Como afrontar a posmenopausa: “O exercicio é a chave de ouro para protexernos”

O proxecto CARE da Universidade da Coruña emprega o adestramento de forza para mellorar a saúde cardiovascular nesta etapa vital

A posmenopausa é a etapa da vida da muller que comeza cando deixa de menstruar durante máis de 12 meses consecutivos. Neste período, que ocupa o último terzo da súa vida, “o exercicio é a chave de ouro para protexernos”, sinala María Rúa Alonso, investigadora do Performance and Health Group da Universidade da Coruña. Xunto con outros docentes da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, participou na creación do proxecto CARE (Cardiovascular Adaptation to Resistance Exercise), financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, centrado nas respostas e adaptacións metabólicas, neuromusculares e cardiovasculares a diferentes configuracións de adestramento de forza en mulleres posmenopáusicas.

O estudo avaliou os efectos agudos —durante e despois do adestramento— e crónicos —tras varios meses de práctica— en 50 mulleres posmenopáusicas fisicamente activas. “Buscamos mellorar a nosa capacidade como profesionais para prescribir exercicio de forma máis rigorosa”, explica Rúa, priorizando un esforzo controlado fronte ao fallo muscular, é dicir, o punto límite de forza. Para iso, compararon dúas modalidades de adestramento: unha configuración curta —moitas series e poucas repeticións— e outra longa —menos series e máis repeticións—.

Publicidade

Os resultados mostraron que, tras cada sesión, a configuración curta atenuaba a resposta cardiovascular. “Pode ser máis segura porque non incrementa tanto a frecuencia cardíaca nin a resposta hipertensiva, especialmente nunha poboación con maior vulnerabilidade cardiovascular como as mulleres posmenopáusicas”, explica. A diminución dos estróxenos asociada á menopausa aumenta o risco de hipertensión e diabetes. Aínda que ambos os tipos de adestramento producen melloras semellantes a longo prazo, a configuración curta reduce os riscos durante a práctica.

Estes beneficios da configuración curta xa se observaran en persoas novas e activas, un perfil que probablemente se beneficie menos destes achados ca as mulleres nesta etapa da vida. “Estamos infraestudadas, infradiagnosticadas e infratratadas”, manifesta María Rúa.

Publicidade

O perfil da muller posmenopáusica

A investigadora da UDC explica que durante a perimenopausa, a etapa de transición previa á menopausa, xa aparecen os primeiros síntomas derivados da caída dos estróxenos. Sufocación, mareos, cambios de humor e perdas de memoria son algúns dos máis habituais e, segundo María Rúa, afectan ao 80% das mulleres. Ademais, os calores nocturnos adoitan provocar alteracións do sono. “As mulleres que non eran activas pasan a selo aínda menos e as que si o eran reducen notablemente a súa actividade física”, explica. Como consecuencia, aumenta o sedentarismo e prodúcese unha deterioración da saúde cardiovascular.

“Se as mulleres chegan á posmenopausa sendo fisicamente activas, as complicacións teñen un impacto moito menor”, sinala. Por iso, o estudo centrouse en mulleres activas, xa que nas persoas sedentarias a mellora derivada do exercicio físico adoita ser máis evidente polo simple feito de incorporar o estímulo. Ademais, a perda de motivación para realizar actividade física fai necesario deseñar adestramentos máis atractivos, co obxectivo de mellorar a adherencia e garantir a súa eficacia.

Importancia do exercicio físico

“Queremos achegar evidencia científica sobre a importancia do exercicio nesta etapa”, afirma María Rúa. Para iso, as participantes realizaron adestramentos de forza dúas veces por semana, en sesións dunha hora. O programa incluía exercicios en máquinas como prensa de perna, press de peito, traballo da cadea posterior ou traccións.

Antes de incorporarse ao estudo, as mulleres foron sometidas a unha avaliación médica completa, con probas de esforzo e criterios de inclusión e exclusión específicos. Tamén se lles realizou unha valoración cardiovascular (presión arterial, rixidez arterial e frecuencia cardíaca), ademais da análise de biomarcadores de risco cardiometabólico, como os niveis de colesterol e glicosa. A condición física das participantes avaliouse mediante probas de composición corporal e estudos ecográficos da musculatura para, segundo explica Rúa, “poder observar as melloras en hipertrofia”. Ademais, leváronse a cabo probas funcionais antes e despois do programa para medir parámetros como o equilibrio.

As participantes levaron a cabo adestramentos de forza en máquinas. Foto: @phg_udc vía Instagram
As participantes levaron a cabo adestramentos de forza en máquinas. Foto: @phg_udc vía Instagram

Máis aló dos resultados deportivos, o principal obxectivo do proxecto é “transmitir coñecemento, tanto ás mulleres como aos profesionais do exercicio”, sinala a investigadora. Existe evidencia de que moitas mulleres maiores de 50 anos —a idade aproximada da posmenopausa— camiñan con frecuencia e realizan exercicios con cargas lixeiras. “Mellor iso que nada, pero non é un estímulo suficiente”, advirte. Por iso, CARE busca identificar a dose óptima de exercicio para maximizar os beneficios e, a nivel cardiovascular, contribuír a reducir a presión arterial e atrasar o desenvolvemento da hipertensión o máximo posible.

Recomendacións dos profesionais

Á espera dunha guía que recompile toda a información obtida a partir da investigación, na que xa están a traballar, María Rúa adianta tres recomendacións para as mulleres posmenopáusicas:

—É importante facer exercicio físico. “O máis relevante é a adherencia”, sinala a investigadora, polo que resulta fundamental escoller unha actividade que se adapte aos gustos e preferencias de cada persoa.

—O exercicio só é realmente eficaz cando se mantén no tempo. Por iso, recomenda practicar actividade varias veces por semana e incorporala á rutina.

—É necesario adestrar a forza, aínda que existen múltiples formas de facelo: con peso libre, máquinas ou autocargas. Para María Rúa, é fundamental “mover grandes grupos musculares”. Con todo, lembra que os programas deben adaptarse ás características de cada persoa e que, nalgúns casos, tamén é posible alcanzar unha dose adecuada de estímulo mediante bandas elásticas ou cargas lixeiras.

Porén, para a investigadora hai un reto aínda maior que determinar a dose óptima de exercicio: o elevado nivel de inactividade física entre as mulleres. “Existe unha porcentaxe moi alta de mulleres inactivas e sedentarias”, advirte. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), o 29,1% das mulleres eran sedentarias en 2022. A cifra aumentou ata o 34,2% en 2023, a última información dispoñible.

O seguinte paso

En 2026, o Performance and Health Group puxo en marcha o proxecto CARE+E para avanzar no estudo da prescrición de exercicio físico dirixido ás mulleres posmenopáusicas. Nesta nova fase, tamén financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, analizan os efectos do adestramento concorrente, é dicir, aaquel que combina forza e aeróbico. As participantes —moitas delas xa presentes no proxecto anterior— adestran tres veces por semana durante unha hora. O programa combina exercicios cardiovasculares e de forza en dúas secuencias alternas: cardio-forza-cardio e forza-cardio-forza, en semanas intercaladas. “Xa están adestrando as primeiras mulleres, pero en setembro gustaríanos ampliar a mostra e, en maio de 2027, iniciar un novo ciclo de adestramentos”, explica María Rúa.

Con iniciativas como CARE+E, a UDC contribúe a visibilizar unha etapa da vida da muller que continúa estando pouco estudada dende a investigación científica. Un ámbito no que, segundo a investigadora, aínda queda moito por coñecer. “A pesar de que cada vez se divulga máis sobre a menopausa, segue existindo unha importante falta de alfabetización”, conclúe.


Referencia: Set configuration influences cardiovascular responses to resistance exercise in postmenopausal females in a randomized crossover trial from the CARE project (Publicado en Scientific Reports)

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A propulsión nuclear, a exame como alternativa para descarbonizar o transporte marítimo

Unha investigación do CITENI analiza os riscos dos reactores de sales fundidas para a súa posible aplicación nos buques do futuro

Os mapas da xentrificación en Galicia: estes son os barrios máis afectados

Un novo estudo identifica as áreas máis vulnerables en Vigo, A Coruña e Santiago e describe a reconfiguración das tres urbes nun período de seis anos

A UDC mide por primeira vez como cristalizan en décimas de segundo os polímeros semicondutores

O traballo desenvolve unha metodoloxía que permite calcular nun único experimento un proceso clave para fabricar materiais destinados á electrónica orgánica e ás células solares

Unha nova campaña arqueolóxica da UDC indagará na historia dun edificio achado no Castro de Esmelle

A intervención está impulsada pola Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial e conta coa participación de nove persoas expertas en patrimonio galego