Nun ano coas temperaturas do mar disparadas polas ondas de calor mariñas sen precedentes que se están a vivir, Vigo pon o foco nas súas consecuencias. Un equipo con máis de 40 investigadores de cinco países abordan dous grandes desafíos ambientais: como afectan o equilibrio dos ecosistemas oceánicos e tamén que interacción existe entre as floracións de microalgas nocivas, coñecidas como mareas vermellas, e as praderías mariñas de Zostera.
O experimento, chamado Cellbloom, combina dous ensaios principais desenvoltos en condicións case naturais co sistema de mesocosmos da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat). Este permite traballar con auga mariña recollida directamente da ría de Vigo e manter condicións ambientais controladas.
A afectación nos ecosistemas
O primeiro dos ensaios busca entender como as ondas de calor mariñas afectan os ecosistemas acuáticos, un fenómeno cada vez máis frecuente debido ao cambio climático. Empréganse seis mesocosmos (tanques plásticos de 1.500 litros de capacidade), que se enchen con auga mariña natural. Destas, tres sométense a un quecemento controlado mediante resistencias eléctricas que elevan a temperatura da auga tres graos por riba da das outras tres bolsas que serven de control.

Desta forma, pódense analizar con precisión os efectos do quecemento na composición e funcionamento do fitoplancto, bacterias e outros microorganismos, así como na dinámica xeral do ecosistema acuático contido en cada bolsa.
O responsable desta iniciativa no CIM e investigador principal do grupo de Oceanografía Biolóxica, Emilio Fernández, sinalou que esta montaxe experimental permite estudar baixo condicións controladas, pero próximas ás reais, o impacto das ondas de calor mariñas. Isto, grazas á capacidade de manter unha diferenza térmica estable e constante entre as bolsas de mesocosmos tratadas e as de control polo seu acceso directo ao mar. “Podemos traballar con comunidades naturais en volumes grandes, e durante períodos de tempo relativamente extensos, en comparación co traballo de laboratorio”, destacou.
Interacción entre Zostera e microalgas tóxicas
O segundo experimento analiza o potencial papel que teñen os compostos liberados pola planta Zostera mariña para inhibir o crecemento das microalgas tóxicas que provocan as mareas vermellas, un fenómeno que prexudica gravemente a biodiversidade mariña e afecta a actividades económicas como a pesca e o marisqueo.
Para iso, utilízanse mostras de auga natural da ría de Vigo, as cales se colocan en seis recipientes, engadindo o exsudado producido por Zostera en tres deles mentres que nos outros non se incorpora este material, actuando como control. Supervísase o crecemento e a proliferación do fitoplancto, especialmente os dinoflaxelados, entre eles os potencialmente tóxicos, avaliando se os compostos de Zostera exercen un efecto inhibidor ou regulador sobre os organismos potencialmente nocivos, tal como xa comprobou o grupo de Oceanografía Biolóxica do CIM en condicións de cultivo en laboratorio.
Este experimento permite explorar posibles solucións naturais e sostibles para mitigar o impacto das mareas vermellas, contribuíndo á conservación dos ecosistemas e ao desenvolvemento de estratexias baseadas na biotecnoloxía azul.
Tecnoloxías innovadoras

Nos experimentos, están a realizarse medicións para avaliar a resposta ao estrés térmico de procesos clave, como a absorción de nitróxeno polo fitoplancto, a actividade bacteriana ou a dos herbívoros. O estudo incorpora tamén tecnoloxías de identificación de microalgas mariñas por fluorescencia desenvolvidas pola Universidade do Minho.
Ademais do sistema de mesocosmos, os científicos e científicas traballan co Laboratorio Móbil Avanzado do EMBL, un vehículo que permite procesar e conxelar mostras ao instante para a súa posterior análise mediante microscopía electrónica de alta resolución. “Este enfoque permítenos estudar o impacto das floracións de algas tóxicas e as ondas de calor mariñas, ata chegar aos procesos moleculares que ocorren dentro das células individuais implicadas nestes fenómenos”, explicou Niko Leisch, director do Servizo do Laboratorio Móbil Avanzado do EMBL.
A campaña conta co apoio de preto de 40 investigadores e investigadoras procedentes do EMBL, o CIM, o Biology Centre da Academia Checa de Ciencias, o CNRS de Francia, a Universidade do Minho e a Universidade de Las Palmas de Gran Canaria, consolidando unha rede internacional multidisciplinar de excelencia.
Podes ler o artigo completo do DUVI aquí.














