Non podo máis. Pero podes, a pesar de que sentes un esgotamento físico e emocional que non cura nin con 10 horas de sono. Probablemente ese pensamento cruzou a mente de moitas mulleres durante o Nadal. Non só tiveron que organizar grandes comidas familiares, comprar agasallos e distribuír ben os horarios entre as vacacións dos fillos e o coidado dos pais. Tamén se viron obrigadas a compatibilizar este esforzo invisible co seu traballo remunerado. Esta situación non é exclusiva e illada, senón relativamente común entre as mulleres. Chámase “carga mental”. “A sociedade recae sobre as nosas costas”, asevera Rosa Cerqueiro, psicóloga clínica do Sergas, quen trata de explicar as causas dun concepto cada vez máis presente no debate público.
A carga mental ten múltiples dimensións e causa un malestar psicolóxico que non sempre é fácil de identificar. E que, incluso, as mulleres tratan de agochar porque se senten culpables por non responder ao socialmente establecido. “Non existe a mesma responsabilidade percibida, asumida e designada cara ás mulleres que cara aos homes”, apunta Cerqueiro, quen pon o foco nas cuestións de xénero. A presión social e cultural para que as mulleres asuman os aspectos organizativos do fogar e dos coidados é incuestionable.
A desigualdade persiste
Mais tamén hai outros aspectos clave que a psicóloga galega pon de relevo para entender o fenómeno: a desigualdade no reparto de tarefas, que continúan a recaer en maior proporción nas mulleres; e a chegada ao mercado laboral, que non sempre ofrece opcións compatibles coa conciliación persoal. “A incorporación normalizada da muller ao traballo non foi acompañada por un reparto das tarefas nos espazos máis íntimos e persoais”, sostén a psicóloga do Sergas. Así é que as mulleres non só se enfrontan a certos retos laborais, como a desigualdade salarial, senón tamén á atención ao máis nimio detalle na familia ou no fogar, como saber —a diferenza en moitos casos da parella masculina— que talla de roupa usan os fillos.
Cerqueiro ten claro que a asunción destas tarefas e responsabilidades é algo que se produce na infancia e na xuventude. A acumulación de cargas vai pesando cos anos, e xera a falsa idea de que as mulleres “son multitarefa”. Pero non, non teñen un software interno mellor preparado que o dos homes. E é precisamente por isto polo que a carga mental ten consecuencias na saúde mental. “Non é casual que as mulleres teñamos máis prevalencia de trastornos de ansiedade, de sono e somáticos. Nin estamos mal feitas nin é unha cuestión biolóxica. As nosas cargas mentais, sociais e físicas son maiores. Non temos horarios nin vacacións“, sentenza a psicóloga do Sergas.
Como a identificamos?
Cerqueiro considera que a carga mental é fácil de identificar, malia que ás veces as mulleres se digan a si mesmas que non deben queixarse e, así, asumen o sentimento de culpa. “A primeira sensación é de puro esgotamento, de dispersión mental e de problemas de concentración“, indica. Adoitan vir, sobre todo a fatiga, tras pensar na longa lista de tarefas pendentes. E moitas veces é común a frase: “Non é para tanto, non me podo queixar porque me axudan”. É unha forma de xustificar e eludir a cuestión. E precisamente por iso, Cerqueiro cre que non hai que pedir a corresponsabilidade, senón esixila.
“Mandar e pedir ten un custe: esgota. E aínda que se están a producir cambios, non coa rapidez coa que nos gustaría. Aínda hai un reparto moi desigual das tarefas, sobre todo na coordinación das mesmas”, apunta a psicóloga galega. En moitas ocasións as mulleres teñen que facer verdadeiros malabarismos, sobre todo se están nunha etapa da vida na que se poden solapar o coidado dos fillos co dos pais ou outras persoas dependentes. “Os nenos empezan a medrar e isto coincide co declive dos achegados ou, incluso, co noso propio. Non hai unha ruptura entre un momento e outro”, matiza Cerqueiro, quen insiste en que a todo isto hai que sumar, en moitas ocasións, o traballo remunerado.
Como afrontalo?
Aliviar o malestar producido pola carga mental non é doado. As solucións que se poñen enriba da mesa non sempre son doadas de levar á práctica. En primeiro lugar, as administracións deberían tomar partido e desenvolver políticas que recoñezan o traballo invisible: “É unha tarefa pendente na que todos os gobernos miran para outro lado”. Non obstante, hai un custe real, sobre todo para o sistema sanitario. Moitas mulleres pagan a factura de patoloxías muscoesqueléticas derivadas do coidado de persoas maiores, ou ben trastornos de depresión e ansiedade relacionados coa carga mental.
Cerqueiro ten claro que, aínda que este é un tema cada vez máis visible e presente no debate público, aínda queda moito camiño por percorrer. Aos cambios a nivel teórico, ao recoñecemento do problema, hai que sumar accións concretas. Mentres se agardan e se deberían esixir as políticas públicas, hai consellos que se poden asumir dende o individual. “Hai unha parte que nos toca a nós porque somos as primeiras interesadas en cambiar as actitudes culturais e en esixir o noso recoñecemento. Temos que poñernos como protagonistas“, sentenza a psicóloga do Sergas.
A situación galega
Entender a carga mental e saber como afrontala é fundamental para comprender os datos. Segundo o último informe do Instituto Nacional de Estatística (INE), as mulleres galegas teñen maior prevalencia de depresión en comparación co resto de comunidades. Mentres o 44% delas presentan sintomatoloxía, tanto leve como grave, os homes galegos están moi por debaixo, cun 27,8%. Isto non só acontece en depresión, senón hai unha tendencia semellante noutros aspectos de saúde mental, como a ansiedade.
Cerqueiro acha as causas nas desigualdades inherentes a ser muller, pero tamén nas condicións materiais de vida: “Conforme diminúe a clase socioeconómica, maior prevalencia hai de problemas de saúde mental”. Non obstante, ante unha mesma situación, incluso dun gran poder adquisitivo, as mulleres presentan máis problemas de saúde mental que os homes. É aí onde Cerqueiro apunta á cuestión de xénero para interpretar correctamente os datos. Sobre todo, porque elas tamén se lle receitan máis psicofármacos.
Unha mirada de xénero
“Hai unha cuestión de xénero na mirada profesional de cara aos problemas de saúde mental. É máis fácil que, coa mesma sintomatoloxía, as mulleres sexamos derivadas antes a unha consulta de psicoloxía ou psiquiatría”, asegura. Exemplifica a súa propia afirmación coas consultas de cardioloxía, ás que os homes son máis frecuentemente derivados aínda que presenten síntomas compatibles coa ansiedade ou coa depresión. As mulleres, pola contra, son rapidamente enviadas a saúde mental.
Pero máis alá do sistema sanitario, hai que ter un extremo coidado cos discursos que banalizan a cuestión e poñen o foco na paciente. Porque non, non todo depende da túa vontade, tal e como avala Cerqueiro. Non obstante, os orzamentos dedicados a saúde mental non sempre son suficientes, o que deriva nunha lista de espera de 9.000 persoas, só en Galicia, agardando cada ano unha primeira consulta de saúde mental. Así o asegura Cerqueiro, quen continúa: “Sempre fomos unha comunidade moi deficitaria neste aspecto e incluso agora non chegamos ás ratios que recomendaban nos anos oitenta”.
Dende a súa experiencia, denuncia tamén as axendas sobresaturadas que impiden unha atención e un seguimento efectivo os pacientes. E, sobre todo, pon o foco nas condicións materiais de vida: “Ás veces a solución non está na consulta”. Os problemas de acceso á vivenda, sen ir máis lonxe, entran dentro desta denuncia que fai Rosa Cerqueiro. Pero tamén a carga mental que desborda as mulleres polo simple feito de ser mulleres, por dicirlles que deben coidar dende ben cativas e pola dificultade real para repartir as cargas, ás veces puramente organizativas e de coordinación.
Así que cando te sintas profundamente esgotada pola longa lista de tarefas pendentes, cando digas que non podes máis, lembra que hai que delegar. Pero, sobre todo, que non sempre é unha cuestión de vontade.














