O grupo de Xenética en Cancro e Enfermidades Raras do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), vinculado á Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (FPGMX), participa en tres estudos internacionais que analizan os efectos adversos da radioterapia en pacientes con cancro de mama, próstata e pulmón. Esta investigación, incluída na cohorte internacional REQUITE, foi posible grazas á participación de 472 doentes tratados no Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela (CHUS).
A investigadora Ana Vega, líder do proxecto REQUITE en España e coordinadora o grupo de investigación do IDIS e da FPGMX, sinala que a contribución dos pacientes foi esencial para “recoller información clínica, mostras biolóxicas, datos dos tratamentos e cuestionarios sobre a súa calidade de vida”. O obxectivo é mellorar os modelos preditivos para coñecer que pacientes poden desenvolver efectos adversos tras recibir radioterapia.
Os tres artigos publicados contribúen a ampliar o coñecemento sobre os efectos adversos do tratamento en tres dos tumores máis frecuentes no noso país, e pon de manifiesto o valor de realizar un seguemento prolongado dos pacientes e compartir grandes cohortes internacionais.
Tres estudos para analizar os efectos da radioterapia
O estudo de cancro de pulmón, cuxo análise foi liderado polo equipo galego, inclúe a 530 pacientes de todo o mundo, 88 tratados no CHUS, e avalía diferentes efectos secundarios relacionados coa radioterapia, ademais de fatiga e actividade física. Segundo explicaron, os efectos adversos foron pouco frecuentes, aínda que se observaron algunhas diferenzas entre mulleres e homes, especialmente en pacientes coa enfermidade en estadios iniciais e en maiores de 70 anos. En canto á calidade de vida, as mulleres mostraron unha maior persistencia de fatiga e menores niveis de actividade física. Miguel Aguado, investigador e responsable da análise do estudo, destaca a relevancia destes achados: “Os resultados pon de manifesto que estas diferenzas [entre sexos] non se limitan á aparición de determinados efectos secundarios, senón que tamén poden afectar á súa evolución e á recuperación dos pacientes”.
O estudo da evolución dos efectos secundarios en cancro de mama foi realizado en 2.057 mulleres, 100 delas pacientes do CHUS, mostra que os efectos secundarios agudos alcanzan a súa máxima intensidade ao finalizar o tratamento e diminúen posteriormente. Tamén identifica unha menor frecuencia de efectos adversos graves ou moderados cos esquemas de hipofraccionamiento, que permiten administrar a radioterapia en menos sesións. Aos dous anos, as puntuacións de calidade de vida eran similares ou superiores ás rexistradas antes do tratamento.
No cancro de próstata, o estudo analiza a evolución dos síntomas gastrointestinais e xenitourinarios en 1.760 pacientes tratados con radioterapia externa e/ou braquiterapia, 284 tratados no hospital compostelán. Inclúe información recollida antes do tratamento e durante o seguimento posterior, tanto polos profesionais sanitarios como polos propios pacientes. Os resultados mostran unha baixa proporción de efectos adversos graves e pon de relevo o valor de recoller información de forma estandarizada na práctica clínica habitual.
Equipo multidisciplinar
Detrás destes resultados atópase o traballo coordinado do grupo de Xenética en Cancro e Enfermidades Raras do IDIS e da FPGMX, en colaboración con profesionais do Servizo de Oncoloxía Radioterápica do CHUS. No proxecto participan oncólogos radioterápicos, xenetistas, físicos médicos, profesionais da enfermaría, técnicos especialistas en radioterapia, investigadores predoutorais e posdoutorais, técnicos de laboratorio e bioinformáticos. O seu traballo foi fundamental para o recrutamento e seguimento dos pacientes, a obtención e análise das mostras, e o desenvolvemento dos estudos.
Segundo a investigadora Ana Vega, o máis valioso deste proxecto é que demostra o que se pode conseguir cando doentes, profesionais sanitarios e investigadores colaboran xuntos. “Detrás de cada avance científico hai moito máis que datos e publicacións: hai pacientes que deciden colaborar coa investigación, profesionais que se implican durante anos e investigadores que traballan xuntos cun obxectivo común: mellorar os tratamentos e a calidade de vida das persoas con cancro”, sinala a investigadora.
REQUITE, unha investigación que segue avanzando
O obxectivo de REQUITE é avanzar cara a unha radioterapia cada vez máis personalizada: identificar que pacientes presentan maior risco de desenvolver determinados efectos secundarios, contribuír a adaptar mellor os tratamentos e reducir o seu impacto na calidade de vida, sen comprometer a súa eficacia fronte ao cancro. Os seus datos clínicos, xenéticos e dosimétricos permitiron desenvolver numerosas investigacións en radioxenómica, estudar variantes xenéticas relacionadas cos efectos adversos, validar modelos de predición e explorar ferramentas de aprendizaxe automática, entre outras liñas de traballo. “É un exemplo de como a colaboración entre asistencia sanitaria e investigación pode multiplicar o seu valor co paso do tempo”, explica o equipo investigador.
Referencia: Early and late CTCAE and patient-reported outcomes following prostate radiotherapy in the REQUITE cohort (Publicado en Clinical and Translational Radiation Oncology)
Early and late CTCAE and patient-reported outcomes following breast radiotherapy in the REQUITE cohort (Publicado en Clinical and Translational Radiation Oncology)
Early and late CTCAE and patient-reported outcomes following lung cancer radiotherapy: A sex-stratified descriptive analysis from the REQUITE cohort (Publicado en Clinical and Translational Radiation Oncology)













