Electrocardiograma a un mexillón: o curioso método para avaliar a saúde do bivalvo

Un sensor deseñado en Galicia analiza o comportamento das valvas para coñecer o estrés térmico do molusco en tempo real

O bateeiro é unha das profesións máis emblemáticas de Galicia, adornada cunha paisaxe chea de bateas que cultivan mexillóns nas rías. Mais o futuro présentase incerto para estes profesionais debido ás consecuencias do cambio climático, cada vez máis evidentes. Fronte a este reto, nace o proxecto MoMeNTO, liderado pola investigadora Laura G. Peteiro, que aposta pola monitorización en tempo real do cultivo de mexillón en batea co obxectivo de mitigar o impacto do cambio climático sobre o sector.

A investigación, iniciada en xullo de 2024 cunha duración prevista de ano e medio, está coordinada polo Instituto de Investigacións Mariñas do Consello Superior de Investigacións Científicas (IIM-CSIC) a través dos grupos Ecofisioloxía, biomarcadores e xestión sostible de Bivalvos (EsMaBa) e Procesos Oceánicos en Cambio Global. Conta tamén coa participación do Instituto de Ciencias do Mar do CSIC e o Consello Regulador do Mexillón en Galicia

Publicidade

Ademais, destaca a colaboración coa Federació de Productors de Mol·luscs Delta de l’Ebre. Esta iniciativa achega unha perspectiva mediterránea da vida dos mexillóns, considerada unha posible anticipación das condicións climáticas que poderían afectar a especie atlántica. Deste xeito, presentouse na convocatoria do Programa Pleamar, que impulsa plans innovadores nos sectores pesqueiro e acuícola.

Un 2023 climaticamente “marciano”

“A motivación inicial foi o ano marciano que tivemos en 2023”, comeza a explicar Laura G. Peteiro. No Atlántico rexistráronse temperaturas inusualmente elevadas, con días continuados arredor dos 20 graos.

Publicidade

A situación fixo que o equipo mirase cara ao Mediterráneo, onde estas altas temperaturas son máis habituais e producen un problema climático a maior escala. Os termómetros poden chegar a superar os 30 graos neste lado da península, manténdose así durante longos periodos de tempo.

Froito deste contexto, causado polo cambio climático, Peteiro e os equipos vinculados preguntáronse: “Como podemos monitorizar en tempo real a resposta dos mexillóns en cultivo ás elevadas temperaturas?”. A resposta veu da man da valvometría

Monitorización a través da valvometría

Dende MoMeNTO, estase a controlar o estado do mexillón empregando a valvometría. Este sistema de análise permite aos investigadores coñecer o comportamento do mexillón, proporcionando pistas indirectas sobre o seu estado fisiolóxico. “Usamos esta medida porque nos permite estudala en tempo real”, explica a líder do proxecto. 

O obxectivo principal é avaliar o estrés térmico. A ferramenta de monitorización consiste nun sensor Hall, un imán que xera un campo magnético. Para realizar a medición, colócase un sensor en cada unha das dúas valvas do mexillón. Cando está pechado, o campo magnético acada o máximo; a medida que o molusco se vai abrindo, o magnetismo diminúe. Deste xeito, permite calcular os movementos das valvas en tempo real. “Se engadimos ese movemento do mexillón a unha alta frecuencia, podemos obter moita información sobre o seu estado”, aclara a investigadora.

Ao tentar relacionar esta medida con outros parámetros fisiolóxicos, poden detectar cambios no estado do mexillón que “non sempre indican a morte”. Unha simple perda de condición pode outorgar información relevante para o cultivo, xa que permite identificar deterioracións na saúde antes de que se produzan consecuencias máis graves. 

Sensor de baixo custo do CSIC

Para levar a cabo este proceso, emprégase un sensor de baixo custo desenvolto polo Instituto de Investigacións Mariñas, en colaboración co Grupo de Oceanografía. Este dispositivo permite medir a valvometría ata en 48 individuos

Aínda que xa existían sensores comerciais con capacidade para medir este parámetro, estes só permitían controlar entre un e dous individuos, ademais de ter un custo considerablemente elevado. Así, está ferramenta creada polo instituto permite “abaratar custos e monitorizar máis individuos ao mesmo tempo”, explica Peteiro. 

Sistema de monitorización instalado nunha batea.
Sistema de monitorización instalado nunha batea. Foto: Jose MF Babarro

Neste sistema, os sensores colocados nos mexillóns están conectados a unha maleta que grava os datos de forma continua. Ademais, tamén contan con outros sensores que rexistran a temperatura e a concentración de clorofila, o alimento principal dos mexillóns. Estes datos recóllense en tempo real e transmítense a terra, onde o equipo pode procesalos.

“Nas bateas localizadas en sitios resgardados, parece que o sistema funciona e se mantén”, comenta a investigadora principal. “Como proba de concepto sabemos que se pode facer”, grazas a traballos previos. 

Os últimos anos do mexillón do Atlántico

Con case cinco meses de traballo ás costas, aínda non hai datos deste proxecto, xa que o estudo non se trasladou ao mar. Con todo, nas rías atlánticas lévanse observando dende hai tempo certas cuestións climáticas que afectan o ecosistema. 

A periodicidade das estacións está a cambiar, con anos anómalos climaticamente, como foi o 2023. Segundo explica a investigadora, observáronse fenómenos como “pouco vento do norte e temperaturas moi elevadas”, factores que xa comezan a impactar nas costas galegas.

Ademais, nos últimos anos estanse detectando “situacións anómalas” para os mexillóns. Un dos fenómenos contemplados é o desprendemento destes bivalvos das cordas, algo que moitos bateeiros asocian á subida das temperaturas rexistradas no último ano.

A escaseza de sementes de mexillón é outra das preocupacións, aínda que no 2023 ocorreu todo o contrario. Cando o vento do norte escasea e as temperaturas aumentan, atílase a auga dentro das rías e fan que as larvas se manteñan dentro do asentamento. Con todo, os bateeiros “levaban anos queixándose de que estaba diminuíndo a chegada de larvas á ría”, rememora.

Inicios no laboratorio

Mexillón na fase de laboratorio
Mexillón na fase de experimentación no laboratorio. Foto: Elsa Silva

O proceso comeza no laboratorio, onde o equipo de Laura G. Peteiro parametrizará a resposta do estrés dos mexillóns do Mediterraneo e do Atlántico. Actualmente, están desevolvendo un experimento no que analizan a conducta en oito temperaturas diferentes en función das dúas orixes. “Estamos a ver como o comportamento cambia coa temperatura”, explica a líder, ao mesmo tempo que recollen datos doutras variables fisiolóxicas.

Experimentos previos xa amosaron que, a medida que aumenta a temperatura ata os 15 ou 20 graos, diminúe a porcentaxe de tempo que os mexillóns están abertos. Non é necesario alcanzar as temperaturas mediterráneas para experimentar un gran salto na temperatura.

Tras esta fase experimental, o equipo creará un algoritmo baseado nos datos da valvometría. As sinais deste parámetro aseméllanse a un electrocardiograma, no que se poden identificar sinais características do estrés. “Non mide o latexo do mexillón, senón o comportamento das valvas”, aclara Peteiro. A pesar diso, esta información é crucial para coñecer o estado do molusco. 

O seguinte paso será unha proba de concepto en ambientes reais, no Atlántico e Mediterráneo, para comprobar se os limiares de estrés difiren segundo a contorna.

Destino: unha ferramenta para os produtores de mexillóns

“Este proxecto está sentando as bases para un sistema de alerta temperá do estrés térmico”, explica Laura Peteiro. O obxectivo é que os bateeiros coñezan o estado dos mexillóns e adopten alternativas de manexo para minimizar as perdas no cultivo. Con todo, o desenvolvemento dunha ferramenta podería concretarse nun segundo proxecto, xa que primeiro é necesario demostrar a viabilidade do sistema. “Ese sería o futuro ao que queremos chegar”, informa.

Esta ferramenta podería materializarse como unha app ou software dende o cal os produtores poderían comprobar se os seus mexillóns están ben ou se están a sufrir algún tipo de estrés. Así, en colaboración con organismos ligados á miticultura, “queremos ir gañando ao sector para que as ferramentas que queremos desenvolver realmente sirvan”, explica a investigadora. 

Este sistema de preaviso axudaría a anticiparse ao estrés térmico e tomar medidas preventivas. Por exemplo, trasladar as cordas a bateas na boca da ría, con temperaturas menos elevadas, ou acurtar os ciclos de cultivo. Segundo Peteiro, o máis beneficioso para os mexillóns de Galicia é a intermitencia, asegurando suficiente alimento e unha temperatura máis baixa, mantendo as condicións ás que os moluscos están adaptados. 

Cando ás condicións climáticas cambian, “cústalles adaptarse, pero rematan facéndoo”, comenta. Non obstante, os extremos que estamos a vivir son sempre prexudiciais. “O cambio climático vai aumentar a frecuencia e intensidade dos fenómenos”, o que xa se percibe a simple vista. Neste contexto, no que é difícil predicir, “precísanse datos en tempo real”, conclúe Laura G. Peteiro. 

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea

Noites que matan: cando a calor non dá tregua aínda que caia o sol

En noites de exceso de calor extrema, o risco de morrer aumenta un 2,6% respecto ás noites sen tensión térmica. Por Dominic Royé

É seguro conservar o peixe en envases de plástico? Isto di un novo estudo

Un estudo do CSIC detecta a migración de compostos químicos cara ao produto almacenado en frío. Por Ethel Eljarrat e Maria Vittoria Barbieri

As microfibras son o principal microplástico detectado en bivalvos mariños

Un estudo do IEO de Vigo sinala que as febras azuis son as máis frecuentes e alerta de que as de celulosa rexenerada poden ter riscos comparables aos das sintéticas