Un novo modelo conceptual revela a elevada complexidade da dinámica do fitoplancto nas Rías Baixas

Un equipo do IEO-CSIC e da UVigo propón un enfoque por capas que evidencia a influencia dos afloramentos na organización das comunidades microscópicas

Un equipo do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC), en colaboración coa Universidade de Vigo, presentou un modelo conceptual que permite comprender mellor o comportamento e a sucesión de especies que forman as comunidades de fitoplancto nas Rías Baixas.

Ata agora, os estudos sobre a sucesión estacional do fitoplancto nas Rías Baixas analizaban os cambios producidos coma se ocorresen de forma homoxénea en toda a columna de auga. Este estudo propón un novo enfoque baseado en observacións de alta resolución espacial e temporal. O resultado demostra que a dinámica do fitoplancto é moito máis complexa e variable, tanto no tempo como en profundidade. Isto vólvese máis patente en resposta aos pulsos de afloramento costeiro (asociado ao réxime de vento) característicos da zona.

Publicidade

Durante a primavera e o verán, o aumento de radiación solar favorece a estratificación da columna de auga. Nestas condicións, establécese entre a ría e as augas de mar aberto (plataforma costeira) unha circulación en dúas capas forzada polo vento: unha superficial e outra de fondo, que circulan en direccións opostas e están separadas por unha capa intermedia con características propias. Cada vez que hai cambios na dirección dos ventos dominantes, e por tanto na dirección da circulación, altérase o fráxil equilibrio dinámico previo entre especies. Como consecuencia deste cambio, pode producirse unha nova sucesión.

Unha investigación por capas

O estudo, publicado na revista Progress in Oceanography, analiza as comunidades de fitoplancto por capas de profundidade. Revela que distintas comunidades poden coexistir simultaneamente en diferentes niveis da columna de auga. A partir destes resultados, os autores propoñen unha nova hipótese que describe unha forte conectividade entre tres capas principais —superficial, intermedia e profunda—, cuxa interacción está directamente condicionada polos episodios de afloramento. Durante estes eventos, establécese un sistema de circulación vertical que cambia de sentido segundo as condicións oceanográficas, funcionando de xeito similar a unha cinta transportadora que move organismos entre capas.

Publicidade

Na capa intermedia fórmase un máximo subsuperficial de clorofila que actúa como un reservorio ou “banco de sementes” de especies de fitoplancto. Dende esta zona, as especies poden ser transportadas tanto cara á superficie como cara ao fondo, favorecendo o intercambio continuo entre comunidades. Por este motivo, os ecólogos identifican esta capa intermedia como unha capa ‘hub’, é dicir, un punto central de conexión que regula a distribución e sucesión das especies en toda a columna de auga.

As observacións proveñen das mostraxes específicas deseñadas no marco do proxecto REMEDIOS e incluíron unha vixilancia semanal estacional.

O valor do fitoplancto na comprensión dos ecosistemas mariños

“A variación espazo-temporal das comunidades de fitoplancto e das estratexias adaptativas das especies que as integran é esencial para comprender o funcionamento dos ecosistemas mariños e anticipar os cambios nos bens e servizos que prestan á sociedade, especialmente nun contexto de fitoplancto tóxico, cambio climático, sobreexplotación de recursos e contaminación”, explica Esther Velasco Senovilla, autora deste traballo.

A investigadora, cuxa tese doutoral motivou esta investigación, engade: “Noutras palabras, trátase de anticipar que especies poden ser as gañadoras e cales as perdedoras na dinámica competitiva de axuste ás condicións ambientais cambiantes”.


Referencia: Upwelling events, depth varying succession of phytoplankton assemblages and vertical connectivity: A conceptual model (Publicado en Progress in Oceanography)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As claves do regreso das candorcas: por que volven a avoa Toñi e a súa manda ás Rías Baixas?

O grupo, de entre oito e dez exemplares, regresa por terceiro ano consecutivo a Galicia seguindo o rastro do atún vermello e xeran interaccións coas embarcacións

O chorro polar impulsa un episodio de calor que rozará os 40 graos en Galicia

MeteoGalicia activa avisos amarelos e laranxas por temperaturas máximas nas Rías Baixas, Ourense e o sur de Lugo

Detectada por primera vez na costa galega unha macroalga invasora tropical

Un equipo do IEO de Vigo acha un exemplar de 'Asparagopsis taxiformis' nas Rías Baixas, a cita máis setentrional rexistrada ata a data en augas europeas

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa