O Servizo de Cardioloxía do Hospital Público Álvaro Cunqueiro vén de realizar o primeiro implante a nivel mundial mediante unha nova técnica para tratar a estenose aórtica. É dicir, un estreitamento da válvula aórtica que provoca que o ventrículo esquerdo do corazón teña que esforzarse máis para bombear sangue. A intervención foi dirixida polo doutor José Antonio Baz Alonso, xefe de Sección Intervencionista do Servizo de Cardioloxía do Chuvi e investigador do Grupo de Investigación Cardiovascular do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (IIS Galicia Sur).
A intervención, que foi realizada nas últimas semanas a un paciente de 77 anos, consistiu no emprego dunha nova técnica TAVI (Transcatheter Aortic Valve implantation). Esta permite reposicionar a prótese Allegra, con sistema de entrega Imperia, obtendo unha maior precisión na posición final e maior rendemento da válvula implantada, reducindo previsiblemente a taxa de morte ou de reingreso por insuficiencia cardíaca neste tipo de pacientes.
Tal e como explica o doutor José Antonio Baz: “Esta técnica, que é a primeira vez que se emprega neste tipo de válvulas a nivel mundial, chega froito dun proxecto internacional de investigación previa no que o Servizo de Cardioloxía do Chuvi foi o que máis pacientes e casos de estudo incluíu”.
En vangarda na investigación
O Servizo de Cardioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, que dirixe o doutor Andrés Íñiguez Romo, posúe unha ampla traxectoria na investigación e emprego de novas técnicas no tratamento de afeccións cardíacas. Neste sentido, cómpre indicar que este Servizo de Cardioloxía é “Centro de Excelencia” polo laboratorio B Braun (Melsungen, Alemaña), fabricante dun novo sistema menos invasivo para o tratamento de determinadas afeccións coronarias. Este recoñecemento tan só o posúen dous hospitais no mundo: o primeiro deles, situado en Postdam (Alemaña, país de orixe do laboratorio) e agora, o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Así mesmo, investigadores do IIS Galicia Sur, pertencentes ao Servizo de Cardioloxía da Área Sanitaria de Vigo, presentaron en marzo pasado nun dos principais congresos a nivel mundial de cardioloxía os resultados dun ensaio clínico que mostra que o emprego dun fármaco novo para tratar a diabetes (dapagliflozina) mellora os prognósticos de pacientes con estenoses aórticas sometidos a intervención valvular cardíaca. Así, segundo este ensaio denominado DapaTAVI (Dapagliflozin after Transcatheter Aortic Valve Implantation), este tipo de pacientes reducen sensiblemente a súa taxa de morte ou de reingreso por insuficiencia cardíaca.
Entre estes últimos avances tamén é salientable a publicación na revista científica Circulation dun estudo multicéntrico español, no que contribúe de maneira destacada o Servizo de Cardioloxía do Chuvi. Neste analízase o tratamento con atorvastatina para frear a progresión da enfermidade valvular ou aórtica en doentes diagnosticados de válvula aórtica bicúspide. A válvula aórtica bicúspide (VAB) é unha anomalía conxénita que aparece en 2 de cada 100 persoas. A duración destas válvulas é limitada, e se estas persoas chegaran ata os 80 anos, máis do 80% terían algunha complicación ou serían sometidos a unha intervención cirúrxica de recambio valvular.














