Un equipo da USC revela que o metabolismo non é consecuencia directa dos ritmos biolóxicos

Os achados abren novas perspectivas para o tratamento personalizado de trastornos como a síndrome metabólica ou as alteracións asociadas ao traballo por quendas

Un equipo do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago (USC) cuestiona que o metabolismo sexa unha consecuencia directa do reloxo circadiano, unha idea clásica da cronobioloxía. Así o reflicte nun estudo publicado na revista Molecular Metabolism que demostra que metabolismo e ritmos biolóxicos actúan como sistemas axustados e interdependentes e que a súa interacción está modulada pola contorna, a dieta e o sexo biolóxico. Os achados abren novas perspectivas para o tratamento personalizado de trastornos como a síndrome metabólica ou as alteracións asociadas ao traballo por quendas.

A interleucina-6 (IL-6) é unha citocina que participa na regulación inmunitaria e o metabolismo enerxético. A súa secreción diúrna inflúe nos compoñentes circadianos fundamentais, o que subliña o seu papel crucial na bioloxía circadiana. A pesar das diferenzas sexuais coñecidas nos procesos inmunitarios, circadianos e metabólicos, ata a data descoñecíase como a IL-6 integraba estes procesos.

Publicidade

Partindo deste contexto, neste estudo fenotipáronse ratos con IL-6 deficiente e ratos control de ambos os sexos para determinar os seus trazos circadianos e metabólicos baixo dieta estándar e dieta rica en graxas, xaxún e alimentación con restrición horaria. As análises moleculares en músculo, fígado e hipotálamo avaliaron a expresión do xene reloxo e a vía de sinalización de IL-6. Tamén se cuantificaron as hormonas esteroides sexuais circulantes para examinar a súa contribución aos fenotipos específicos do sexo observados.

Plasticidade circadiano-metabólica

Os resultados revelaron que esta citoquina desempeña un papel clave como mediador bidireccional entre a actividade rítmica e a regulación metabólica. “En función do contexto fisiolóxico, IL-6 permite ao organismo priorizar a coherencia temporal ou a eficiencia enerxética, o que introduce un novo concepto fisiolóxico: a plasticidade circadiano-metabólica”, explica a coordinadora do grupo Gliatime, Olga Barca Mayo.

Publicidade

Este estudo mostra tamén que IL-6 participa na regulación do oscilador alimentario, o sistema que anticipa os horarios de inxestión, o que conecta directamente coa crononutrición.

O sexo biolóxico, factor determinante

Dado o marcado dimorfismo sexual observado neste estudo, esta investigación pon de manifesto que as estratexias terapéuticas baseadas na modulación de IL-6 ou dos ritmos metabólicos deberán considerar o sexo biolóxico como un factor determinante para optimizar a eficacia clínica.

De feito, os resultados do estudo permitiron comprobar que os homes presentan ritmos circadianos regulados pola luz alterados en condicións de dieta de transición e desaliñación metabólica en dieta rica en graxas, mentres que as mulleres mostran unha maior resiliencia circadiana en condicións de dieta de transición, pero unha maior vulnerabilidade á alteración circadiana durante a dieta rica en graxas.


Referencia: IL-6 decodes sex and diet-dependent circadian and metabolic rhythms (Publicado en Molecular Metabolism)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un centro da USC lidera unha rede europea arredor dos mecanismos xénicos das enfermidades humanas

O proxecto DECODES, coordinado polo CiMUS, contará con 4,5 millóns de euros e formará 15 investigadores predoutorais para estudar o papel do ‘splicing’

Un proxecto galego propón usar nanopartículas inocuas en inmunoterapias celulares

A iniciativa Nano-ARN, liderada pola investigadora da USC María José Alonso, busca comercializar a través dunha 'spin-off' un reactivo con alta capacidade de integración do ARN

O exceso de frutosa pode debilitar as defensas naturais das arterias fronte á calcificación

Unha investigación da USC revela que a exposición prolongada ao monosacárido altera a produción de enerxía no fígado

Investigadores do CiMUS abren unha vía nova para combater o carcinoma de tiroide máis agresivo

O proxecto siRNA, apoiado polo programa Ignicia da Xunta, desenvolve unha terapia experimental para matar as células tumorais de diversos cancros indiferenciados