Cidades nas que vivir

Sempre fun unha nena vella. Viejoven, din agora. Se non, que llo digan a aquela rapaza de 11 anos que preferiu ver París —non vaia ser— a ir a Disney, a pesar de que seus pais llelo puxeran en bandexa. A decisión estaba exclusivamente nas miñas mans: só tiñamos tres días e eu debía elixir se ver a Torre Eiffel ou a Mickey Mouse. Teño un recordo nítido dunha disxuntiva que non me causou a máis mínima dúbida: París, sempre París. Un parque de atraccións? Xa era demasiado maior para iso. Sempre o fun.

Este verán volvín a París. Pasaron 20 anos dende aquela viaxe na que me fascinou ver a Torre Eiffel iluminada, a tumba de Oscar Wilde chea de beizos pintados e os inmensos xardíns de Versalles. Durante dúas décadas cultivei con mimo o recordo dos pintores na praza do Tertre e soñaba con que un día volvería para que me fixeran unha caricatura. Teño a imaxe viva do metro de París, do cansazo de camiñar quilómetros e das cores desgastadas que sempre regalan as cámaras analóxicas. 

Publicidade

Volvín a París este verán pensando que non atoparía cambios. Que unha metrópole tan xigantesca, tan visitada e tan turística tiña que manterse exactamente igual. Que os ollos daquela nena de 11 anos eran os mesmos que visitarían París con 31. En certo modo, a cidade é exactamente a mesma. Como di meu pai, os edificios históricos non se moveron de sitio: a Ópera e o Arco do Triunfo non se desprazaron nin un centímetro. Pero hai algo da esencia de París que xa non existe. Iso, ou que a memoria retorce os recordos. Pode que haxa máis verdade nesta última frase da que me gustaría admitir.

O que rompeu a maxia das miñas lembranzas foi visitar o barrio de Montmartre. Tiña ganas de volver á praza dos pintores, de subir ao Sagrado Corazón e de vagar polas rúas para descubrir novos recunchos que non vira cos ollos de nena. Coincidiu que se estaba a celebrar a final do Tour de Francia, e o barrio estaba masificado de seguidores e turistas. Iso, evidentemente, non contribuíu ao bo recordo. Pero o que rompeu os meus esquemas foi ver que na praza do Tertre instalaron terrazas fixas dos bares do arredor. Os pintores xa non eran os donos do espazo, senón que estaban arrecunchados nun terzo do recinto. Estaban tan amontoados que sentín unha mágoa inmensa. Xa non é o que era.

Publicidade

Á decepción de Montmartre sumei a Torre Eiffel, que me fascinara cando era cativa. Agora xa non podes pasar por debaixo dela sen pagar. Está acristalada na súa base e dentro hai postos de diversa índole para facer a espera máis levadeira. E que dicir da Ópera, chea de influencers facéndose sesións de fotos con cámaras e equipos profesionais. Ou das hordas de turistas en Versalles que impedían ver con comodidade cada unha das salas. E de que me queixarei eu, se era unha máis daquelas persoas que se empuxaban por conseguir a mellor imaxe para colgar na súa conta de Instagram. 

Neste edificio viviu Van Gogh. Miña irmá sacou esta foto durante un tour.

Deixei estas reflexións escritas no meu diario de viaxe e lembreinas esta semana, tras falar con Pablo Villar-Abeijón. É galego, pero investiga na Universidade Autónoma de Barcelona, e acaba de publicar un estudo xunto a Alberto Rodríguez-Barcón, da Universidade da Coruña. Nel analizan os patróns de xentrificación da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, e van analizando os cambios que se produciron nos últimos anos: barrios que se revalorizan cando sempre estiveron á marxe. Igual que Montmartre.

A evolución das tres cidades galegas é moi distinta, como tamén o é a súa organización e as súas circunstancias: do porto da Coruña á industria de Vigo, e dos turistas e universitarios que determinan o devir de Santiago. Máis alá da encomiable radiografía que Pablo e Alberto fan da xentrificación en Galicia, o interesante é como invitan a reflexionar sobre os cambios que se producen nas cidades. Eu estudei en Santiago e sempre tiven que esforzarme por esquivar peregrinos na rúa do Franco pero agora, cada vez que vou, xa non son capaz de evitalos. E penso nas amigas que se foron do centro histórico, nas que fuxiron ás aforas e nas que ven unha cidade cada vez máis impracticable.

E penso tamén en Vigo. Non medrei aquí, pero estou vinculada a ela dende que nacín. Lembro o centro histórico de comezos dos 2000, con vivendas moi deterioradas. Era un lugar a evitar, non para pasear. Agora gústame ir tomar algo ao solpor, os domingos antes de comer, e pasear polas rúas rehabilitadas. Aquí, a xentrificación deulle unha nova vida e supuxo unha mellora evidente. Despois vexo os desorbitados prezos dos alugueres en Teis, un barrio histórico e obreiro por excelencia, e a urbanización que están a facer no barrio do Cura e sinto que a cidade me desgasta. Que están ben as políticas públicas de rehabilitación, de mellora, pero non de exclusión. 

Mapa creado por Pablo e Alberto sobre a xentrificación en Vigo. En vermello, onde hai unha concentración máis alta.

E penso en como se altera a anatomía da miña cidade cada Nadal, onde o centro urbano se converte nun parque de atraccións de luces e gasto público. Non é un Vigo para desfrutar, como o resto do ano, senón un produto turístico para os que veñen de fóra. Pregúntome para que serven as cidades se non é para as persoas que viven nelas. Por que priorizamos o turismo e non a poboación estable. E por que non se buscan alternativas como as de Torrejón de Ardoz, que converte un descampado nun parque fermoso de Nadal no que hai que pagar unha entrada asequible. Hai alternativas, pero as luces (e o márketing) non sempre nos deixan velas. 

Se hai un exemplo de xentrificación extrema é o do barrio de Triana, en Sevilla. Visitei a cidade hai xusto un ano e fixen un tour polas súas rúas, os seus corrais e a súa historia. Eu tamén fun turista e, dende o privilexio, lamento contribuír a el, a esa forma de exiliar e desarraigar a súa poboación e de, en resumidas contas, marxinala. 

As cidades cambian e deben cambiar. Pontevedra é para un min un exemplo magnífico de como se peonalizaron os espazos e se lle devolveron á xente. Dá gusto pasear polo centro, pola zona histórica, sen ver coches nin o fume dos motores. Esa mudanza vaise aplicando progresivamente a Vigo, que tamén o fixo na porta do Sol. Ou incluso de vilas como A Estrada, na que nacín e medrei, que impulsou a peonalización da súa rúa principal e da praza de Galicia, un dos puntos neurálxicos. Talvez o próximo paso sexa dotar de árbores e deixar de lado o formigón e o cemento. Aínda que xa deberían contemplarse nos proxectos por unha cuestión básica de sentido común.

Só podo falar dos exemplos que coñezo e da miña experiencia. Non sei como mudaron outras cidades, como a xentrificación introduciu melloras pero tamén levou poboacións ás marxes. É responsabilidade de todas crear cidades para vivir, non parques de atraccións para os turistas. Pero é inxusto queixarse do prexudicial que é cando unha tamén contribúe a facer o mesmo no estranxeiro. Non sei se deberiamos falar de turismo responsable, das polémicas taxas turísticas pero, sobre todo, da responsabilidade última das administracións. De como as cidades teñen que ser amables, fáciles de percorrer e dar servizos á xente que vive nelas mentres buscan un equilibrio co turismo. O que non podemos é convertelas en espazos hostís.

Non teño a solución. Non creo que, de momento, ninguén a teña. Probablemente requira de moita planificación e sentido común. Non sei que opinaría a Laura de 11 anos, pero diría algo parecido. Sempre foi unha nena vella.

Agora si, imos cos temas da semana!


⚫ Histeria no XVIII ⛪ Uns canteiros atoparon en 1760 un corpo saponificado nunha igrexa de Noia. A xente pensou era un santo e arrincáronlle con violencia diversas partes do corpo para usalas como reliquia. Iso impulsou unha investigación por parte do arcebispado de Santiago moi interesante. Non perdas esta reportaxe.

⚫ Condutas suicidas 🐚 Non é doado falar das condutas suicidas nin das mortes por suicidio, pero é necesario para crear concienciación. A miña compañeira Andrea escribiu esta reportaxe sobre un estudo da UVigo, que desvelou que un de cada cinco mozos e mozas galegos presenta un nivel de risco de conduta suicida entre moderado e alto. 


Recomendación semanal 🪶

Na redacción están cansas de escoitarme falar de Arde Bogotá, un dos meus grupos de música favoritos. Prefiro non falar de que non puiden conseguir entradas para o seu concerto en Vigo o 29 de outubro, pero si do seu novo disco, que estou escoitando en bucle dende que saíu a comezos de mes. Gústanme particularmente Antifiesta e Asidero, pero hai unha canción que ten unha letra que me chega moi dentro. É Olivos:

Que hay algún lugar donde el aire
Huele a sal y viene a contarte
Que a todos los olivos miserables
Vendrá la primavera a abrazarles

E lembroume ao que me dixo unha amiga unha vez, cando estaba a pasar un mal momento. Así que entre as súas palabras e as de Arde Bogotá, recorda sempre que a primavera volve.


Ciencia en confianza é unha newsletter de GCiencia que se lanza todos os sábados ás 10 horas para analizar os temas da semana dunha forma persoal e próxima. Se estás interesado ou interesada en recibila no teu correo, subscríbete aquí.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos

Vigo, entre as 20 cidades europeas con máis alertas de po sahariano de 2026

Un novo informe de Copernicus contabiliza nove xornadas con avisos no enclave galego, na súa maioría de intensidade moderada-alta

Volven as G-Night: máis de 150 actividades científicas nas rúas das sete cidades galegas

Máis de 500 investigadores achegar experimentos, obradoiros e demostracións a públicos de todas as idades o 25 de setembro

Vigo rexistra as maiores concentracións de “contaminantes eternos” da costa atlántica peninsular

Un estudo do IEO-CSIC analiza a presenza de PFAS en mostras de moluscos recollidos dende Francia ata o Golfo de Cádiz