O reitor da Univesidade de Vigo, Manuel Reigosa, instou onte ao servizos xurídicos a acudir á Fiscalía para investigar a filtración a GCiencia do informe interno por acoso sexual na Facultade de Filoloxía e Tradución. Así o anunciou no Consello de Goberno celebrado este martes, a instacias do decano do centro, José Montero. A súa petición foi recollida pola secretaria xeral da UVigo, María José Bravo Bosch, que declarou: “Temos que comprobar de onde saíu a información. Pediremos á Fiscalía que investigue”.
O asunto foi tratado amplamente na quenda de preguntas do consello, no que o decano de Filoloxía e Tradución se mostrou indignado coa publicación do informe. “Pido que se investigue de onde procede e se tomen as medidas necesarias xudiciais”, xa que lle parece “especialmente grave” o dano que se lle está a causar “a algunhas persoas ás que se lles pon nunha situación polo menos indesexable”, en referencia ao profesor implicado e á instrutora do expediente. O reitor fixo súas explícitamente as palabras de Montero.
Unha das alumnas que aparecen no informe denunciou ante a Policia Nacional, mais o caso foi arquivado por “falta de colaboración da vítima”. No informe interno, a instrutora, María del Carmen Ruiz Hidalgo, recoñecía sospeitas dun “patrón de comportamento” por parte do docente e especificaba que existían polo menos tres alumnas máis que sufriron o suposto acoso. Tras a intervención do decano, Reigosa expresoulle o seu apoio: “É un labor de todos. Se as nosas aulas non son seguras, que cabe esperar aí fora. O traballo da institución dende hai tempo vai na liña correcta e cando xorde algo, hai que ser serios e ir ata o final”. O reitor deslizaba así que, cando se lle notifique á UVigo o arquivo do caso, do que aseguran non ter constancia, continuarán co procedemento.
O procedemento
O reitor describiu, nunha longa intervención, o procedemento que seguiu a Universidade para investigar o caso. Con todo, non explicou por que non se tomaron medidas cautelares contra o profesor sinalado, pese a recoñecer o propio informe interno o seguinte: “Cremos que existiu non só con esta alumna, senón con outras alumnas predoutorais e posdoutorais”. Así mesmo, Ruiz Hidalgo instaba nas conclusións do expediente a continuar investigando e solicitaba tomar declaración a alumnas do departamento para dilucidar as posibles responsabilidades.
O reitor explicou que cando uns feitos que investiga a universidade tamén están a ser obxecto de pesquisas pola Fiscalía ou por un xulgado penal, a normativa obriga a suspender o procedemento disciplinario ata que a autoridade competente autorice a súa continuación. “Isto significa que a Universidade non pode continuar mentres exista unha investigación penal aberta, pero a suspensión non implica arquivo”, sinalou o reitor no Consello de Goberno. Declarou, ademais, que a Universidade reactivará o expediente disciplinario unha vez que se lle comunique que non existe causa penal. Non obstante, a denuncia interposta ante a Policía Nacional só partiu dunha alumna, non das outras tres que sinala o informe.
A estudante que denunciou declarou que, nunha titoría celebrada en xullo de 2024 no despacho do profesor sinalado, el abrazouna, bicouna no pescozo e fixo proposicións de índole sexual. Despois, faloulle a través de WhatsApp, incluso propoñéndolle ir ata a súa casa. Os testemuños doutras alumnas que recolle o mesmo expediente indican que o docente lles facía agasallos, lles propoñía visitalas de madrugada e que lles facía lles escribía de forma inapropiada a través de redes sociais. Unha delas, incluso, chegou a dicir: “A forma na que nos miras e nos tocas é incómoda”.
















A UVigo parece estar máis preocupada da filtración á prensa que de solucionar o caso de presunto acoso por parte dun profesor a varias estudantes. Xa sei a onde non vou a mandar a estudar á miña filla o próximo curso cando empece a súa etapa universitaria. Non entendo como pode pasar algo así nunha institución educativa pública, que exista un patrón de comportamento como o que se describe por parte dun docente con varias estudantes e non se chegue ao fondo do asunto. Moitas grazas por facelo público, GCiencia!