CellCOM, Centum e TraffikGene gañan os X Premios GCiencia Galicia Spin-Off

Os galardóns, creados en 2015 para recoñecer a investigación universitaria e a transferencia, serán entregados o 4 de decembro no Pazo de San Roque de Santiago

O xurado da décima edición dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off decidiu conceder os galardóns deste ano a CellCOM, grupo de investigación do CINBIO da Universidade de Vigo; Centum Research & Technology, empresa tecnolóxica con sede en Vigo; e TraffikGene, spin-off do CiQUS da Universidade de Santiago de Compostela. A entrega terá lugar o próximo 4 de decembro no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.

Na categoría de Grupo de Investigación, o premio foi para CellCOM (Cell Communication in Cancer and Age-Related Diseases), grupo do CINBIO liderado pola investigadora María Mayán. O equipo centra a súa actividade no estudo dos mecanismos moleculares implicados na comunicación celular, o cancro e as enfermidades asociadas ao envellecemento. O xurado destacou especialmente o carácter innovador e a relevancia das investigacións desenvolvidas polo grupo.

Publicidade

No apartado de Selo de Calidade, o galardón recae en Centum Research & Technology, empresa fundada en Vigo en 2005 e especializada no desenvolvemento de sistemas aeronáuticos de misión para os sectores das emerxencias, a seguridade, a defensa e o ámbito aeroespacial. Entre as súas principais tecnoloxías atópase Lifeseeker, un sistema para a localización de persoas desaparecidas mediante os seus teléfonos móbiles. O xurado salientou a traxectoria da compañía, os resultados acadados e a súa implantación no mercado.

Finalmente, o premio á Idea Emerxente é para TraffikGene, spin-off do CiQUS da USC orientada ao desenvolvemento de novas ferramentas para a administración de terapias baseadas en ácidos nucleicos. A compañía traballa cunha plataforma de péptidos sintéticos deseñada para facilitar a entrada de material xenético nas células e mellorar a súa chegada aos tecidos diana. O xurado fixo fincapé na traxectoria do proxecto, o carácter innovador da súa tecnoloxía e o seu potencial de desenvolvemento.

Publicidade

Xurado de prestixio

O xurado dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off 2026 estivo composto por Irene Bonome, subdirectora xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Xunta de Galicia; Ana Dorrego-Rivas, investigadora no King’s College London; Pablo Mosquera, director de Investimentos de Unirisco; Lucía Castro Díaz, xerente do DIH Datalife; e Jorge Mira Pérez, vicepresidente do Consello da Cultura Galega. Tamén participaron Pablo López e Laura Filloy, respectivamente director e xornalista de GCiencia —medio que organiza os premios desde 2015—, ambos con voz pero sen voto.

Durante a deliberación, o xurado destacou a elevada calidade das candidaturas presentadas nas diferentes categorías e valorou especialmente a capacidade das iniciativas para transformar investigación e coñecemento científico en novas solucións, produtos e empresas.

Dez anos recoñecendo a innovación

Os Premios GCiencia Galicia Spin-Off distinguen dende hai unha década ás empresas e grupos de investigación máis innovadores vinculados ao ámbito universitario galego, así como aqueles que destacan pola aplicación da investigación ao desenvolvemento de novos produtos e servizos.

Ao longo das súas dez edicións, os galardóns recoñeceron iniciativas como Mestrelab, Hifas da Terra, Alén Space, AMS-Lab, Ventilatio Lab, así como grupos de investigación como BioFarma, o Laboratorio de Bases de Datos da UDC ou MetBioCat. Os premios contan coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia e co apoio de Unirisco e Gadis.

Desde a súa creación, os Premios GCiencia Galicia Spin-off consolidáronse como todo un referente na distinción da transferencia de coñecemento na nosa comunidade, coa fin de premiar o talento investigador e a visión das persoas que logran converter a excelencia académica en proxectos empresariais de éxito. Para celebrar a efeméride da décima edición, a súa entrega realizarase como peche dunha xornada especial denominada Foro Impulso Ciencia, convocada de xeito conxunto por GCiencia e a Consellería de Educación e Ciencia.

Impulso Ciencia constará de charlas e mesas redondas para abordar as liñas estratéxicas do desenvolvemento da ciencia como motor económico e empresarial. Contará, coa participación, entre outros, do xenetista Ángel Carracedo, que fará a conferencia inaugural, mentres que nos debates abordarase o salto decisivo do laboratorio á industria para consolidar un modelo de economía sostible e aberta ao mundo, para afianzar a marca Galicia e demostrar o valor real do ecosistema de I+D+i. O foro conta co apoio de Unirisco, Zendal, Mestrelab e as tres universidades públicas galegas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

BioSpain converte Bilbao no centro europeo do sector da biotecnoloxía

A feira, que conta cunha importante presenza galega, prevé bater o récord da última edición, que contou con 2.400 asistentes e máis de 1.000 entidades

Sete anos de ciencia e innovación: estes foron os gañadores nas últimas edicións dos Premios Zendal

A convocatoria de 2026 permanece aberta ata o vindeiro 20 de setembro e repartirá 65.000 euros entre proxectos de saúde humana e animal

Tremor no Caribe

Dous terremotos sacoden Venezuela e deixan un balance catastrófico con 1.450 falecidos e 3.150 feridos. Por Laura Filloy

María Mayán capta 100.000 euros para impulsar unha nova inmunoterapia contra o cancro de mama

A investigadora do Cinbio recibe unha Bolsa FERO para desenvolver un proxecto sobre as terapias celulares CAR-NK, moi prometedoras en medicina personalizada