Grupo do Inibic galardoado pola Real Academia Galega de Ciencias. Foto: RAGC.
Grupo do Inibic galardoado pola Real Academia Galega de Ciencias. Foto: RAGC.

A fórmula que coidará a pel dos pacientes que se tratan contra o cancro

Un equipo do Inibic da Coruña descobre dous compostos que reducen o dano que a quimioterapia e a radioterapia causan na epiderme

A quimioterapia e a radioterapia son os dous principais tratamentos contra o cancro e, aínda que nos últimos anos melloraron a súa eficacia e reduciron os efectos secundarios nos pacientes, seguen causando problemas ás persoas que pasan por elas. Unha das complicacións aparece na pel, onde é habitual que xurdan alteracións da súa estrutura, dificultando a cicatrización e xerando problemas como a fibrose cutánea ou un maior risco de infeccións que poden complicar a evolución do paciente.

Pero un equipo de científicos e científicas galegas está no camiño de ofrecer unha mellora a estas persoas: un proxecto do grupo CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (Inibic), liderado por María Mayán, está a desenvolver unha fórmula baseada en dous compostos con actividade senoterapéutica (que actúa sobre as células envellecidas da pel), que en modelos in vitro xa demostraron a súa eficacia no tratamento da dexeneración cutánea causada pola quimio e radioterapia. O traballo acaba de recibir o premio “Francisco Guitián Ojea”, que outorgan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación, no marco dos galardóns de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, como mellor tecnoloxía aínda non transferida, pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial. E nisto están precisamente os investigadores coruñeses: intentando aplicar os seus avances no laboratorio a conseguir mellorar, nun futuro, a situación dos pacientes oncolóxicos.

“Levamos xa tempo traballando con fármacos que modulan a conexina 43, unha proteína implicada en diversos procesos celulares, como a cicatrización da pel”, explica María Mayán, líder do grupo CellCOM. “A través disto, comezamos a estudar a nivel experimental cos fibroblastos, unhas células que participan no proceso de rexeneración da pel e o mantemento da súa estrutura, e decidimos mirar o que pasaba en relación coas conexinas. E foi cando observamos certas alteracións, que encaixaban con procesos de senescencia celular, que se ven inducidos polos tratamentos de quimioterapia e radioterapia”. Os estudos foron levados a cabo xunto co doutor Benigno Acea e persoal da Unidade de Cancro de Mama do Chuac e co xefe de servizo de Dermatoloxía do mesmo complexo, Eduardo Fonseca.

A observación destes procesos levou a afondar na investigación, que desenvolven en colaboración coa Universidade da Coruña e co Instituto Ramón y Cajal de Investigación Sanitaria de Madrid. Explica María Mayán que, “a medida que envellecemos, os tecidos van acumulando de forma natural células senescentes; de feito, hai moitos grupos investigando diferentes vías para frear, dalgún xeito, estes procesos, xa que poden favorecer o progreso de patoloxías asociadas á idade, como a sarcopenia ou a artrose“. Pero é que, ademais, os efectos daniños da quimioterapia e a radioterapia favorecen “de forma moi notable”, segundo explica a científica, a acumulación de fibroblastos senescentes.

A Academia de Ciencias falla os Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia

O equipo decidiu analizar in vitro algunhas mostras pos-tratamento de pel de pacientes de cancro de mama sometidos a quimio e radioterapia, xunto a controles sen tratar sometidas a estas terapias, que deron resultados prometedores para seguir adiante coa investigación. Para isto usaron unha fórmula, pensada para ser administrada como composición protectora despois do tratamento, e que resulta da combinación de dous axentes con actividade senoterapéutica. Por unha parte, un composto activo presente na oliveira Olea europea e noutras especies afíns, que presenta ademais propiedades antioxidantes e antiinflamatorias; e, por outra banda, un inhibidor da proteína p38, capaz de limitar o envellecemento celular responsable de gran parte das alteracións da pel a causa dos tratamentos oncolóxicos.

Modelos animais

O seguinte paso, segundo explica María Mayán, é desenvolver, no marco dunha colaboración cunha empresa farmacéutica española, as probas en modelos animais para ir perfeccionando as moléculas de cara ao tratamento en humanos. Confían en que a fórmula sexa efectiva, ademais do cancro de mama, para todos os pacientes con cancro sometidos a radio ou quimioterapia. A terapia está protexida mediante dúas solicitudes de patente, unha española e outra internacional. Estímase que, ao saír ao mercado, a fórmula podería beneficiar cada ano a máis de 270.000 pacientes oncolóxicos en España e máis de 19 millóns a nivel mundial, segundo datos da Sociedade Española de Oncoloxía Médica (SEOM).

Neste sentido, o xurado dos premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia salientou “a calidade da investigación e a versatilidade das súas aplicacións potenciais”, ademais de que a súa saída ao mercado traduciríase nunha redución moi significativa do investimento sanitario asociado a estas doenzas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.