Publicidade

Galicia é a cuarta comunidade autónoma con maior nivel de comprensión lectora

Un estudo contempla o uso moderado de internet como un factor favorable na alfabetización da mocidade

A crecente alfabetización tecnolóxica, aos ollos dos non expertos, afecta a aprendizaxe dos máis novos. Nesta liña, o maior emprego de aparatos dixitais semella influír na capacidade de atención, diminuíndoa. Esta é a cuestión que trata de iluminar o estudo recentemente publicado dos investigadores Beatriz Peña Acuña, da Universidade de Huelva, e Óscar Navarro Martínez, da Universidade de Castela-A Mancha, centrado na exploración da comprensión lectora dos adolescentes españois. Neste panorama, Galicia sitúase como a cuarta líder do país, con máis de 500 puntos no exame PISA 2018.

O obxectivo deste traballo é abordar este plano educativo dende unha perspectiva multidisciplinar, empregando a intelixencia artificial (IA) como ferramenta para comprender a relación entre a educación dos adolescentes e a tecnoloxía, máis que establecida na nosa realidade. O dixital entraña grandes posibilidades de potenciar a comprensión lectora da mocidade, pois “non todos os aspectos da tecnoloxía son prexudiciais”, afirma o equipo.

Publicidade

Nunha contemporaneidade pasada por corentena, estes dispositivos dixitais xogaron un papel clave na aprendizaxe a distancia. Así, a comprensión lectora é un compoñente esencial na ensinanza, e a súa importancia vai máis aló do académico. Este factor educativo repercute na vida persoal, tanto no desenvolvemento individual como nas perspectivas profesionais e cívicas.

A repercusión da tecnoloxía

Como todo, os dispositivos dixitais teñen as súas condicións positivas e negativas. En termos xerais, pode ser unha ferramenta valiosa para a aprendizaxe, mais o seu uso excesivo e non regulado pode afectar negativamente. Deste xeito, a concienciación e o equilibrio son cruciais para garantizar que os mozos aproveiten de forma óptima a tecnoloxía para o éxito educativo.

Publicidade

“O uso de internet tomado con moderación e no seu ámbito de uso, beneficia”, asegura a investigadora. Neste banda, favorecen as páxinas web, os videoxogos educativos ou a tecnoloxía recomendada polos mestres nas aulas. Mais a gran preocupación destes expertos repousa na crecente adicción ás novas tecnoloxías.

Xogar a xogos en liña resulta ser a variable máis importante para explicar o impacto negativo nas habilidades de comprensión lectora. Ofrece un descenso gradual do rendemento a medida que aumenta o tempo que se pasa con estes dispositivos. Con todo, o estudo afina que o uso de internet pode considerarse beneficioso neste ámbito dentro do rango entre unha e catro horas.

Este convértese nun dos achados máis interesantes desta investigación. Como menciona Beatriz, “no estudo describimos máis o uso moderado das novas tecnoloxías“, aclarando que o seu uso diario durante máis de 4 horas é tan perxudicial como non usalas en absoluto. Así, os investigadores exploraron as variables que favorecen ao maior rendemento no plano das competencias lectoras.

Exploración de novas variables

“A comprensión lectora precisa unha maior exploración”, determina o equipo no estudo. Nun primeiro momento, na base de datos da que se recolleu a información empregada, atoparon “miles de datos e variables” para comprender o espectro dos evaluados do PISA analizado. Con todo, o éxito dos resultados baseouse nunha “boa selección de datos para relacionar inferencialmente que ata agora non se atoparan”, xunto ao establecemento de correlacións indirectas a través de modelos facilitados pola IA. O método deste traballo baséase nun tipo de análisis estatístico máis complexo á vez que especializado.

Así, amplíase o entendemento entre o rendemento en comprensión lectora e as novas tecnoloxías a través da incorporación de novas variables. Algunhas destas son a contorna familiar, o nivel de estudos dos proxenitores, a localización xeográfica e o tipo de colexio, coa fin de engadir maiores niveis de profundidade.

“Por vez primeira fálase da influencia dos pais nas habilidades da comprensión lectora”, explica Beatriz Peña, considerando o control da contorna familiar como unha variable fundamental. A dedicación convértese entón nun dos factores que benefician o rendemento da comprensión lectora dos adolescentes, a través da compañía durante os tempos de lectura dunha figura adulta. Ademais, un nivel socioeconómico máis alto, que a menudo se asocia co nivel educativo dos proxenitores, pode repercutir na alfabetización.

Dende Galicia, a alta puntuación recibida “pódese deber a moitos factores, aínda que habería que facer un estudo posterior a este de profundización con mostra galega“. Algunhas das razóns poderían ser os plans de lectura especializados que se leven a cabo nos centros, o tempo dos pais ou a conciliación laboral. O obxectivo destes estudos é comprender os factores externos e internos que impactan nesta tendencia favorable.

O futuro da comprensión

O uso moderado de internet, a non participación en xogos en liña, a percepción positiva da capacidade, o maior nivel educativo dos pais, a exposición temperá á tecnoloxía e ser muller resulta ser a ecuación perfecta nun positivo rendemento académico respecto aos datos de 2018.

Con todo, o futuro está cada vez máis preto: as TIC enchen tanto escolas como oficinas. Por iso, é aconsellable que a mocidade vaia introducíndose no aprendizaxe a través de internet e na actitude cara a lectura dentro duns límites establecidos. Un inicio tardío, a partir dos nove anos, pode dificultar a adaptación ás contornas dixitais e afectar a competencia lectora. Deste xeito, no estudo destácase a “crecente importancia de incorporar a alfabetización dixital á educación contemporánea“.

A introdución temperá na tecnoloxía tende a ser a tónica actual. Con todo, os resultados do estudo contemplan unha tendencia positiva. Este uso das TIC beneficia a comprensión lectora a través de instrumentos multimodais como as aplicacións. “A imaxe ou o son, estimulan os sentidos dos nenos, o seu interés, a motivación e a súa atención”, asegura a investigadora. Precisa que a comprensión lectora “agocha a capacidade cognitiva das persoas para comprender as mensaxes, sempre razoando, criticando e entendendo”, afirma, en base á importancia deste compoñente educativo.

Con vistas ao que pasará, habería que contemplar o impacto da intelixencia artificial e a súa influencia na comprensión lectora. “Para coñecer o seu impacto, aínda quedan anos para que nazan máis estudos”, o que provoca o descoñecemento sobre o seu impacto na cidadanía. A investigadora afirma que se pode empregar a IA, “mais non hai que abandonar as habilidades críticas e ser dependentes destas tecnoloxías”. “Fai falta tempo”, conclúe Beatriz Peña.


Referencia: Holistic exploration of reading comprehension skills, technology and socioeconomic factors in Spanish teenagers (Publicado en Heliyon)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O libro galego entre a ciencia e a inventiva: “Somos o que imaxinamos”

O investigador mariño Alberto González-Garcés mestura entre pequenas historias temas como os buratos negros e a xenética cos memes

Aquis Querquennis: 50 anos do achado da gran xoia oculta de Galicia

'A Cidá' é unha das infraestruturas romanas máis importantes de Europa e ten case dous milenios de historia

Así asubían os arroaces nas Rías Baixas para organizarse en grupo e orientarse nas augas

Un estudo recolleu durante 15 anos os sons dos Tursiops Truncatus para comparar as diferenzas nas interaccións entre Galicia e Sardeña

Unha potente borrasca atlántica manterá Galicia en alerta por choivas: estas son as zonas afectadas

Unha nova fronte provocará fortes choivas, nalgúns puntos tormentosas, con acumulacións de ata 40 l/m2 en 12 horas