Dor, fatiga e medo: as barreiras que limitan a práctica deportiva en mulleres

A Universidade de Vigo elabora un cuestionario no que o 70% das participantes indicou sentir inseguridade para facer exercicio soa nalgúns espazos

Un estudo da Universidade de Vigo revelou que a dor, fatiga ou medo asociados a etapas como o embarazo ou menopausa, ao ciclo menstrual ou a outras situacións xinecolóxicas están entre as principais barreiras percibidas polas mulleres. Entre as demais limitacións identificadas atópanse o impacto dos roles de xénero, as expectativas creadas polas redes sociais e a inseguridade que experimenta a poboación feminina durante a práctica deportiva, o que condiciona a creación de rutinas.

O grupo WellMove, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, propón unha ferramenta multidimensional destinada a determinar as limitacións que atopan as mulleres ao desenvolver actividades deportivas. Trátase dun cuestionario psicométrico denominado MuBAF (Mulleres e Barreiras á Actividade Física) que ten como obxectivo avaliar unha serie de cuestións que afectan “de forma diferencial” ás mulleres, así como aspectos relativos “ao contexto social actual, como a influencia das redes sociais”, explica a profesora Silvia Varela, investigadora principal do proxecto.

Publicidade

Unha poboación pouco estudada

Os grupos de investigación confirmaron que, se ben “existen varias ferramentas para detectar a barreiras na poboación xeral, só un número moi limitado foi validado en mulleres” e ningunha fora “deseñada exclusivamente para esta poboación”. Isto, subliña Varela, fai que “certas realidades” que afectan de forma específica ás mulleres “non foran consideradas”, como os efectos físicos ou anímicos derivados de diversas situacións xinecolóxicas.

Este proxecto busca dar resposta “a necesidades sociais e de igualdade amplamente documentadas”, como sinala Varela. Nomeadamente, a investigadora fai referencia á “menor práctica deportiva entre as mulleres”, ao “impacto dos roles de xénero” á hora de participar en actividades deportivas ou á “presenza crecente de barreiras vinculadas ás redes sociais”, así como a “persistencia de situacións de inseguridade ou exposición pública que poden condicionar a adherencia e, polo tanto, a práctica regular de actividade física”.

Publicidade

Primeira detección de barreiras 

Co obxectivo de comprobar a súa fiabilidade, realizouse unha primeira recollida de datos, coa participación de 105 mulleres de diferentes idades e de distintas localidades da Pontevedra, entre as que se atopaban 55 estudantes de diferentes niveis e 50 traballadoras, desempregadas e xubiladas. Ademais, 48 destas mulleres repetiron o cuestionario nas dúas semanas seguintes, co propósito de comprobar a fiabilidade dunha ferramenta que se amosou “moi estable e precisa”.

Aínda que, como recoñece Varela, os datos obtidos non poden extrapolarse ao conxunto das mulleres da provincia, si achegan unha “información valiosa” que permite “identificar certas tendencias e orientar futuras investigacións”. Nese senso, entre as principais barreiras detectadas destacan cuestións como a “inseguridade para facer exercicio soa nalgúns espazos”, salientada por preto do 70% das participantes, ou que os síntomas relacionados co ciclo menstrual dificultan a práctica de exercicio, afirmación coa que se amosaron de acordo ou moi de acordo o 55% das participantes. Outros factores destacados, explica, foron a “dificultade para manter a motivación”, sentir que o seu corpo “será xulgado polo seu aspecto” mentres realizan actividade física e a “percepción de que as mulleres son máis observadas e reciben máis comentarios negativos ao facer exercicio público”.

Trátase, subliña o equipo investigador, de barreiras cunha “forte dimensión de xénero” que, sinalan, parecen afectar máis ás mulleres máis novas. “Os datos obtidos permiten empezar a identificar que factores poden estar influíndo na práctica de actividade física en mulleres e os perfís nos que estes factores poden ter maior influencia”, salienta Varela, que explica tamén que o obxectivo é seguir traballando con esta ferramenta, co propósito de levala a unha “mostra máis diversa e representativa”.

O cuestionario muBAF

Estruturado en 25 preguntas, con cinco opcións de resposta relativas ao grao de acordo ou desacordo respecto da afirmación proposta, MuBAF aborda de forma específica estas cuestións, xunto con factores como “o efecto da carga de coidados” que, se ben non son exclusivos da poboación feminina, si “recae maioritariamente sobre elas”.

O cuestionario aborda tamén aspectos que “poderían ser aplicables a ambos xéneros, como a falta de tempo, a proximidade ás instalacións deportivas ou contar con compañía para a práctica de exercicio físico. Ao mesmo tempo, inclúe tamén “dimensións inéditas noutros instrumentos”, como as referidas a inseguridade, a exposición pública ou relacionados coa “influencia das redes sociais, a presenza de referentes deportivos ou a presión por determinados modelos corporais idealizados”. 

Varela subliña que a identificación deste tipo de barreiras “achega información útil tanto aos profesionais do ámbito deportivo como ás institucións”, de tal xeito que os datos obtidos con esta ferramenta permitirán “deseñar accións de promoción da actividade física, tendo en conta a perspectiva de xénero”.

1 comentario

  1. Estou gratamente sorprendida por esta iniciativa aquí en Galicia porque teño a percepción que non se está a valorar suficiente a importancia do deporte e actividade física nas mulleres; así como as barreiras sociais e culturais que atopamos. Esta reflexión empeza fai un mes cando pola miña profesión nunha conversa con un adestrador de fútbol, este explícame que ten mais problemas para consolidar equipos femininos porque as rapazas non se comprometen como os mozos. Nun primeiro momento a miña reacción e dicir na miña cabeza salta a pregunta: As mulleres menos comprometidas? Um, non! Pero nun só segundo tamén se cruzou: deporte e mulleres, na miña xeración os rapaces xogaban en equipos de fútbol ata os 30 ou máis ( no equipo de fútbol da vila) pero as mozas non. Creo (podo estar equivocada debería investigarse) que as mulleres non nos comprometemos ao longo do noso ciclo vital co deporte como os homes. Se de mozas practicamos algún deporte de xeito informal coa maternidade usualmente deixamos de facelo. Creo que deporte e muller precisa moita atención polo que repercute na nosa saúde física e mental. Parabéns pola iniciativa. Apertas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

De histeria a psicofármacos: un estudo galego revela os nesgos de xénero que persisten nas consultas médicas

Unha revisión bibliográfica liderada dende a UDC demostra que, ante os mesmos síntomas, elas tenden a ser máis cuestionadas e diagnosticadas sen probas complementarias

Un equipo da UVigo explora o uso da IA para verificar información con perspectiva de xénero

Un estudo comparativo conclúe que ChatGPT ofrece as respostas máis fiables entre catro modelos analizados e detecta alucinacións en DeepSeek

Pequenos movementos, grandes beneficios: así podes combater o sedentarismo con sentadas

Unha persoa que pasa máis de oito horas diarias sentada, aínda que cumpra cos 30 minutos de actividade física recomendados, considérase sedentaria

Galicia en bicicleta: o visor con máis de 80 rutas para percorrer 4.000 quilómetros

A ferramenta en liña amplía o seu catálogo de traxectos con información sobre os percorridos por 161 concellos das catro provincias