O informe PISA certifica a drástica caída da comprensión lectora en Galicia: 31 puntos menos en só tres anos

O alumnado galego sitúase por enriba da media española en competencia matemática e ciencias, pero experimenta un descenso de 20 puntos dende 2022

A comprensión lectora en Galicia cae 31 puntos en tan só tres anos, segundo os resultados do Informe PISA 2025, con cifras por debaixo do promedio da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos (OCDE) —foro internacional que lidera o Informe PISA— e da Unión Europea (UE), pero superando a media española. Con todo, os mozos e mozas galegos de entre 15 e 16 anos tamén diminuíron o seu rendemento en competencias matemáticas e científicas, con 20 puntos menos. Estes son os datos achegados tras as probas realizadas a 1.900 alumnos de 62 centros educativos da comunidade.

Os resultados amosan a maior baixada da historia de PISA en comprensión lectora no promedio da OCDE. Isto pódese ver nas cifras por xénero que achega o informe, xa que as nenas galegas pasan de 499 a 470 puntos en 2025 e, os nenos, de 472 a 438. Así, obsérvase unha chamativa fenda de xénero, onde as mulleres superan aos homes en lectura por 32 puntos. Con todo, a OCDE apunta a que, en Galicia, ao descontar a variable socioeconómica dos examinados, as nenas non están a tan bo nivel como amosan os resultados.

Publicidade

A caída é practicamente xeral, tanto a nivel estatal como internacional: mentres que a baixada do rendemento académico aparece nas 17 comunidades autónomas —agás Castela-A Mancha en ciencias—, tamén se percibe en Xapón e Corea, coa mellor media de resultados de PISA. España sitúase entre os peores países do mundo desenvolvido no informe, e trátase dun afondamento significativamente máis pronunciado que o promedio da OCDE.

Ciencias e matemáticas

A situación en matemáticas e ciencias tamén é preocupante: a pesar da baixada de 20 puntos respecto do Informe PISA 2022, os resultados tanto en nenos coma en nenas sitúanse por enriba do promedio da OCDE, da UE e de España. Ademais, a diferencia entre mulleres e homes é sustancial, cunha marxe de catro puntos en ciencias (con superioridade feminina) e de oito puntos no caso das matemáticas (con superioridade masculina).

Publicidade

Diferenzas estruturais

O informe tamén recolle as diferenzas entre estudantes nativos e migrantes e entre escolas privadas e públicas nas tres áreas de competencia educativa analizadas.

En ciencias, os nativos superan por 60 puntos os resultados do alumnado migrante galego en ciencias, por 49 puntos en lectura e por 59 en matemáticas. Así, o alumnado migrante galego sitúase moi por debaixo da media da OCDE, da UE e de España respecto ao alumnado migrante estudado no informe.

En canto aos centros educativos públicos e privados, a tendencia é notable se se comparan ambas as modalidades respecto dos seus respectivos promedios. Mentres que as escolas públicas situánse por enriba do promedio da OCDE nas tres competencias, no ámbito privado galego rexístranse datos por debaixo da media do organismo en canto a ciencias, lectura e matemáticas. 

E a intelixencia artificial?

Dada a chegada da intelixencia artificial (IA) ao día a día, o Informe PISA 2025 tamén recolle o emprego desta tecnoloxía polo alumnado. En España, os resultados amosan que un 54% usa a IA para aprender, un 40% para resumir un texto e un 33% para facer os seus traballos escritos. En Galicia, o índice de uso de intelixencia artificial é do 0,17, superando o promedio da OCDE (0) e o total da UE (0,04), pero por debaixo da media española, que se sitúa no 0,22. 

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistra case 2.700 raios en 24 horas

A tormenta incidiu principalmente sobre Pontevedra e o oeste de Ourense, e as chuvias máis intensas alcanzaron os 61,3 l/m² en Baiona

O ‘cameo’ histórico de Castelao: as imaxes do rianxeiro no filme de ficción máis antigo de Galicia viaxan a Italia

O galego interpreta un pequeno papel como pastor protestante en ‘Miss Ledyia’, a película de 1916 que será proxectada no festival de cine mudo de Pordenone

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga

Así é ImageDataSpace, a rede galega de imaxes médicas para acelerar a investigación e o diagnóstico

A iniciativa conecta centros, universidades e profesionais sanitarios para desenvolver novos algoritmos baseados en IA en cardioloxía, anatomía patolóxica e oftalmoloxía