“O proxecto New Heart é un fito”. Así define o cardiólogo José Ramón González Juanatey a primeira iniciativa de cooperación transfronteiriza entre España e Portugal no ámbito das enfermidades cardiovasculares. New Heart desenvólvese a través da colaboración dos sectores académico, clínico e tecnolóxico de Galicia e o norte do país veciño. Está coordinado polos investigadores Juanatey e Ricardo Fontes-Carvalho e busca profundar nos principais retos que enfronta a cardioloxía na eurorrexión: o envellecemento da poboación e a cronicidade, a dispersión do rural, a necesidade dun diagnóstico precoz e a loita pola equidade asistencial.
A importancia deste proxecto, que arrancou hai dous anos, parte da incidencia que teñen as enfermidades cardiovasculares —un conxunto de doenzas que afectan o corazón e os vasos sanguíneos— en Galicia e no norte de Portugal: son a primeira causa de falecemento en ambos territorios. Esta eurorrexión reúne 6,2 millóns de habitantes cunha cultura común e unha tradición alimentaria compartida, polo que resulta especialmente beneficioso abordar a cuestión en conxunto, co foco posto nunha poboación moi homoxénea.
A iniciativa reúne diferentes organismos internacionais: o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a spin-off Flow Reserve, a plataforma Naevia Medical, a Fundación Dieta Atlántica, a Universidade do Porto, o Centro Hospitalar Universitário de São João e a Unidade Local de Saúde Gaia-Espinho do Serviço Nacional de Saúde. Así valora New Heart José Ramón González Juanatey, líder do proxecto en Galicia dende o IDIS.
—As doenzas cardiovasculares son a primeira causa de morte global no territorio galego. Cal é o seu impacto real sobre a poboación?
—As enfermidades cardiovasculares representan case o 30 % da mortalidade total de Galicia. Teñen varias características que é moi importante destacar: por un lado afectan as persoas de maior idade e iso condiciona a mortalidade e a cronicidade, que xera un grao de dependencia no paciente. Así e todo, unha persoa cunha afección cardiovascular ben tratada e ben diagnosticada pode vivir unha vida completamente normal. Isto é o que fixo a cardioloxía nas últimas catro décadas. Así e todo, deben terse en conta dúas grandes peculiaridades: estas doenzas teñen un impacto diferente en función do xénero, onde as mulleres presentan unha maior mortalidade, e da posición socioeconómica, onde os niveis máis baixos teñen unha maior vulnerabilidade.
—Cal é o motivo desta diferenza no xénero e o nivel socioeconómico?
—As persoas cun nivel educativo e socioeconómico máis baixo teñen un peor perfil cardiovascular debido a unha peor dieta, a que xeralmente fan menos exercicio, son máis fumadores, e presentan máis factores de risco como hipertensión, colesterol elevado e máis diabetes. O estilo de vida é clave na promoción da saúde cardiovascular: os prospectos melloran moito deixando de fumar, facendo exercicio de forma regular, coidando a alimentación—eliminando os ultraprocesados e a cantidade de azucre que consumimos— e priorizando produtos locais.
En canto á diferenza entre sexos, a muller está relativamente protexida durante a súa idade fértil por mecanismos hormonais, pero despois da menopausa o risco cardiovascular aumenta de forma significativa. Cómpre transmitir a idea de que as enfermidades cardiovasculares —fundamentalmente a cardiopatía isquémica, os infartos, o ictus e a insuficiencia cardíaca— son a primeira causa de morte na muller; hai que fuxir da idea de que só afectan os homes. Hai ocasións nas que elas mesmas teñen dúbidas sobre os seus propios síntomas e tardan uns 30 minutos máis que os homes en buscar atención sanitaria. É unha diferenza importante. No caso do ictus, por exemplo, vense de publicar na Revista Española de Cardioloxía que as mulleres que o sofren teñen máis mortalidade que os varóns porque piden atención de forma máis tardía.
—Cada vez fálase máis de que non todos os síntomas que tradicionalmente se asocian a un infarto se presentan en mulleres, senón que son riscos máis típicos en homes. Como pode ser a sintomatoloxía no caso delas?
—A maior parte dos infartos comparten uns síntomas relativamente uniformes. Hai riscos típicos, como unha opresión no peito que non cambia coa respiración nin os movementos do tórax, unha dor que se estende ao brazo, a mandíbula e mesmo a parte superior do estómago. Non obstante, hai outros síntomas, como a sensación de falta de aire, que poden confundirse con ansiedade, incluso dende a percepción das mulleres.
Si que hai tipos de infartos bastante peculiares da muller, como o síndrome do corazón roto ou de Takosubo, que é máis frecuente na poboación feminina. Xorde como resposta a un estrés emocional que comeza cunha dor. Moita da investigación e a evidencia xeráronse nos varóns; aínda necesitamos estudar máis as peculiaridades que se amosan nas mulleres con enfermidades cardiovasculares para poder previlas e diagnosticalas mellor. Creo que é unha área clave; de feito, é prioritaria no plan europeo de saúde cardiovascular.
—Que tendencia seguen as doenzas cardiovasculares en Galicia?
—Reduciuse moito a incidencia do infarto de miocardio, tamén a do ictus. Isto ten varias causas: ao longo das últimas décadas promocionouse o estilo de vida saudable, leváronse a cabo programas de control da hipertensión arterial, que é o principal determinante do ictus. Fíxose con estratexias de redución do consumo de sal e de detección temperá da presión arterial nos centros de saúde por parte dos médicos da atención primaria. Tamén tivo que ver a identificación precoz dos factores de risco, como o colesterol elevado ou o tabaquismo.
A insuficiencia cardíaca, que é o ‘final común’ de todas as patoloxías que afectan o corazon, está aumentando debido ao envellecemento poboacional. Neste momento é a patoloxía cardiovascular que xera un maior gasto sanitario por hospitalizacións repetidas. Unha das peculiaridades de Galicia, que é unha das metas do proxecto New Heart, é a súa prevención.
—Cal é o principal obxectivo do proxecto New Heart?
A promoción da saúde cardiovascular nas xeracións máis novas. Debemos implicarnos todos e concienciar dende as escolas, as asociacións de veciños, os concellos, as diputacións… É unha responsabilidade social, non só sanitaria. Hai que promover a dieta atlántica e o exercicio, con independencia da idade. Tamén se debe reducir o tabaquismo e o consumo doutras sustancias tóxicas, como os cigarros electrónicos ou vapers, sobre todo nos niveis socioeconómicos máis baixos. En xeral, é preciso fomentar un estilo de vida saudable.
—Neste sentido, posuír información sobre a poboación é moi relevante. Galicia ten un modelo de atención primaria que a fai a comunidade autónoma de España, e probablemente de Europa, cunha maior fortaleza de datos sanitarios. Non hai moitras outras que leven máis de 20 anos cun IANUS [o sistema informático de historia clínica electrónica do Sergas], onde está a información de todos os galegos e galegas. Estamos na mellor posición para impulsar unha transformación dixital porque contamos cunha plataforma dixital única.
—Que medidas do proxecto New Heart se están implementando?
—Levamos a cabo varios programas de promoción da dieta atlántica e da alimentación cardiosaudable, tamén de fomento do exercicio e iniciativas de identificación de perfís de risco dende a atención primaria. Buscamos sistemas para facer máis eficiente a detección de pacientes vulnerables, presentamos modelos de historia clínica electrónica —por exemplo de consulta electrónica entre diferentes niveis asistenciais— e propoñemos tecnoloxías non invasivas (como o TAC) como punto central para o diagnóstico das enfermidades cardiovasculares. Agora mesmo, despois de dous anos do inicio do proxecto, estamos no camiño da implementación en Galicia e no norte de Portugal.
É unha proposta que facemos aos gobernos desta eurorrexión, no contexto europeo, para mellorar a promoción da saúde en todos os grupos sociais, reducir as inequidades de xénero e de nivel socioeconómico, e ampliar o acceso á saúde de persoas que empregan sistemas de monitorización telemática. Tamén valoramos procesos existenciais: como deben circular no sistema pacientes con diferentes doenzas cardiovasculares, que indicadores de calidade deben medirse, como podemos incorporar novas tecnoloxías (como a IA) para volver o sistema máis eficiente, etc.
Gustaríame poñer o foco na vacinación (fronte á gripe, a covid, o pneumococo, o virus respiratorio sincitial (VRS), o herpes…), xa que reduce moito o risco cardiovascular e adestra o sistema inmune que nos protexe fronte a diferentes infeccións.
—Como buscades mellorar o diagnóstico precoz?
—Debemos apoiarnos na asistencia primaria, que é un elemento central da saúde cardiovascular, e levar a cabo programas de avaliación do estilo de vida, de promoción de hábitos saudables, e de identificación dos principais determinantes das doenzas cardiovasculares, como o tabaquismo, a hipertensión, o colesterol elevado, a glucosa alta e a diabetes. Queremos incrementar a eficiencia destas propostas e chegar antes aos grupos máis vulnerables.
—Que supón para o proxecto que se trate dunha iniciativa internacional entre Galicia e o norte de Portugal?
—Esta iniciativa é unha forma de borrar a fronteira nunha comunidade que é moi homoxénea. Sen dúbida, trátase dunha grande oportunidade para Galicia: a colaboración con Portugal vólvenos máis eficientes á hora de captar recursos e proxectos europeos cara á comunidade. Esta cooperación pode dar un impulso á unión co país veciño no que se refire ao desenvolvemento sanitario e a xeración de riqueza.
—Cales son as semellanzas e as diferenzas que presenta o sector da cardioloxía en Galicia fronte a Portugal?
—O ideal é que poidamos crear un programa de historia clínica compartida entre Galicia e o norte de Portugal. O sistema de sanidade público e o modelo hospitalario de ambos territorios son moi semellantes. Somos unha poboación moi homoxénea, cunha estrutura sanitaria tamén moi similar. Ademais, os patróns do estilo de vida e de enfermar en ambos lugares superpóñense moito. Temos moitas máis semellanzas que diferenzas.
—Hai algún patrón que sexa único ao noroeste peninsular?
—No pasado foi o ictus, porque aquí había moita hipertensión derivada dun importante consumo de sal; Portugal era o país da Unión Europea que máis o consumía. Galicia, dentro de España, tamén presentaba esta tendencia, sobre todo pola tradición de preservar alimentos en sal. Ambas rexións levaron a cabo unha estratexia de redución da súa inxesta, o que levou a unha diminución da hipertensión e, en consecuencia, o ictus.
—No proxecto fálase de que a dieta atlántica e o exercicio poden contribuír á lonxevidade que existe na rexión de Galicia e o norte de Portugal. Hai algún factor que deba engadirse a isto?
—A socialización. A soidade, vivir illado, aumenta moitas patoloxías, entre elas incrementan o risco cardiovascular. No rural, en concreto, existe un modelo de socialización interesante. Tamén son comunidades con pouca contaminación ambiental e que están vinculadas a unha tradición vital que fomenta a actividade física. Se tivera que sinalar un só factor para promover a lonxevidade e opoñerse ao envellecemento, sería o exercicio. Poñamos por exemplo unha persoa se activa uns 50 minutos por día, nos que realiza exercicios aeróbicos —como camiñar cunha cadencia de 90 pasos por minuto— e que combina algunhas actividades de forza para evitar a perda muscular. Alguén con ese perfil ten unha esperanza de vida de oito anos máis fronte a un sedentario. De aí a importancia de preservar determinados estilos de vida de Galicia onde o exercicio era un elemento clave.
—Cales son os retos que enfronta Galicia en materia de saúde cardiovascular?
—Debemos conseguir unha lonxevidade activa que reduza a dependencia do paciente e a cronicidade asociadas ás doenzas cardiovasculares. Isto tería un impacto directo na carga social, sanitaria e económica destas patoloxías. Galicia tamén afronta o reto de seguir diminuíndo a mortalidade prematura por enfermidades cardiovasculares. Outra dificultade é a de traballar nos sistemas informáticos para acadar un modelo máis eficiente. Con ese tesouro de máis de 20 anos de datos galegos, hai que determinar como podemos facer que traian valor e recursos á comunidade. É un reto incrible que podería xerar información para orientar as políticas sanitarias, así como atraer inversións empresariais cara a Galicia.
—En que punto se atopa o proxecto New Health, e como complementa o New Heart?
—Podería dicirse que New Health é unha continuación do New Heart. É un proxecto internacional que abarca os sectores cardiovascular e do cancro, que son as dúas patoloxías máis prevalentes. Entre ambas, representan máis do 70 % da mortalidade total desta comunidade autónoma. A iniciativa New Health inclúe socios de todos os territorios fronteirizos de España. É unha oportunidade histórica que está liderada dende Galicia e o norte de Portugal para promover un modelo global e para xerar riqueza no ecosistema biosanitario, que é unha das grandes fortalezas do territorio galego.
















