Pódcast | Da tecnoloxía ao compromiso social

O novo episodio de O Descodificador analiza a sexta edición do proxecto Talentos Inclusivos da man do CITIC, Aspace Coruña e o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz

“Non sei onde está o teito de Talentos Inclusivos“, di Jorge Santiago, usuario de Aspace Coruña. A asociación impulsou xunto ao CITIC un proxecto pioneiro que xa vai pola súa sexta edición e que xa leva ás súas costas unha decena de premios. Nel apostan pola metodoloxía da aprendizaxe-servizo: o alumnado deseña solucións tecnolóxicas para persoas con parálise cerebral ao tempo que se consegue espertar as vocacións STEM entre a rapazada. A saúde e o éxito da iniciativa son indiscutibles, e así o transmiten as persoas usuarias e o alumnado que participa cada ano no proxecto. A través del, a tecnoloxía convértese na máxima expresión do compromiso social.

No novo episodio de O Descodificador, o pódcast de GCiencia en colaboración co CITIC, convidamos á investigadora do CITIC Nieves Pedreira, que participa en Talentos Inclusivos como asesora científica. Tamén a acompañan as voces de Iria Robles, coordinadora do proxecto en Aspace Coruña; e do usuario Jorge Santiago. E para completar as tres visións imprescindibles da iniciativa, tamén colaboran a profesora Marta López e o alumno Juan Fraga, do IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz, que xa levan tres edicións participando en Talentos Inclusivos.

Publicidade

“Non nos centramos unicamente na tecnoloxía, senón tamén na parte persoal e humanística”, explica Pedreira, quen dá conta da filosofía do proxecto. Talentos Inclusivos funciona a través de retos anuais que propoñen os usuarios de Aspace en función das súas necesidades diarias. Por exemplo, unha pinza para coller obxectos, unha bandexa de texturas, un soprador de velas, un brazo robótico para tarefas de cociña, unha mesa inclinable… Solucións que deseñan e crean alumnos de secundaria de toda Galicia e que melloran e facilitan a rutina das persoas con parálise cerebral. Nas reunións que se celebran mensualmente, os investigadores do CITIC funcionan como asesores científicos: botan unha man para solucionar os posibles desafíos aos que se enfrontan os estudantes e o profesorado participante.

Tanto Robles como Santiago valoran moi positivamente o proxecto porque, máis alá das solucións que achegan, permite dar a coñecer a realidade da parálise cerebral. A profesora Marta López, por exemplo, admite ter aprendido moito sobre esta diversidade funcional e decatarse das barreiras físicas ás que, sen decatarse, se teñen que enfrontar as persoas con parálise cerebral no seu día a día. Dende o alumnado, Juan Fraga transmite o “plus de motivación” que achega Talentos Inclusivos, que lles permite ir máis alá dunha nota no expediente e poñer todo os eu esforzo para axudar os demais.

Publicidade


  • Escoita O Descodificador en todas as nosas plataformas de podcast: SpreakerSpotifyIvooxiHeartDeezerPodcast AddictJioSaavn e Podchaser
  • O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CiGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).
Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Leo, o neno que non pode falar nin moverse pero saca sobresaíntes grazas á tecnoloxía

O rapaz de 11 anos ten unha atrofia muscular espiñal e, ademais de non expresarse verbalmente, tan só ten mobilidade completa nas pupilas

A cidade onde se deseña o coche do futuro

A creación do World Car Center é unha aposta da Zona Franca que promove innovacións como o deseño de baterías, a conectividade e a autonomía

A revolucionaria tecnoloxía en Vigo que será un centro industrial de Europa

“É un proxecto estrela para Galicia”, destaca o delegado da Zona Franca de Vigo sobre a creación dunha nova fábrica de microchips fotónicos

Coruña Estudo Inmersivo: a innovadora aposta galega que revoluciona o audiovisual europeo

Un escenario de 800 metros cadrados con tecnoloxía de realidade virtual colocan a Galicia como un centro de produción internacional