As células non traballan de maneira illada. Para que un órgano funcione correctamente, as que o forman necesitan intercambiar información, coordinarse e responder de maneira conxunta aos cambios que se producen no organismo. Cando esa comunicación se altera, tamén pode facelo o funcionamento dos tecidos e abrirse o camiño a diferentes enfermidades. Comprender estes mecanismos é o obxectivo do grupo CellCOM, que investiga no Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) da Universidade de Vigo o papel das proteínas implicadas na comunicación celular e a súa relación co cancro e outras patoloxías asociadas á idade.
A investigación está liderada por María D. Mayán, que leva anos estudando as conexinas, unhas proteínas que forman canles nas membranas celulares e permiten o intercambio de información entre células. O equipo, que vén de ser galardoado cos Premios GCiencia Galicia Spin-Off na categoría de Grupo de Investigación, busca comprender como funcionan estas proteínas e que ocorre cando a súa actividade se altera. Os galardóns contan co patrocinio da Secretaría Xeral de Universidades e a colaboración de Unirisco e Gadis.
Unha proteína con múltiples funcións
As conexinas coñecéronse inicialmente polo seu papel na transmisión dos impulsos eléctricos nas neuronas e no corazón, onde contribúen a manter o latexo cardíaco. Co tempo, os estudos revelaron que están presentes en moitos outros órganos e tecidos e que a súa función vai máis alá da conexión eléctrica: tamén interveñen no intercambio de sinais químicos e metabólicos entre células.
Dentro desta familia, CellCOM centrou boa parte da súa actividade na conexina 43, unha das que teñen unha presenza máis ampla no organismo. O grupo estuda como as alteracións na súa actividade poden afectar o funcionamento dos tecidos e favorecer o desenvolvemento de distintas patoloxías.
Un dos ámbitos nos que identificaron esa relación é o das enfermidades dexenerativas asociadas á idade, como a artrose. Tamén observaron a súa implicación nos procesos de rexeneración dos tecidos, por exemplo, na cicatrización da pel. Unha das claves está na relación entre a actividade da conexina 43 e a inflamación: cando a proteína se activa en exceso, pode favorecer un estado inflamatorio que contribúe á aparición da senescencia celular.
Este proceso prodúcese cando as células deixan de dividirse, pero permanecen nos tecidos e liberan moléculas que poden alterar a súa contorna. A senescencia ten unha función protectora, xa que impide que células con alteracións continúen multiplicándose e poidan dar lugar a tumores. Porén, tamén está relacionada co envellecemento dos tecidos e coa resposta do organismo a determinados tratamentos contra o cancro.
A comunicación celular e a súa relación coa resistencia aos tratamentos
A relación entre a senescencia celular e o cancro levou ao equipo de Mayán a ampliar as súas investigacións cara ao ámbito oncolóxico. Neste campo, os resultados apuntan a que a conexina 43 pode desempeñar unha función supresora tumoral e influír na eficacia de determinados tratamentos.
Un dos principais problemas aos que se enfronta a investigación oncolóxica é a resistencia que desenvolven algúns tumores fronte aos fármacos. CellCOM estuda como modular a actividade da conexina 43 para evitar esa resposta e mellorar a eficacia de determinadas terapias dirixidas. “Grazas aos nosos estudos, estamos vendo que, modulando a actividade da conexina no cancro, podemos evitar a resistencia a determinados tratamentos como a quimio”, explica Mayán.
O equipo tamén explora o posible papel desta proteína nas inmunoterapias. A conexina 43 participa na comunicación entre as células tumorais e as do sistema inmune, polo que modificar a súa actividade podería contribuír a activar a resposta defensiva do propio organismo contra o tumor. Trátase dunha liña de traballo aínda en desenvolvemento que podería abrir novas posibilidades para mellorar a resposta a estes tratamentos.
Do laboratorio á práctica clínica
A investigación de CellCOM combina o estudo dos mecanismos celulares con modelos preclínicos e colaboracións con profesionais clínicos. Ese contacto permite orientar os proxectos cara a problemas que precisan solucións e identificar que resultados poden ter aplicación máis alá do laboratorio. “Enfocamos os proxectos un pouco dende o noso coñecemento, investigando mecanismos e estratexias que melloren o coñecemento do cancro ou a eficacia de determinados tratamentos”, sinala Mayán.
Cando os resultados presentan potencial de aplicación, o seguinte paso é protexelos mediante unha patente e buscar vías para transferilos. O grupo conta con sete patentes rexistradas, pero conseguir que unha invención chegue ao ámbito clínico require recursos, tempo e coñecementos que non sempre están ao alcance dos equipos científicos.
Malia a que a que nos últimos anos se produciron avances nos programas de transferencia e no apoio das oficinas especializadas das universidades e dos centros de investigación, aínda falta acompañamento personalizado e financiamento suficiente. “Se queremos realmente transferir, hai que facer máis, contar con profesionais que te acompañen de forma máis personalizada e ter máis programas de financiamento”, reclama Mayán.
A falta de recursos pode prolongar durante anos a procura de financiamento e de socios industriais. Mentres tanto, as patentes permanecen sen desenvolver e seguen xerando custos. “Se non tes os recursos, todo recae sobre as costas do investigador”, advirte. Para a investigadora, a transferencia non pode depender unicamente da vontade e do esforzo das persoas que investigan: precisa un sistema de apoio máis sólido que permita avanzar dende os resultados científicos ata a súa posible aplicación.
Unha spin-off para impulsar os descubrimentos
Un dos proxectos que pode facilitar ese salto é o programa Ignicia, no que participa o grupo cunha das súas patentes: un péptido inmunoterapéutico cunha posible aplicación no tratamento da artrose. O financiamento permite incorporar persoal e avanzar en tarefas relacionadas coa transferencia, como a elaboración dun plan de negocio ou o desenvolvemento da estratexia regulatoria. A previsión é crear unha spin-off ao remate do proxecto, en decembro do 2027.
Esta iniciativa é unha das prioridades a curto e medio prazo, pero non a única. O equipo tamén quere impulsar outras patentes, especialmente as tres relacionadas co cancro, co obxectivo de atopar vías para o seu desenvolvemento e posible comercialización. “A longo prazo, a meta sería que os tratamentos derivados destas investigacións puidesen chegar aos pacientes, xa fose a través dunha empresa propia ou mediante a compra ou licenza por parte dunha compañía farmacéutica”, explica a investigadora.
A colaboración como motor da ciencia
A cooperación con outros equipos é outra peza fundamental na actividade de CellCOM. Dende a súa creación, no 2014, o grupo mantén colaboracións internacionais, participa en congresos e visita centros de investigación para compartir coñecementos e desenvolver proxectos conxuntos. “Se queres facer ciencia e queres facer ciencia con impacto, tes que colaborar a nivel internacional, tes que viaxar e tes que falar con outros investigadores”, afirma Mayán.
O Premio GCiencia Galicia Spin-Off supón tamén un impulso para o equipo nun momento no que busca novas vías para transferir os resultados da súa investigación. Mayán recibe o recoñecemento con especial satisfacción e agradece a oportunidade de dar visibilidade ao traballo que desenvolven no laboratorio. “Recibímolo con moito máis cariño porque é un medio de comunicación moi respectado en Galicia, dentro do ámbito da biotecnoloxía e da biomedicina. Tamén é importante ter un medio de comunicación con credibilidade, que evite as noticias falsas e informe a sociedade”, afirma.
O reto agora é que os resultados acumulados durante anos de investigación non queden limitados ao laboratorio. “O noso obxectivo final sería chegar ao paciente ou a unha farmacéutica interesada en desenvolver os tratamentos”, conclúe Mayán. Un camiño no que a investigación é só o primeiro paso: para chegar á sociedade tamén fan falta financiamento, acompañamento e estruturas capaces de converter o coñecemento en solucións.














