Anne L’Huillier, Nobel de Física de 2023: “Hai nesgos en prol dos homes, pero iso está cambiando”

A investigadora visita por primeira vez Santiago de Compostela no marco do Programa ConCiencia

Santiago amence baixo a néboa dun outono que xa se desliza entre os primeiros raios de Sol do día. Baixo a atenta mirada da catedral, a praza do Obradoiro promete unha xornada de reivindicación e ciencia. Entre as persoas que pasean polas rúas compostelás atópase unha iluste invitada: o Colexio de San Xerome acolle unha comitiva na que destaca a gañadora do Premio Nobel de Física de 2023, Anne L’Huillier. A investigadora vén acompañada polo seu marido, Claes-Göran Wahlström, con quen comparte profesión; polo docente da Universidade de Santiago de Compostela Jorge Mira; e por Daniel Díaz, quen tivo a L’Huillier como codirectora da tese doutoral que defendeu hai un par de semanas.

Na súa entrada á praza vense recibidos polas cámaras dos medios e as miradas curiosas de peregrinos e transeúntes. Anne L’Huillier alza a vista á catedral; máis tarde, comentará que esta é a súa primeira visita a Santiago de Compostela. A súa presenza na cidade compostelá entra no marco do Programa ConCiencia da USC e do Consorcio de Santiago. Trátase dunha actividade de divulgación, que cumpre dúas décadas dende o seu nacemento, pola que se busca reforzar o contacto entre os líderes científicos mundiais e os investigadores da USC.

Publicidade

A receptora do prestixioso galardón chega —despois dalgunhas paradas noutras cidades europeas— da Universidade de Lund, en Suecia, onde é profesora. A axenda para a súa estancia en Santiago de Compostela inclúe a conferencia pública ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’ no Auditorio Abanca o venres 2 ás 19:30 horas. Ese mesmo día, a súa vocación docente levaraa a impartir unha clase ao alumnado da universidade. Tamén visitará o Instituto de Materiais da USC (iMATUS), que poderá seguirse en liña.

Anne L´Huillier, nai da attofísica

Entre os históricos muros do Colexio San Xerome, L’Huillier mantén un encontro con xornalistas. Comeza cunha presentación por parte de Jorge Mira, que se encargará, xunto a Daniel Diaz, de traducir as intervencións que a gañadora do Nobel realice en inglés. A física compartiu o premio, na súa edición de 2023, con Pierre Agostini e Ferenc Krausz, quen se valeron dos achados dela para facer novas demostracións. Daniel Díaz atopábase no laboratorio de L’Huillier cando recibiu a noticia: “Soubo que ía gañar o Nobel de física e seguiu dando clase“, conta.

Publicidade

Décadas atrás, en 1987, Anne L’Huillier descubriu e explicou un fenómeno da ciencia básica coñecido como ‘xeración de harmónicos de alta orde‘. Cando un láser atravesa unha nube gasosa de átomos, observou que aparecían harmónicos de alta frecuencia que producían radiación ultravioleta extrema. Entre os resultados do seu descubrimento está a posibilidade de emitir pulsos de attosegundos, que permiten seguir, case en tempo real, a reorganización electrónica que precede as reaccións químicas e outros procesos atómicos e moleculares. Ese achado abriu todo un campo de investigación que agora se coñece como attofísica.

“O attosegundo é a trillonésima parte do segundo. Entre un attosegundo e un segundo hai máis distancia que entre un segundo e a idade do universo“, explica Mira. Engade que os átomos van a velocidades moi elevadas, polo que é preciso poder miralos nun espazo temporal moi curto para examinalos. Os electróns móvense en escalas temporais da orde dos atosegundos (10⁻¹⁸ s). Agora, o traballo de L’Huillier permite xerar pulsos de luz da suficiente brevidade para rexistrar ese movemento atómico.

De esquerda a dereita: Jorge Mira, Anne L'Huillier, Daniel Diaz, Claes-Göran Wahlström. Imaxe: USC
De esquerda a dereita: Jorge Mira, Anne L’Huillier, Daniel Diaz, Claes-Göran Wahlström. Imaxe: USC

Un descubrimento que revolucionou a física

Despois do descubrimento a finais dos anos 80, a investigación de L’Huillier foi pubicada no Journal of Physics B: Atomic, Molecular and Optical Physics. Esta revista científica non se atopa entre as consideradas de ‘alto impacto’, e a física, consciente disto, afirma que está contenta de que sexa así: “Demostra que o que importa non é o xornal no que publiques, é o traballo“.

No momento, a investigadora non era consciente da magnitude do que acababa de descubrir. “O que máis me interesou entón era que o achado estaba entre dous campos, a física atómica e molecular e a óptica non liñal. Esa dobre perspectiva motivoume a seguir investigando e facer probas con novos láseres e parámetros para buscar a forma de xerar a reacción con máis eficiencia”, explica L’Huillier. Na actualidade, a científica é unha das figuras máis influíntes na área da óptica ultrarrápida e da interacción entre luz e materia.

Ser muller na ciencia

Anne L’Huillier é unha das cinco mulleres que recibiron un premio Nobel na historia deste galardón. Ademais, é beneficiaria dunha cátedra do goberno sueco que ten por obxectivo mellorar a presenza feminina nestes programas. “Creo que é importante animar e favorecer que as mulleres poidan estar nestes espazos. En moitos lugares hai nesgos en prol dos homes, pero vexo que a situación está cambiando”, comenta a física.

A medida que avanza o encontro, Anne L’Huillier responde as dúbidas e cuestións que se lle presentan. Chega, entón, unha pregunta que xa se formulou, a ela e a moitas outras, durante incontables ocasións: ‘Como condiciona a maternidade a carreira científica’? A física responde con firmeza: “É algo que se lle debería preguntar a homes e mulleres“. L’Huillier aclara que a crianza dun cativo leva tempo e organización, pero asegura que é posible combinar isto cun labor de investigación. “Penso que debería cambiar a situación na que adoitan ser as mulleres quen deixan os seus traballos ao ter fillos. Non teño nada en contra de quen decide facelo; creo que a clave está en poder elixir facer unha cousa ou a outra“, explica a premio Nobel.

As aplicacións da attofísica na vida diaria

Anne L’Huillier recoñece que aínda quedan experimentos por facer, investigacións por completar, para que a attofísica chegue como parte habitual da vida diaria. “É un campo moi útil, por exemplo, para a enxeñaría de circuítos integrados. Cada vez teñen un nivel de compresión maior, e aí é fundamental ter claros os efectos dos sistemas. A través da xeración de harmónicos, podería facerse un programa que escanee o circuíto para buscarlle defectos”, indica a científica.

A conferencia remata e a gañadora do Nobel prepárase para continuar cunha axenda repleta de citas académicas por diferentes puntos de Santiago de Compostela, nas que agarda deixar unha pegada a través dos coñecementos de toda unha carreira adicada á investigación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Nobel de Física Anne L’Huillier visita Santiago para falar da ciencia do attosegundo

A investigadora, recoñecida en 2023, manterá encontros con persoal investigador e impartirá unha conferencia aberta á cidadanía o 2 de outubro

O Premio Nobel de Física 2017 Kip Thorne visitará Santiago en maio

O experto en buracos negros e estrelas de neutróns foi asesor científico e produtor executivo da película 'Interestelar'

Nobel de Física para os pais do estudo dos electróns dentro dos átomos

Os científicos Pierre Agostini, Ferenc Krausz e Anne L'Huillier, galardoados pola Academia de Ciencias de Suecia

A elección dunha muller para o Nobel de Química altera a tendencia a premiar investigacións masculinas

O 50% das científicas galardoadas dende 1901 recibiron o recoñecemento nos últimos 20 anos