Unha finca situada nas proximidades do aeródromo de Rozas, no concello de Castro de Rei (Lugo), constitúe o único refuxio da Península Ibérica que alberga unha poboación nidificante da especie migratoria coñecida como mazarico real (Numenius arquata). No ano 2025 rexistráronse tres exemplares: unha parella e un individuo viúvo. Dado o seu estado crítico no ámbito peninsular, resulta fundamental impulsar accións que garantan a continuidade da especie.
O mazarico real caracterízase polo seu longo pico curvo, o maior, en termos relativos, da avifauna peninsular. A súa distribución abrangue amplas zonas do Paleártico, dende Irlanda e Francia ata o norte da península Escandinava e Rusia, para pasar o inverno no hemisferio sur.
Para mellorar a súa conservación, a Xunta de Galicia asinou un convenio de colaboración por cuarto ano consecutivo coa presidenta da Comunidade do Monte Veciñal en Man Común Granda Abilleira e Salgueiros, Pilar Mouriz, co fin de blindar a zona de nidificación e cría da única parella de mazarico real existente na Península Ibérica, favorecendo así a súa protección.
Poboación invernante
Durante o inverno, a especie aparece de maneira dispersa en numerosos enclaves, mais as costas de Galicia, Cantabria e Asturias acollen unha parte significativa da poboación entre os meses de febreiro e xullo, como etapa previa á migración. Este litoral concentra arredor das tres cuartas partes da poboación invernante. Na actualidade, a reprodución limítase a un número moi reducido de exemplares en terras lucenses.
Dende 2007, a área de nidificación quedou restrinxida a unha única localidade. Por este motivo, lévanse a cabo labores de mantemento orientadas a garantir unha adecuada calidade estrutural do hábitat de nidificación do mazarico real.
Conservación da área de nidificación da especie
A Xunta de Galicia habilitou un espazo de 310 hectáreas situado no lugar de Rozas co obxectivo de crear un hábitat adecuado e único na Península Ibérica para favorecer a nidificación e cría. Nese contexto enmárcase os traballos de roza, mellora e acondicionamento da área de nidificación, así como as medidas postas en marcha para evitar o impacto dos depredadores.
O convenio para a súa conservación, que ten vixencia ata decembro, pretende cubrir os gastos das rozas previstas para manter a landa e a matogueira da zona, a retirada de restos e residuos que poidan alterar o bo estado de conservación do hábitat de mazarico real dentro da parcela ou a sinalización de prohibición do tránsito de vehículos dentro da zona acoutada e durante o período de nidificación.
Dende 2020, a Universidade de Santiago de Compostela tamén traballa para avaliar a poboación nidificante, xunto coas accións de control de depredadores desenvolvidas no aeródromo de Rozas.














