Venres 29 Marzo 2024

Dous proxectos galegos de cardioloxía personalizada reciben dous millóns de euros

Un deles centrarase en investigar a cardiotoxicidade producida polos fármacos antitumorais e, o segundo, na fibrilación auricular

Investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) acadan case dous millóns de euros de financiación para desenvolver dous proxectos de investigación en medicina personalizada no ámbito da cardioloxía. Ambos buscan ferramentas útiles que se poidan empregar directamente nas consultas cos doentes, así como atopar marcadores de predición: un deles centrado nos riscos cardiovasculares de determinados tratamentos oncolóxicos e o segundo estudo pretende achegar información que mellore o diagnóstico e tratamento da Fibrilación Auricular.

O proxecto Cardiotox

Baixo o título Predición de risco de cardiotoxicidade nas unidades de cardio-oncoloxía. Valor da xenética e diferentes biomarcadores. O rexistro Cardiotox, os investigadores responsables son José Ramón González Juanatey e María Brión e acadaron un financiamento de 959.970 euros do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII) con fondos Next Generation EU para desenvolvelo ao longo dos vindeiros tres anos.

Publicidade

O principal obxectivo é predicir o risco de desenvolvemento de cardiotoxicidade inducida por antitumorais permitindo a toma de decisións clínicas e preventivas para reducir a súa incidencia, así como minimizar ou evitar os resultados cardiovasculares adversos asociados.

O primeiro proxecto ten por obxectivo predicir o risco de cardiotoxicidade inducida por antitumorais

Como subliña o doutor Juanatey, xefe do servizo de Cardioloxía da área sanitaria compostelá: “A pesar do gran éxito obtido durante os últimos anos no tratamento do cancro, os efectos secundarios cardio-tóxicos persistentes das terapias antitumorais seguen supoñendo unha causa importante de morbimortalidade nos sobreviventes do cancro”. Estes efectos poden desenvolverse de forma aguda durante o tratamento, ou mesmo anos despois. Por tanto, a “identificación precoz dos mecanismos responsables do dano cardiovascular derivado da administración a curto e longo prazo dos axentes antitumorais resulta primordial para previr o dano e mellorar o diagnóstico cardiovascular dos pacientes oncolóxicos”, abunda Juanatey.

Actualmente coñécense algúns factores clínicos e epidemiolóxicos que predispoñen ao desenvolvemento de cardiotoxicidade. Existen biomarcadores de risco e algúns estudos de asociación do xenoma completo e estudos de xenes candidatos identificaron variantes xenómicas que poderían estar asociadas á cardiotoxicidade inducida por axentes antitumorais, así como outros marcadores relacionados coa resposta inflamatoria ou co metabolismo celular. Con todo, a falta de validación destes factores, limitou a súa translación á práctica clínica, polo tanto, “con este proxecto trataremos de implementar o uso de estimacións de risco baseadas en factores clínicos, epidemiolóxicos, xenómicos e bioquímicos que, de forma combinada, melloren o diagnóstico personalizado de pacientes oncolóxicos e axuden ao desenvolvemento de novas ferramentas de prevención das complicacións cardiovasculares nestes pacientes”, destaca María Brión, investigadoras do IDIS.

“Os efectos secundarios cardio-tóxicos das terapias antitumorais supoñen unha causa importante de morbimortalidade nos sobreviventes do cancro”

JOSÉ RAMÓN GONZÁLEZ JUANATEY, xefe do Servizo de Cardioloxía

Así, neste traballo buscarase identificar e validar marcadores de risco de cardiotoxicidade severa ou moderada/grave previamente descritos, incluíndo marcadores clínicos, epidemiolóxicos, de imaxe e xenéticos, ademais exploraranse diferentes puntuacións de risco que combinen parámetros clínicos (electrocardiograma, ecocardiografía, biomarcadores e perfís xenéticos) para predicir o risco de toxicidade cardíaca moderada/grave, e definir e validar o algoritmo de risco máis sinxelo para predicir a presenza ou ausencia de toxicidade cardíaca durante o seguimento, tendo en conta a perspectiva de xénero.

A fibrilación auricular

O outro traballo do grupo de Cardioloxía do IDIS que ven de acadar financiación do Instituto de Salud Carlos III (ISCIII) con fondos Next Generation EU cun total de 829.950 euros, está liderado por Moisés Rodríguez Mañero e Sonia Eiras e titúlase Integración de puntuacións de risco polixénico con información multiparamétrica na predición paciente-especifica da aparición, progresión e resposta terapéutica á fibrilación auricular.

Trátase dun proxecto multicéntrico, a desenvolver durante os vindeiros tres anos, no que participan 19 centros de 10 comunidades autónomas: Galicia, Castela-León, Navarra, Aragón, Madrid, Comunidade Valenciana, Murcia, País Vasco, Estremadura e Cantabria.

A fibrilación auricular (FA) é unha das patoloxías cardíacas máis prevalentes, 1 de cada 10 maiores de 65 anos padecen FA,  que deriva nun alto risco de morbilidade e mortalidade. Esta patoloxía implica grandes complicacións clínicas asociadas, como demencia, ictus e insuficiencia cardíaca (IC).

No segundo proxecto participan 19 centros de 10 comunidades

A súa progresión, desde as formas esporádicas e agudas ás persistentes, asóciase a un maior incremento da morbimortalidade. A existencia de concomitantes xenéticos e cardiovasculares (entre eles a obesidade) condicionan o substrato subxacente que favorece o seu inicio e perpetuación. Por outra banda, a terapia de ablación pode causar lesión e xerar fibrose intersticial miocárdica (FIM).

Neste sentido, membros do grupo de traballo xa describiron a asociación entre graxa epicárdica e a súa progresión cara a fibrose; así como a presenza dun perfil bioquímico de FIM complexa, indicador dun excesivo depósito de fibras de coláxeno.  Tamén concluíron que o tempo de finalización do remodelado auricular eléctrico pódese estimar individualmente analizando os cambios na frecuencia de activación auricular.

Unha de cada 10 persoas maiores de 65 anos padecen fibrilación auricular

Descoñécense con todo os condicionantes xenéticos que subxacen nestes procesos. Con estes antecedentes os obxectivos primarios deste traballo son, segundo subliña Moisés Rodriguez Mañero, “a validación de marcadores de risco de FA en pacientes con IC, a validación de marcadores de predición de progresión da FA cara a formas persistentes e por último a validación de marcadores de resposta á terapia de ablación de FA”.

“Os resultados deste estudo poden achegar información clinicamente relevante sobre a fisiopatoloxía da FA que mellore o seu diagnóstico e monitorización do tratamento, contribuíndo a estratificar o risco de evolución clínica adversa para implementar estratexias terapéuticas preventivas”, destaca Sonia Eiras, investigadora do IDIS no grupo de cardioloxía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo constata o potencial da dieta atlántica para reducir o risco de síndrome metabólica

A investigación foi realizada polo IDIS e publicada na revista científica 'JAMA Network'

Un equipo galego demostra que o estómago é capaz de regular o apetito e o peso corporal

O estudo do IDIS revela cambios substanciais na produción da proteína GDF15 a nivel gástrico vinculados coa obesidade, a idade e o xénero

Un equipo galego usa nanopartículas para mellorar o tratamento da fase aguda do ictus

Investigadores do IDIS e da USC reducen os efectos secundarios da única terapia farmacolóxica dispoñible para abordar a enfermidade

A investigadora Cristina Candal presenta un traballo pioneiro sobre mala praxe científica

A tese inclúe a descrición das "paper mills", é dicir, organizacións ilegais que fabrican artigos para a súa venda