As células tumorais permanecen latentes antes de provocar metástase

Un estudo revela como se manteñen nun estado latente ata que o nivel dunha proteína diminúe, as células se reactivan e comeza o crecemento metastásico

Paso a paso, a ciencia é capaz de ir desvelando as claves ocultas do cancro. Un equipo de investigadores do Hospital Mount Sinaí, en Nova York, acaban de descubrir como as células tumorais viaxan a diferentes partes do corpo e permenecen en estado latente durante anos ata que se reactivan e desencadean a metástase. O estudo que recolle este achado acaba de ser publicado na revista Nature Cancer e podería ser de axuda para o desenvolvemento de novas terapias contra a enfermidade.

Máis polo miúdo, as células tumorais mantéñense “durmidas” porque secretan un tipo de coláxeno, denominado coláxeno tipo III, na contona que as rodea. Se o nivel desta proteína diminúe, entón as células convértense en malignas. Polo tanto, os investigadores descubriron que ao enriquecer a contorna destas células latentes co mesmo tipo de coláxeno, seguíanse mantendo en estado latente e, así, impedíase a reaparición do tumor.

Publicidade

Implicacións clínicas

“Os nosos achados teñen potenciais implicacións clínicas e poden supoñer un novedoso biomarcador para predicir as recidivas tumorais —cando o cancro reaparece despois dun período durante o cal non puido ser detectado—, así como nunha intervención terapéutica para reducir esta recorrencia”, afirma José Javier Bravo-Cordero do Instituto do Cancro Tisch do Monte Sinaí, en declaracións á Agencia SINC. “Esta intervención dirixida a impedir o espertar das células latentes suxeriuse como estratexia terapéutica para previr o crecemento metastásico”, engade.

Estudos coma este poden ser a clave para facilitar o camiño cara á remisión do cancro, ben coñecendo mellor como funciona a latencia tumoral ou ben desenvolvendo novos fármacos. Bravo-Cordero tamén apunta que unha combinación entre tratamentos que induzan o estado latente e outras terapias que vaian directas ás células “durmidas” permitirían previr a recidiva local e a metástase.

Publicidade

Segundo recolle a Agencia SINC, a meirande parte das mortes debidas ao cancro prodúcense polos procesos de metástase, que poden chegar a desenvolverse anos despois de que o tumor sexa extirpado. Aínda que hai estudos que xa descubriron como as células tumorais saen do seu estado de latencia, este traballo avanza un paso máis: mostra como esas células se manteñen “durmidas”.

As técnicas

Para iso, os científicos participantes na investigación empregaron técnicas de imaxe de alta resolución, incluída a microscopía intravital dos fotóns —unha tecnoloxía que permite ver as células latentes na súa contorna a tempo real dun animal vivo—. Isto tamén lle permitiu aos expertos rastrexar as células tumorais latentes do cancro de mama, de cabeza e de pescozo en modelos de ratos. De igual maneira, esta tecnoloxía permitiu ver os cambios na arquitectura da matriz extracelular.

En relación ás mostras con pacientes, os investigadores demostraron que a abundancia de coláxeno podía empregarse como medida para predicir a recorrencia do tumor e a metástase. De feito, nos modelos de ratos, cando os científicos aumentaron a cantidade de coláxeno tipo III arredor das células cancerosas que saíran do tumor, a progresión do cancro interrumpiuse e as células diseminadas víronse obrigadas a entrar nun estado latente. Así, esta investigación apunta a como se podería previr a metástase mediante o uso de estratexias que enriquezan o microambiente tumoral en coláxeno tipo III.


Referencia: A tumor-derived type III collagen-rich ECM niche regulates tumor cell dormancy. (Publicado en Nature Cancer).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia, entre as comunidades con máis mortalidade por cancro: estas son as causas da desigualdade

Un informe europeo revela que a taxa de falecementos é maior e a redución de mortes é menor ca en rexións como Madrid e Cataluña

A nova Unidade Mixta da USC avanzará en anticorpos terapéuticos para cancro e doenzas inflamatorias

A iniciativa reúne persoal investigador do CiMUS e a biotecnolóxica SunRock Biopharma para impulsar tratamentos biolóxicos de precisión

Cancro en Galicia: o 36% dos homes e o 25% das mulleres serán diagnosticados antes dos 75 anos

A última actualización do Rexistro Galego de Tumores revela que se detectaron máis de 17.000 en 2023, e sitúa os de próstata e mama como os máis frecuentes

De cervos a cabalos: este era o menú dos neandertais que habitaban Cova Eirós

Un novo método baseado en coláxeno aplicado dende a USC identifica restos óseos fragmentados e amplía o coñecemento sobre a súa alimentación