Galicia dá un novo paso para reforzar o seu liderado en tecnoloxías cuánticas. Con este fin, o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia) contará este ano con dous laboratorios mixtos de investigación nesta materia compartidos coas universidades de Santiago de Compostela e de Vigo grazas a un investimento de 4,6 millóns de euros. O Consello da Xunta autorizou hoxe dous convenios que farán posible que o sistema de I+G+i galego se dote destas novas infraestruturas científicas, onde se traballará no desenvolvemento de dous procesadores cuánticos.
En concreto, esta colaboración articularase entre o CESGA e dous centros de investigación universitaria da Rede CIGUS: o IGFAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías) da USC especializado en tecnoloxías cuánticas aplicadas á física de partículas e nuclear, e o VQCC (Vigo Quantum Communication Center), dependente do atlanTTic (Centro de investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación) da UVigo, que se dedicará á investigación en computación cuántica óptica.
A computación cuántica está definida como unha iniciativa de alto impacto no Plan galego de investigación e innovación 25-27. Agora, estes acordos buscan reforzar o liderado de Galicia logo de encadear varios fitos neste sentido. En concreto, a Xunta está a construír un novo edificio para CESGA en Santiago, onde ampliará as súas capacidades cun novo ordenador cuántico, un novo supercomputador e un sistema de almacenamento de datos. Ademais, inaugurouse recentemente entre Santiago e Vigo a liña de comunicación cuántica máis longa de España, e Galicia participará no primeiro Centro Europeo de Excelencia Cuántica (QEX) en Europa, a través do CESGA e da USC e UDC, co obxectivo de desenvolver estas tecnoloxías cuánticas no continente.
Persoal, equipamento e infraestruturas
Concretamente, o convenio entre CESGA e IGFAE posibilitará crear o IGFAE-CESGA Quantum Computing Lab, un laboratorio conxunto ao cal se destinarán case 2,2M€ en 2026 para impulsar as súas liñas de investigación e contribuír ao fortalecemento do ecosistema galego e europeo en ciencia e tecnoloxías cuánticas. Mentres, o convenio entre CESGA e VQCC, que conta cun orzamento de 2,4M€ nesta anualidade, porá en marcha o laboratorio Quantum Optical Computing Lab para cubrir unha liña de investigación sobre computación cuántica óptica como unha plataforma experimental específica, consolidándose así como infraestrutura singular do I+G+i.
Ambos os convenios posibilitarán a dotación de recursos humanos, equipamento e infraestruturas técnicas achegadas por ambas partes e seguirán un modelo de gobernanza compartida entre institucións, tanto no ámbito operativo como no científico. Concretamente, o CESGA achegará a través destes convenios 4,6 M€ cofinanciados a través do PERTE Chip e de fondos propios da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e FP, mentres que as universidades comprométense a asumir a consolidación e sustentabilidade operativa destes laboratorios. De feito, o laboratorio entre o CESGA e o IGFAE concíbese cunha vixencia indefinida, mentres que o do CESGA e o VQCC establece unha duración inicial de catro anos con posibilidade de prórroga.
A física de partículas e nuclear na USC
No caso do laboratorio do CESGA e o IGFAE, aplicarase á física de partículas, a física nuclear e á física fundamental, incluíndo liñas de investigación sobre simulación cuántica analóxica, plataformas experimentais (átomos fríos, ións atrapados, cúbits supercondutores) e metodoloxías de detección e mitigación de erros, con especial atención á resiliencia fronte a perturbacións externas e radiación ambiental.
Este laboratorio traballará cara ao desenvolvemento dun procesador cuántico especialmente deseñado para estudar e facer novos descubrimentos en física de partículas e física nuclear. Por exemplo, poderíase afondar na estrutura do núcleo atómico e poderase realizar simulacións. Un computador destas características neste laboratorio tamén permitiría introducir elementos para simular chorros de partículas e estudar as propiedades dun novo material chamado plasma de guarks e gluons que se produce no CERN.
O centro de excelencia da USC contribuirá coa súa experiencia en electrónica rápida, crioxenia, baleiro, imaxe fluorescente, microelectrónica e análise de datos, así como con persoal científico e técnico propio, mentres que o CESGA achegará as súas capacidades en infraestrutura computacional avanzada e soporte tecnolóxico especializado.
A cuántica óptica na UVigo
O laboratorio sobre computación cuántica óptica entre o CESGA e o atlanTTic concíbese como unha infraestrutura aberta para facilitar a colaboración con investigadores externos mediante protocolos comúns, integrándose academicamente na UVigo e formando parte, ao mesmo tempo, da infraestrutura científica do CESGA.
Co desenvolvemento deste novo sistema de procesador cuántico óptico poderíanse resolver problemas de optimización moito máis rápido e consumindo menos enerxía que procesadores clásicos. Este procesador podería servir para acelerar múltiples algoritmos de intelixencia artificial e terá utilidades en deseño de materiais, loxística, planificación sanitaria ou bioinformática.
Ademais, o Quantum Optical Computing Lab permite posicionar o CESGA dentro da plataforma experimental da futura Fábrica europea de intelixencia artificial debido ás súas sinerxías e a potencialidade para executar algoritmos de IA de forma máis eficiente, contribuíndo á investigación e o desenvolvemento de infraestruturas de computación de vangarda e á mellora da soberanía tecnolóxica.














