Galicia consolídase na elite da física mundial: “Queremos facer un descubrimento relevante”

O IGFAE participará na análise de datos de colisións e na mellora do 'software' do experimento CMS do CERN para optimizar a detección de fenómenos pouco coñecidos

Para quen non coñeza o CERN, trátase do laboratorio de física de partículas máis grande e avanzado do mundo, localizado na fronteira entre Suíza e Francia. Agora Galicia aumenta a súa presenza neste centro grazas á incorporación oficial do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da Universidade de Santiago (USC) e a Xunta de Galicia, ao experimento de propósito xeral CMS (Compact Muon Solenoid). É un dos dous grandes do centro europeo que descubriu o bosón de Higgs. Consolídase, deste xeito, a presenza galega nos grandes experimentos do CERN, sumándose á xa longa traxectoria no experimento LHCb, outro dos detectores do gran colisor de hadróns, no que o IGFAE ten o maior grupo de España; xunto a outro equipo LHCb presente na Universidade da Coruña. “Estamos nun dos experimentos máis importantes do mundo en física de partículas”, sinala Xabier Cid, líder do novo equipo do IGFAE en CMS.

Así, Galicia, un territorio con 2,7 millóns de habitantes, adéntrase nesta investigación despois de que a portavoz de CMS, Anadi Canepa, compartise a aprobación do equipo de goberno do experimento polas capacidades científicas e técnicas do IGFAE. “Consolidamos e melloramos a nosa posición na elite internacional da investigación, en particular en física”, comparte con orgullo o profesor titular da USC. O experimento reúne a máis de 6.000 persoas de máis de 50 países e máis de 250 institucións e universidades. Estas dimensións garanten, como sinala Xabier Cid, que os investigadores do IGFAE poidan saír fóra de Santiago, abríndolles novas oportunidades, e captar talento externo doutras institucións.

Publicidade

O papel do IGFAE

A investigacion que se fai dende o IGFAE resultou atractiva para o CERN. O CMS é un experimento de propósito xeral que abarca moitas cuestións distintas, dende as partículas de longa vida ata o estudo das propiedades do bosón de Higgs, a última partícula fundamental descuberta en 2012. “Trátase dun dos aspectos máis novidosos e importantes da física de partículas”, sinala Cid, xa que coñécese moi pouco dela na comunidade científica. Con todo, poderíase chegar a máis achados, como por exemplo partículas novas —as de longa vida ou a famosa materia escura.

Agora dentro, en que traballarán os investigadores galegos? “Queremos participar en procuras e análises en física de partículas, pero tamén axudar a mellorar o software das ferramentas que ten o CMS”, engade Xabier Cid. Deste xeito, o obxectivo é optimizar a calidade das imaxes que se toman en cada colisión de partículas.

Publicidade

Que son as partículas de longa vida?

Unha das parcelas máis interesantes dentro de CMS son as mencionadas partículas de vida longa (Long-Lived Particles, LLPs polas súas siglas en inglés), nas que está especializado Xabier Cid. A maioría das partículas coñecidas prodúcense, desaparecen e decaen, momento no que pasan a converterse noutra cousa. Con todo, as de longa vida son capaces de “vivir o suficiente” como para percorrer unha distancia antes de transformarse, o que se traduce en fraccións de segundo. “Como viaxan preto da velocidade da luz, isto significa que poden desprazarse“, explica Cid, de forma que os científicos poden rastrexalas de xeito distinto.

Con todo, pouco se coñece do que poden ofrecer: “Dánnos acceso a modelos de nova física“. Ademais, contan con propiedades únicas dende o punto de vista experimental, aínda que para atopalas fan falta detectores especializados. “As capacidades de CMS para buscar este tipo de partículas son moito maiores ás que ten LHCb”, sinala. Así, a investigación vai cara adiante: mellorar os resultados anteriores e consolidar un ideal internacional na física.

Un grupo que irá medrando

Fai un día que se comunicou a chegada do Instituto galego ao experimento CMS. Isto significa que, tal e como explica o investigador, aínda son “un grupo pequeno coa idea de ir medrando a medio prazo“. Pero o que teñen claro é que queren deixar a súa pegada na investigación. No mes de setembro, chegarán ao IGFAE estudantes de doutoramento e investigadores postdoutorais como reforzos para fomentar a colaboración. “A idea é seguir facendo investigación de alto impacto, pero cun maior acceso a datos que antes non tiñamos”, aclara.

Que irá despois?

Na súa mente, Xabier Cid xa ten marcados obxectivos a curto, medio e longo prazo do papel do IGFAE dentro do experimento CMS. A curto prazo esperan “consolidar este esforzo”, pero non só facendo medrar o equipo, senón acadando a relevancia dentro da colaboración. A medio, queren comezar a sacar resultados en forma de publicacións e teses doutorais, que serán defendidas nos próximos cinco anos. “Queremos facer un descubrimento relevante que axude a pór a Galicia no mapa, sinala o líder do equipo que levará ao Instituto galego ao máis alto da investigación en física de partículas.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Inestabilidade e risco extremo de incendio: así será o tempo durante a fin de semana en Galicia

O vento do nordés deixará case 20 graos de diferenza entre o sur e o norte da comunidade galega

O polbo e dúas especies de lura, entre os cefalópodos máis vulnerables ao quecemento do mar en Galicia

Un estudo internacional no que participa o IEO de Vigo analiza como a temperatura, salinidade e profundidade condicionan a distribución das especies

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol