Un proxecto galego propón usar nanopartículas inocuas en inmunoterapias celulares

A iniciativa Nano-ARN, liderada pola investigadora da USC María José Alonso, busca comercializar a través dunha 'spin-off' un reactivo con alta capacidade de integración do ARN

Unha investigación galega permitirá chegar a células de difícil acceso a través da nanotecnoloxía. A iniciativa chámase Nano-ARN e está na vangarda das terapias celulares por empregar reactivos de moi baixa toxicidade e ampliar as posibilidades nos tratamentos in vivo. O proxecto está liderado pola catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e investigadora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) María José Alonso. “Nano-ARN ten como obxectivo aplicar ao ARN unha nanotecnoloxía que levamos desenvolvendo máis dunha década no laboratorio“, explica a investigadora.

A iniciativa enmárcase no Programa Ignicia Proba de Concepto da Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia, que financiará a investigación con máis de medio millón de euros durante dous anos. A convocatoria busca promover a transferencia de coñecementos da academia á industria, para facilitar, deste xeito, que os resultados da teoría se volvan realidades prácticas. No caso da plataforma Nano-ARN, prevese a súa comercialización a través dunha spin-off que leve as súas achegas ao mercado.

Publicidade

Os obxectivos de Nano-ARN

O proxecto Nano-ARN (Plataforma nanotecnolóxica para a transfección de células primarias e terapias autoinmunes baseadas en ARN) terá dúas grandes aplicacións. A primeira é o desenvolvemento dun reactivo RUO —Research Use Only, é dicir, de uso exclusivo en investigacións— que permita integrar ARN dentro das células. Este proceso da bioloxía molecular denomínase ‘transfección‘ e consiste na introdución de material xenético (ADN ou, neste caso, ARN) en células eucariotas. “Este reactivo está probándose xa en diferentes centros de investigación en España, Estados Unidos e Inglaterra. De resultar eficaces, pasaremos a licenciar a tecnoloxía cunha empresa”, conta María José Alonso, quen engade que xa están no proceso de comunicación con organizacións comerciais para chegar a un acordo en canto ao futuro no mercado desta ferramenta.

Este obxectivo é, segundo asegura a investigadora, acadable a curto prazo. Hai unha segunda meta que, non obstante, concibe con miras máis afastadas no tempo: a elaboración de terapias celulares baseadas en ferramentas non virais. Este proxecto xa está en desenvolvemento en colaboración co centro de terapias avanzadas de Galicia. “En vez dun virus, utilizamos partículas sintéticas e inocuas para o desenvolvemento de terapias celulares”, asegura a investigadora do CiMUS.

Publicidade

Un tratamento con nanopartículas inocuas

Alonso sinala que usar estas partículas en vez dos tradicionais elementos víricos ofrece múltiples vantaxes: “Teñen un custo menor, pero ademais, ao usar compoñentes químicos que son moi inocuos, a terapia podería repetirse varias veces“. Explica que o tratamento de virus precisa unhas instalacións que cumpran moitos requerimentos —ademais do propio importe asociado ao uso de partículas víricas— que, neste caso, non serían necesarias, o que abarataría o investimento de capital económico. Por outra banda, indica que as transfeccións producidas son transitorias. “Isto é máis adecuado para algunhas afeccións que unha permanente”, apunta a biofarmacéutica. Fai notar que, desta maneira, elimínanse os riscos toxicolóxicos asociados a traballar cun virus, “sempre que os compoñentes da nanopartícula sexan non tóxicos”, aclara a investigadora.

María José Alonso explica que necesitarán validar os seus obxectivos con CAR-T (un tipo de inmunoterapia avanzada que usa as defensas do paciente para destruír células canceríxenas), pero que o seu propósito é poder aplicar estes avances a enfermidades autoinmunes. Así e todo, non se limitan aos tratamentos cancerolóxicos: “Temos acordos con expertos en enfermidades autoinmunes do Hospital Álvaro Cunqueiro, en particular o lupus. Tamén é un dos nosos obxectivos”, recoñece a catedrática da USC.

Transfeccións melloradas

A clave de Nano-ARN está no uso dunha nanotecnoloxía con compoñentes inocuos e unha alta capacidade de transfección. A plataforma é ata 150 veces máis eficiente sobre as células T —un tipo de glóbulo branco— en comparación coas nanopartículas lipídicas (LNPs, referencia para a entrega de ARN). “Ese incremento tan rechamante logrouse en celulas in vitro, polo que como reactivo en celulas T é sumamente potente. É dicir: as células T, que normalmente son moi difíciles de transfectar, están sendo integradas con eficiencia“, indica a catedrática.

Outros puntos a facer notar, máis alá da súa eficiencia e mínima toxicidade, son, como sinalan dende o CiMUS: a estabilidade no almacenamento de fluídos biolóxicos e a fabricación máis sinxela e compatible con entornos GMP (espazos que seguen certos estándares de prácticas de fabricación). O proxecto, explican dende o centro de investigación, xa está apoiado por evidencia sólida in vitro e in vivo, incluíndo a administración eficaz por diferentes vías. “Vai contribuír ao desenvolvemento deste tipo de terapias que representan un cambio paradigmatico na liña de tratamento“, conta María José Alonso.

O futuro da investigación

A investigación, como sinalou a catedrática da USC, aínda non está en fase de probas clínicas. “O primeiro ensaio está previsto nos próximos meses. Agardamos que o reactivo de transfección dea o salto ao mercado nun ano. Non necesitamos máis tempo”, asegura María José Alonso.

No caso das terapias celulares, a data de transferencia está aínda por determinar. “O noso financiamento é para validar a tecnoloxía no centro de terapias celulares”, aclara a investigadora. Engade que estes proxectos son froito do traballo dun laboratorio que leva funcionando varias décadas cun equipo de entre 20 e 25 persoas. “A práctica totalidade dos nosos investigadores está traballando en probas de ARN porque entendemos que é un campo moi importante no que se está producindo un gran cambio. Non estamos aliviando os síntomas, imos corrixir a enfermidade“, declara Alonso.

Deste xeito, o Programa Ignicia Proba de Concepto (Xunta de Galicia) consolídase como un medio de impuso á investigación punteira. A través do apoio á plataforma Nano-ARN, permitirá facilitar a transferencia de coñecemento pola que os estudos que se desenvolven no laboratorio darán o salto ao mercado e, en consecuencia, á aplicación en pacientes.

1 comentario

  1. Enhoraboa para estas tres mulleres polo oseu traballo, e adiante coas suas propostas qué poden representar un gran adianto no tratamento de diversas e varias enfermedades e dunhas maneiras menos agresivas e introsivas. E o meu deseso que todo lle salga redondo.
    Saude e benestar.
    Saudos cordiais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A fertilidade feminina diminúe coa idade: un 15% en tan só quince años

O CiMUS da USC participa nunha curtametraxe divulgativa que combina ciencia e danza para explicar os efectos de pospor a maternidade
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un centro da USC lidera unha rede europea arredor dos mecanismos xénicos das enfermidades humanas

O proxecto DECODES, coordinado polo CiMUS, contará con 4,5 millóns de euros e formará 15 investigadores predoutorais para estudar o papel do ‘splicing’

O exceso de frutosa pode debilitar as defensas naturais das arterias fronte á calcificación

Unha investigación da USC revela que a exposición prolongada ao monosacárido altera a produción de enerxía no fígado