Cirurxía revolucionaria en Vigo: extirpan por primeira vez no mundo un tumor de próstata cunha soa incisión

O servizo de Uroloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro aposta por unha abordaxe pouco invasiva que reduce a dor postoperatoria e o risco de infección

O servizo de Uroloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo levou a cabo unha operación pioneira: a extirpación dun tumor de próstata mediante cirurxía robótica utilizando tan só unha incisión, a través da que se extraeu a glándula prostática. Esta abordaxe minimamente invasiva, realizada coa plataforma robótica Da Vinci Xi, supón un avance revolucionario, debido á menor dor postoperatoria e o menor risco de infección que supón reducir o número de incisións.

A operación, unha prostatectomía radical —extirpación completa da próstata por cancro—, levouse a cabo con éxito a través dunha única pequena incisión abdominal. Nos procedementos robóticos convencionais empréganse normalmente varias incisións para introducir os distintos brazos do robot e a cámara, pero neste caso o equipo médico utilizou un porto especial que permitiu acceder con todos os instrumentos pola mesma abertura. “Conseguir extirpar o tumor cunha soa incisión reduce ao mínimo a agresión cirúrxica”, explicou o doutor Enrique Cespón, xefe do Servizo de Uroloxía que participou nesta intervención.

Publicidade

Máis de 400 operacións urolóxicas coa plataforma Da Vinci Xi

Este fito cirúrxico foi posible grazas á ampla experiencia do centro en cirurxía robótica e á súa aposta pola última tecnoloxía. O Álvaro Cunqueiro incorporou a plataforma Da Vinci Xi en 2021 e, desde entón, realizáronse máis de 400 procedementos urolóxicos. Actualmente, o servizo realiza a prostatectomía radical mediante un acceso extraperitoneal, é dicir, sen abrir a cavidade na que se localiza o intestino, técnica que supón unha menor agresión durante o procedemento.

O servizo de uroloxía conta coa maior experiencia en España nesta abordaxe. “A nosa experiencia acumulada co robot Da Vinci permítenos abordar casos extremadamente complexos e minimizar a agresión durante o procedemento”, comenta Enrique Cespón. “Contar con máis de 400 cirurxías robóticas deunos a confianza e a pericia necesarias para impulsar técnicas pioneiras ao servizo dos nosos pacientes”, remarca. Ademais do valor simbólico de ser unha cirurxía pioneira, o principal beneficiado é o paciente, facilitando que a súa recuperación sexa máis rápida e segura.

Publicidade

Desde a dirección da Área Sanitaria de Vigo sinalan que continuarán investindo en tecnoloxía punteira para ofrecer aos pacientes as mellores opcións terapéuticas, asegurando que “cada avance logrado non só mellora a calidade de vida dos doentes, senón que nos impulsa como institución a seguir innovando”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un de cada doce homes con cancro de próstata de alto risco ten alteracións xenéticas hereditarias relevantes

Un equipo de Santiago publica un estudo co que avanza na comprensión da enfermidade e cara a unha medicina máis personalizada

Vigo, entre as 20 cidades europeas con máis alertas de po sahariano de 2026

Un novo informe de Copernicus contabiliza nove xornadas con avisos no enclave galego, na súa maioría de intensidade moderada-alta

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro

Vigo rexistra as maiores concentracións de “contaminantes eternos” da costa atlántica peninsular

Un estudo do IEO-CSIC analiza a presenza de PFAS en mostras de moluscos recollidos dende Francia ata o Golfo de Cádiz