O quecemento da auga das rías reducirá á produción de mexillón en Galicia

Unha investigación do grupo Ephyslab da UVigo expón que os cálculos predín un notable aumento do estrés da especie cara a finais de século

O sector do mexillón é un dos principais motores que tira da economía das Rías Baixas e de boa parte de Galicia. Só no litoral galego prodúcese aproximadamente o 40% de todo o Mytillus galloprovincialis que se comercializa en Europa, e un 15% do de todo o mundo. O equilibrio das condicións ecolóxicas das rías é idóneo para o seu desenvolvemento: abonda con pendurar a semente das cordas das bateas para que a natureza os faga medrar. Pero é posible que estas condicións non duren para sempre. Así levan tempo advertindo os científicos que estudan o bivalvo e a súa relación co cambio climático, e así o advirte un novo traballo que acaban de presentar científicos galegos e portugueses na revista Science of the Total Environment. As cifras que manexan os modelos desenvolvidos polo Environmental Physics Laboratory (EphysLab) do campus de Ourense da Universidade de Vigo son preocupantes: nas zonas da corda das bateas máis preto da superficie, o nivel de confort dos mexillóns reducirase en máis do 60% debido ao quecemento da auga, mentres que nas capas profundas superará o 30%. As razóns hai que buscalas no aumento da temperatura da auga das rías.

“A temperatura da auga é clave para o crecemento do mexillón”, explica Marisela Des, investigadora predoutoral do grupo Ephyslab. “Cando está entre 14ºC e 20ºC, as condicións son as axeitadas, pero fóra deses límites, cun maior quecemento, a especie comeza a sufrir e iso repercute en gran medida no seu desenvolvemento”, continúa a científica, que desenvolve as súas pescudas no marco do proxecto MarRISK, unha iniciativa galego-portuguesa para estudar a adaptación do litoral desta rexión ibérica ao cambio climático.

Publicidade

Esquema que representa a perda de produtividade das bateas debido ao quecemento e a estratificación. Fonte: Science of Total Environment.
Esquema que representa a perda de produtividade das bateas debido ao quecemento e a estratificación. Fonte: Science of Total Environment.

O equipo utilizou un modelo numérico para analizar as variables físicas, entre as que estaba a temperatura, pero tamén a estratificación das masas de auga durante os meses de xullo e agosto. Os resultados para finais de século (2080 a 2099) cruzáronse cos datos históricos (1999-2018) e os modelos de predición que amosan os escenarios nas Rías Baixas para os anos 2080 e 2099. E os resultados anticipan un problema que se deberá abordar nos esteiros desta zona de Galicia.

Marisela Des presenta algunha das conclusións: “Mentres que nos datos históricos as condicións son boas para o crecemento do mexillón, atópanse dentro dos seus niveis de confort case o 100% do tempo, no futuro estes períodos redúcense, e aumentan os episodios con condicións nas que o crecemento se ve afectado”.

Publicidade

Sobre a estratificación da masa de auga, o modelo expón que esta aumenta en gran parte da rías. “Con esta situación, o transporte vertical de nutrientes e osíxeno redúcese, e isto tamén afecta negativamente á produtividade”, engade a científica do Ephyslab. A estratificación só reduce nas zonas interiores, máis próximas aos ríos que levan as súas augas cara ao esteiro debido o descenso no caudal destes cursos de auga.

Cambio de situación das bateas?

Ante este panorama, o artigo recomenda “aumentar os estudos ao respecto, porque habería que afondar nesta problemática e así tomar solucións antes de que estas condicións sexan xa patentes”, explica Marisela. Entre as posibles medidas, adianta que os cambios nas condicións físicas da auga das rías podería obrigar, por exemplo, a cambiar a ubicación nos polígonos de bateas das principais rías para atopar as zonas máis axeitadas para o cultivo de mexillón.

Nos últimos anos, diversos sinais amosan que o equilibrio que fai viables as bateas e o cultivo de mexillón podería verse afectado ante o quecemento global. “Hai datos que nos levan a pensar que está xa preto do seu límite fisiolóxico; o Mytillus galloprovincialis vese cada vez máis ao norte, como acontece con outras especies”, engade Des.

Informes multidisciplinares sobre a influencia do cambio climático no cultivo da especie nas rías galegas, como o elaborado en 2008 por investigadores da UVigo e o CSIC, xa constataron nas súas conclusións que os cambios nos réximes de vento e o afloramento inducen un descenso da taxa de crecemento e calidade do produto e un aumento dos episodios de presenza de microalgas nocivas que impiden a comercialización do mexillón. Do mesmo xeito, outras investigación constatan que a acidificación dos océanos tamén repercute no crecemento das cunchas, ao non dispoñer de calcio para medraren.


Referencias: How can ocean warming at the NW Iberian Peninsula affect mussel aquaculture? (Publicado en Science of the Total Environment).

Influencia do cambio climático no cultivo de mexillón das rías galegas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Activada a alerta vermella na costa da Coruña por ondas de máis de oito metros

Meteogalicia acende o máximo aviso para o mércores, o laranxa para o resto do litoral e o amarelo en terra por abundantes precipitacións

Investigadoras galegas demostran que as queimas prescritas axudan os solos a resistir os incendios

Un estudo da Universidade de Vigo avala o procedemento como unha estratexia de xestión forestal sostible

Galicia perde ata a metade das horas de sol nun xaneiro marcado polas borrascas

Un gráfico elaborado polo climatólogo Dominic Royé amosa que foi o segundo máis escuro da serie históricadende 1984, só superado por 1996

Os casos de mpox en Galicia aumentan ata as 12 infeccións

Os afectados son homes cunha idade de entre 35 e 65 anos, coa maioría dos contaxios na provincia da Coruña