáns maiores, un factor de risco no uso de antibióticos

Na investigación identificouse que a asistencia aos centros de coidado infantil e ter irmáns maiores son un factor de risco para o uso de antibióticos. Neste senso, os irmáns pequenos poden contraer infeccións respiratorias máis temperás en comparación cos seus irmáns. Á vez, o seu sistema inmunolóxico tamén podería madurar antes. “Os nosos resultados suxiren que o risco do uso de antibióticos podería ser menor entre as mulleres”, apunta o estudo, aínda que de momento a asociación é “incerta”. O estudo apunta que acudir a centros de atención médica privados en vez dos públicos relaciónase cun maior consumo de antibióticos no primeiro ano de vida. Isto débese a que os médicos do sector privado poden ser máis “propensos” a receitar antibióticos por “posibles conflitos financeiros” coas farmacéuticas e o medo a perder clientes.

Publicidade

Diminución do consumo de antibióticos en Galicia

O obxecto principal deste traballo consistía en avaliar a incidencia acumulada do consumo de antibióticos dende o nacemento ata os 16 meses de vida, así como identificar os factores asociados. O estudo demostra que o uso destes medicamentos en pediatría diminuíu especialmente despois da covid-19. “Obsérvase unha caída dende 2016 pero, por desgraza, non temos datos máis recentes. Hai unha maior concienciación sobre a resistencia e por sorte estanse tomando medidas máis estritas para evitar a prescrición. Porque aínda que no momento non parece perigoso, máis tarde si que pode selo”, explica Nerea Mouriño. Cómpre sinalar que os antibióticos son un dos medicamentos máis receitados a nenos e a nenas, e aproximadante entre o 20% e o 50% destes son receitas para tratar as infeccións non bacterianas do tracto respiratorio, pero o estudo sinala que “non son efectivos”.


Referencia: Consumo de antibióticos nos primeiros meses de vida: un estudo transversal (Publicado en Anales de Pediatría)

Alba Tomé
Alba Tomé
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo e Máster en Xornalismo e Comunicación Multimedia pola Universidade de Santiago. Traballou como redactora en Público e na Revista Luzes e como responsable de comunicación no Congreso dos Deputados. Os seus primeros pasos no xornalismo foron en RTVE, Europa Press e La Voz de Galicia. Finalista do premio Contar a Ciencia e Premio Egeria 2018.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tres científicos e dúas científicas de USC e UVigo reciben as Medallas de Investigación

Os premios da Real Academia Galega de Ciencias recoñecen a Mabel Loza, Sebastian Villasante, Leandro Alejano, Rosa Crujeiras e Francisco Rivadulla

A USC lidera a creación do primeiro protocolo de vixilancia da saúde dos traballadores expostos a radon

O documento, elaborado por encargo do Ministerio de Sanidade, é pioneiro en Europa con recomendacións para o seguimento sanitario

De residuo da pesca á rexeneración ósea: un estudo galego revela o potencial do coláxeno mariño

O traballo, liderado dende a USC, apunta á biocompatibilidade de restos de peixe e esponxas e ao seu potencial como alternativa ás variantes de orixe mamífera

O CiQUS desenvolve materiais orgánicos porosos semicondutores sen necesidade de dopantes

O traballo, froito da colaboración entre tres grupos de investigación, permite incorporar portadores de carga directamente na estrutura, preservando as súas propiedades cristalinas