A Nobel de Física Anne L’Huillier visita Santiago para falar da ciencia do attosegundo

A investigadora, recoñecida en 2023, manterá encontros con persoal investigador e impartirá unha conferencia aberta á cidadanía o 2 de outubro

A Premio Nobel de Física en 2023, Anne L’Huillier, será este outono convidada no Programa de divulgación científica ConCiencia, da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e do Consorcio de Santiago e dirixido polo catedrático Jorge Mira Pérez. A investigadora, que conseguiu o recoñecemento da Academia sueca polos seus métodos experimentais que xeran pulsos de luz de attosegundos para o estudo da dinámica do electrón na materia, manterá xuntanzas con persoal investigador da USC e mesmo chegará a impartir unha clase na universidade. Entre o extenso programa de actividades previsto, a profesora da Universidade de Lund (Suecia) pronunciará o 2 de outubro, ás 19.30 horas no Auditorio ABANCA (Rúa Preguntoiro, 23. Santiago), a conferencia ‘O mundo dos átomos á escala de tempo do attosegundo’, aberta ao conxunto da cidadanía.

Traxectoria

Anne L’Huillier (París, 1958) estudou Física na Universidade Pierre e Marie Curie (actual Universidade da Sorbona), onde obtivo o doutoramento en 1986. Tras realizar investigación no Commissariat à l’énergie atomique et aux énergies alternatives (CEA) de Francia, incorporouse á Universidade de Lund (Suecia), institución na que desenvolveu a maior parte da súa carreira científica e onde é profesora de Física Atómica. A súa traxectoria converteuna nunha das figuras máis influentes da óptica ultrarrápida e da interacción entre a luz e a materia.

Publicidade

“A investigación de Anne L’Huillier transformou a nosa capacidade para observar os procesos máis rápidos da natureza”, explica o director do programa ConCiencia, Jorge Mira. Os electróns, responsables das propiedades químicas e eléctricas dos átomos e das moléculas, móvense en escalas temporais da orde dos attosegundos, é dicir, unha milmillonésima dunha milmillonésima de segundo (10⁻¹⁸ s). Durante décadas estas escalas permaneceron fóra do alcance de calquera instrumento experimental. Grazas aos avances na tecnoloxía láser e ao traballo pioneiro de L’Huillier, hoxe é posible xerar pulsos de luz suficientemente breves para rexistrar ese movemento cunha resolución temporal sen precedentes.

A chegada do Nobel

En 1987, Anne L’Huillier descubriu e explicou un fenómeno fundamental coñecido como xeración de harmónicos de alta orde. Ao facer incidir un intenso pulso láser sobre un gas de átomos, observou a aparición dunha serie de harmónicos de alta frecuencia que permitían producir radiación ultravioleta extrema. Este descubrimento sentou as bases físicas para a xeración de pulsos de attosegundos e abriu un novo campo de investigación: a atofísica. Décadas despois, os traballos de Pierre Agostini e Ferenc Krausz demostraron experimentalmente como utilizar estes harmónicos para producir pulsos illados de attosegundos. Por estas contribucións complementarias, os tres compartiron o Premio Nobel de Física en 2023.

Publicidade

A posibilidade de observar directamente o movemento dos electróns inaugurou unha nova forma de estudar a materia. Os pulsos de attosegundos permiten seguir, practicamente en tempo real, a reorganización electrónica que precede ás reaccións químicas, a absorción de luz polos materiais ou os procesos fundamentais que teñen lugar en semicondutores, moléculas e sistemas biolóxicos. Estas investigacións non só afondan no noso coñecemento da natureza, senón que tamén abren perspectivas para o desenvolvemento de novos dispositivos electrónicos ultrarrápidos, materiais avanzados e tecnoloxías cuánticas.

Curiosidade e rigor científico

Ao longo da súa carreira, Anne L’Huillier combinou un profundo coñecemento da física atómica cunha extraordinaria capacidade para desenvolver técnicas experimentais de gran precisión. O seu traballo impulsou o progreso da óptica non lineal e da ciencia do láser, disciplinas que hoxe constitúen ferramentas esenciais en numerosos laboratorios de investigación de todo o mundo. Ademais, formou varias xeracións de investigadores e desempeñou un papel destacado no fortalecemento da colaboración científica internacional.

Recoñecida polo seu rigor científico e pola súa dedicación á investigación fundamental, Anne L’Huillier representa “o exemplo de como a curiosidade por comprender os fenómenos máis elementais pode dar lugar a avances tecnolóxicos revolucionarios”, explica Jorge Mira. Os seus descubrimentos permitiron observar procesos que ata hai poucos anos parecían inaccesibles, ampliando de forma extraordinaria a nosa capacidade para explorar o mundo microscópico. “Grazas ao seu traballo, a humanidade dispón hoxe dunha ferramenta única para estudar o comportamento dos electróns e comprender con maior profundidade os mecanismos fundamentais que gobernan a materia”, conclúe Mira.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dende un calendario azteca a puntas de frecha de sílex: así é o fondo da centenaria Biblioteca América da USC

A institución celebra 100 anos da súa inauguración oficial cunha exposición na que se amosa de xeito inédito o primeiro título 'honoris causa' concedido na historia da universidade

Conta atrás para a eclipse parcial de Lúa: por que se tinguirá de vermello e cando acadará o seu máximo

O fenómeno comezará ás 4.34 horas e rematará ás 9.01, sen que se precisen lentes especiais para a súa observación

O centro galego Gradiant desenvolve unha neurona fotónica capaz de operar sen enerxía externa

A aposta está en proceso de patente e abre novas posibilidades para deseñar sistemas máis sostibles e autónomos, sobre todo en contornas remotas

Matemáticos de Santiago e Lausana resolven un problema de xeometría aberto dende hai 60 anos

Dous investigadores acaban de construír as primeiras ‘xeometrías de Einstein’ non homoxéneas sobre un dos espazos máis fundamentais das matemáticas, os espazos proxectivos complexos