Unha nova ferramenta pública creada dende a USC analiza a evolución dos dereitos dixitais na rede

A plataforma DigiTrack, desenvolvida polo CiTIUS, permite identificar tendencias, analizar contidos e comprender o impacto social da conversación en liña sobre liberdades fundamentais

O ecosistema dixital condiciona cada vez máis o exercicio de dereitos fundamentais como a privacidade, o acceso á información, a non discriminación ou a participación. Nese contexto nace DigiTrack, unha ferramenta pública de procura e analítica sobre contidos web relacionados cos Dereitos Dixitais, deseñada para observar como evolucionan estes temas na Internet, detectar tendencias e ofrecer unha base informativa útil para a análise, a comunicación e a acción pública. A ferramenta desenvólvese no marco do Observatorio de Dereitos Dixitais (ODD), co apoio de Red.es.

DigiTrack foi desenvolvida polo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC (CiTIUS), en colaboración coa Fundación Hermes. A plataforma permite consultar e analizar contidos procedentes de fontes dixitais abertas, como noticias, redes sociais, blogs e outros espazos en liña, co obxectivo de ofrecer unha visión máis estruturada do debate público ao redor dos dereitos dixitais.

Publicidade

O seu funcionamento permite identificar temas emerxentes, seguir a súa evolución no tempo, analizar sentimento e emocións asociados aos contidos recompilados e facilitar unha lectura máis ordenada da conversación dixital. Este enfoque alíñase co propósito do Observatorio de Dereitos Dixitais, impulsado por Red.es, de reforzar o seguimento, a difusión, o debate e a promoción dos Dereitos Dixitais entre cidadanía, administracións, universidades, fundacións e organizacións sociais.

Modelos avanzados de IA

O investigador do CiTIUS David E. Losada, responsable do desenvolvemento de DigiTrack, explica que “a ferramenta está dotada de tecnoloxías e modelos avanzados de IA e Recuperación de Información, que foron adaptados ao dominio de dereitos dixitais e que proporcionan ao usuario final servizos como a organización automática de contidos por subtemas, o seguimento temporal de impacto, e a posibilidade de realizar consultas en texto libre mediante un buscador vertical, entre outros”. Para Senén Barro, director científico do CiTIUS, “DigiTrack nace cunha vocación moi clara: transformar información dixital dispersa en coñecemento útil para comprender mellor como se expresan, evolucionan e percíbense os Dereitos Dixitais, particularmente na conversación pública”.

Publicidade

A plataforma está concibida como un recurso útil para administracións públicas, xornalistas, persoal investigador, analistas e organizacións sociais, ao facilitar unha base estruturada para observar tendencias, detectar cambios na percepción social e apoiar diagnósticos, accións de sensibilización ou iniciativas vinculadas á cidadanía dixital. Ese encaixe responde o modelo colaborativo do ODD, no que participan universidades, fundacións e outras entidades para reforzar a protección dos dereitos da cidadanía na contorna dixital. Con DigiTrack, o Observatorio de Dereitos Dixitais reforza a súa dimensión de análise e seguimento, achegando unha ferramenta que permite converter a conversación dixital en evidencia máis comprensible, explorable e reutilizable.


Podes consultar a plataforma DigiTrack na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un científico do CiQUS obtén unha prestixiosa axuda para impulsar un novo enfoque de deseño molecular

Luis M. Mateo é beneficiario dunha Branco Weiss Fellowship, unha das bolsas con máis recoñecemento internacional destinada a investigadores mozos