A microalga tóxica das rías galegas adapta o seu ciclo vital aos afloramentos das mareas

'Dinophysis acuminata' resiste en augas exteriores e medra rapidamente na costa cando se dan as condicións óptimas

Científicos do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC), do Centro i∼mar & CeBiB (Universidade Os Lagos) e do Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC) publicaron un estudo que achega novos datos sobre as adaptacións da microalga tóxica Dinophysis acuminata e que lle permiten manterse todo o ano entre a ría e augas exteriores da plataforma.

O estudo, que acaba de publicarse na revista Harmful Algae, mostra que as células desta microalga, principal causante das prohibicións de marisqueo nas rías galegas durante a tempada de afloramento entre marzo e setembro, poden permanecer na capa de auga superior e ser arrastradas fóra das rías, onde atopan refuxio e permanecen ata que o vento as transporte de novo á ría dándose as condicións para unha nova floración. “Estas microalgas válense da circulación típica do sistema de afloramento coma se se tratase dunha cinta transportadora reversible”, explica Esther Velasco-Senovilla, investigadora do IEO e primeira autora do estudo

Publicidade

Os resultados demostran a resiliencia de D. acuminata que é capaz de pasar da ría á plataforma e tolerar cambios bruscos de temperatura e turbulencia. Con todo, require de condicións moi específicas para o seu crecemento, que só se producen nunha marxe estreita de condicións de temperatura e salinidade e en presenza do ciliado Mesodinium, do cal se alimenta para roubar os seus cloroplastos. “En contra do defendido por outros autores, os intercambios entre ría e plataforma máis intensos favorecen as floracións desta especie”, apunta a científica.

As mostraxes para este estudo realizáronse en xuño de 2013 nas rías de Vigo e Pontevedra e a plataforma continental adxacente a bordo do buque oceanográfico Ramón Margalef, durante a campaña ASIMUTH Rías. Recolléronse mostras para análises de fitoplancto e pigmentos e rexistráronse datos das variables hidrográficas de interese ao longo de seccións transversais do interior das rías á plataforma e durante un ciclo de 36 horas nun punto de mostraxe fixa, o que permitiu estudar con moito detalle o nicho da especie. O estudo inclúe, por primeira vez neste tipo de análise, as distintas formas ou estadios do ciclo vital de D. acuminata, o que permitiu identificar os cambios ambientais que promoven o seu desenvolvemento.

Publicidade

“Os resultados deste traballo permítennos entender como D. acuminata responde os cambios repentinos das condicións ambientais e como se mantén no sistema durante toda a estación de afloramento”, explica Velasco-Senovilla. “Dito doutra maneira, agora comprendemos por que esta microalga é tan persistente nas Rías Baixas e por que provoca (en cuestión de horas) picos de acumulación de toxina diarreica nos mexillóns despois dun cambio de dirección do vento”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo revela novas claves para anticipar as floracións tóxicas que afectan as rías galegas

Unha tese do IEO-CSIC afonda na bioloxía dunha microalga e nos factores ambientais que condicionan as súas proliferacións

Documentadas por primeira vez en Galicia dúas especies mariñas de augas cálidas

A detección de cinco sardinelas lombudas e un ermitán vermello grande aporta nova evidencia sobre os cambios na distribución de especies no Atlántico

Unha nova investigación identifica os xenes asociados a defectos de pigmentación en rodaballos de cultivo

Un equipo do IIM-CSIC revela unha importante base xenética tras as anomalías e abre novas vías para a mellora dos programas de selección en acuicultura

Vigo rexistra as maiores concentracións de “contaminantes eternos” da costa atlántica peninsular

Un estudo do IEO-CSIC analiza a presenza de PFAS en mostras de moluscos recollidos dende Francia ata o Golfo de Cádiz