“Paréceme tremendo que non sexas capaz de ver que a maneira na que nos falas e nos tocas é incómoda”. Esta foi unha das mensaxes de WhatsApp que unha exalumna lle enviou ao profesor da Universidade de Vigo implicado nun caso de presunto acoso sexual; un docente que mantén as súas funcións a pesar de que a UVigo admitiu a existencia de claros indicios de veracidade na acusación. A investigación interna, que se abriu tras a denuncia doutra estudante, incorporou ao expediente esta conversación e as de polo menos tres supostas vítimas máis. “Intentaba evitalo e comer a outras horas para non ter que cruzarme con el”, indica a mensaxe dunha delas. A UVigo recoñeceu no seu informe a sospeita dun “patrón de comportamento” do profesor, pero suspendeu o seu expediente disciplinario cando a suposta vítima trasladou o caso á Policía Nacional.
A alumna, de nacionalidade estranxeira, denunciou o caso en Comisaría en febreiro de 2025, 12 días máis tarde de informar á propia Universidade. Foi despois de que acudira á Policía cando un oficio asinado polo reitor, Manuel Reigosa, resolvía a apertura dun expediente disciplinario ao docente, o traslado á Fiscalía de todos os datos recollidos e a suspensión do propio expediente, “entanto non se dilucide a posible responsabilidade penal das condutas denunciadas”. Todo iso, sen que se tomasen medidas cautelares de ningún tipo. A denuncia policial foi arquivada polo xuíz o pasado 3 de marzo por “falta de colaboración da vítima”.
No informe elaborado pola instrutora, a catedrática de Dereito María del Carmen Ruiz Hidalgo, adxúntase varios documentos que recollen os testemuños de distintas alumnas que padeceron supostamente o acoso do docente. En concreto, hai varias capturas de mensaxes de Whatsapp nas que Ruiz Hidalgo aprecia un “relato que se asemella á acusación que fai” a denunciante. Tamén describe un posible “patrón de comportamento” que pasa por que o profesor se fai “imprescindible” profesional e academicamente para a persoa, comparte detalles da súa vida persoal e consegue que se “involucren emocionalmente con el”. Sinala, tamén, un primeiro “contacto físico como abrazos e bicos na meixela” que deriva en que “o bico sexa na boca” ou “poñer a man na cintura”.
O testemuño dunha exalumna
Un dos testemuños que se incorporan no informe é o dunha exalumna da UVigo, agora docente noutra universidade, que achegou á investigación unha conversación por WhatsApp que mantivo co profesor en xuño de 2024. “Esta mensaxe envíolla despois de ver como lle pasaba a man pola cadeira a unha compañeira, preguntarlle despois a ela se estaba todo ben, e que me contase o que pasara con esa persoa. Un relato moi similar ao meu”, escribe a exalumna nun correo dirixido a Ruiz Hidalgo. Nel, conclúe: “Espero de verdade que isto axude a que ninguén máis teña que aguantar a mesma situación”.
No fío de mensaxes que intercambian, a antiga estudante da UVigo repróchalle ao docente a súa actitude cunha terceira persoa, ao que el responde que a súa “percepción foi outra”. O 3 de xuño de 2024, o profesor envíalle unha extensa mensaxe á exalumna, da que non recibe resposta. El volve escribir os días 8, 10, 11 e 12, cando lle propón ir a vela. Ela responde con outro longo whatsapp no que redacta o seguinte: “Non sei cantos anos levo oíndote contar historietas de (posibles) amantes — case todas elas persoas que están ou estaban nun nivel profesional inferior ao teu (…) Fun inxenua. Se é o que me fixeches a min, por que non ibas estar facéndollo a outras?”.
A resposta ao profesor continúa, e nela incide na incomodidade que senten pola forma na que el se dirixe a elas, tanto fisica como verbalmente. “Que cando lle dis a alguén que é especial ou a colles da cintura á mínima de cambio, incomódala. Que se ninguén che dixo nada ata agora é porque es un manipulador nato, un que fai que realmente nos creamos o teu discurso vitimista”, continúa a exalumna. Na mensaxe que lle envía ao docente critica, ademais, a actitude de “aliado feminista” e compárao con Andy Orchard, profesor de literatura inglesa na Universidade de Oxford. Unha longa e exhaustiva reportaxe do medio Al Jazeera destapou en 2021 o “presunto acoso sexual e inicio de relacións sexuais inapropiadas con estudantes de doutoramento”.
Ante esta mensaxe, o profesor da UVigo asegura non sentirse identificado: “Diferéncianme moitas cousas de Andy Orchard e dese tipo de persoas”. Ofrece detalles da súa vida persoal, pero non obtén resposta da exalumna á que dirixe os seus whatsapps. O docente volve escribirlle o día 13 de xuño, o 6 e 19 de xullo, o 1 de agosto e o 2 e o 3 de setembro sen recibir ningún tipo de resposta da súa interlocutora. Todas estas mensaxes se intercambiaron en 2024, o mesmo ano —en xullo, concretamente— no que se produciu o suposto acoso sexual cara a outra alumna, a que denunciou ante a Policía Nacional e motivou a investigación interna.
Evitar o contacto
O informe da UVigo recompila relatos de máis estudantes, que ofrecen o seu testemuño a través de mensaxes de WhatsApp que se incorporan ao expediente. Unha delas asegura que o profesor lle contaba detalles da súa vida persoal e que lle ofrecía agasallos que ela rexeitaba, pero que el enviaba igualmente. “Lémbrome unha vez que quería vir á miña casa (…). Despois do cine. Á unha da madrugada”, apunta. Noutra páxina do informe continúan as mensaxes de Whatsapp, nas que se recolle como el lles escribía por redes sociais: “E unha vez comentoume por Facebook nunha foto que estaba sexy e as compis de uni flipando. Dicindo que tiña que denunciar pero era o meu profe neses momentos”. Noutra páxina do expediente aparecen máis testemuños nos que se reitera que o profesor compartía con elas detalles explícitos da súa vida persoal. “E invitábame ao seu despacho todo o tempo. E eu nunca ía”, indican as mensaxes, que continúan describindo como evitaban atoparse con el.
O relato da denunciante
A alumna que denunciou ante a Policía Nacional declarara en Comisaría que, durante unha titoría celebrada o 12 de xullo de 2024 no despacho do profesor, el abrazouna, bicouna no pescozo e realizou proposicións de tipo sexual. Na queixa que enviara á UVigo antes de interpoñer a denuncia, a estudante relataba como, na reunión, o docente fixo comentarios sobre o seu corpo. “Díxome que sempre lle gustara, dende a primeira clase, e chegou a dicir que se imaxinaba como sería se estiveramos xuntos espidos. Sentinme violada verbalmente”, declara. Despois explica que o profesor tratou de bicala: “Nese momento paraliceime. Sentín medo. Medo do que podía pasar se me resistía”.
O informe da UVigo recolle un correo electrónico onde esta estudante achega máis detalles da súa experiencia. “Falei con alumnas (…), que estes acosos son dende hai décadas, pero teñen medo de dar o seu nome porque aparentemente (…) ten moita influencia á hora de asignar postos de traballo na universidade ou traballos relacionados co ámbito académico”, expón.
No correo tamén describe o comportamento do profesor cara a ela e cara a outras compañeiras: “Buscaba as súas vítimas utilizando a conxuntura que consistía na confluencia dunha enorme barreira idiomática e que non tivera protección”. A contorna desta alumna explicou a GCiencia que a denunciante ten un escaso dominio do español e que está a sufrir problemas de saúde mental o que, segundo indican, xustifica a “falta de colaboración” descrita polo xuíz no arquivo da causa.
No correo electrónico que a estudante envía á instrutora do caso, describe a súa experiencia con outra profesora da facultade: “Intentou disuadirme de que fora denunciar á policía dicíndome que me ía sentir vulnerable, que os policías son machistas, que preciso avogados. (…) Segundo o razoamento de [cita o nome da profesora], cando unha alumna sexa acosada sexualmente, simplemente é mellor que estea calada e non diga nada, xa que é díficil de demostrar, xa que non hai cámaras e debería haber material que probe a violación-agresión sexual”. A alumna expón esta experiencia para concluír “que existe un sistema de protección e encubrimento entre profesores”.
“Un dos meus principais temores era que os docentes tomen represalias dende un punto de vista do rendemento académico debido a que estou expoñendo a miña situación, e en ningún momento me sentín segura nesta universidade”, continúa escribindo a alumna. Quen lanza unha mensaxe final no seu correo: “A finalidade da miña loita é evitar que futuras estudantes sexan sexualmente acosadas (…)”.
O informe escrito por Ruiz Hidalgo propoñía nas conclusións continuar coa investigación, dada a recompilación de testemuños coincidentes respecto do presunto acoso sexual e instaba a que se continuase coas pesquisas “con independencia do curso da investigación policial”. Non obstante, o reitor decretou a suspensións das actuacións á espera de que se dilucidasen as posibles responsabilidades penais.












