As mulleres galegas son as máis deprimidas de España: o 44% amosa síntomas

Seis de cada dez valoran o seu estado de saúde como bo ou moi bo, bastante por debaixo da media nacional, que se sitúa no 74%

As galegas son as máis deprimidas de toda España: 599.100 mulleres presentan síntomas de depresión, dende graves ata leves. É dicir, un 44% do total. Así o indican os novos datos do informe do Instituto Nacional de Estadística (INE), cunha gran diferenza fronte aos homes (27,8%). En total, un de cada tres galegos (36,19%) teñen unha sintomatoloxía asociada á depresión.

As persoas máis maiores son as máis vulnerables, xa que o 66,38% das mulleres cunha idade superior aos 85 anos amosan estes síntomas. A cifra modérase nos homes: exhíbenos a metade deles (49,99%). O informe do INE tamén destaca que 368.900 galegos teñen rexistrados cadros depresivos, o 62,9% dos cales son mulleres. Do total, o 41,3% amosan un cadro depresivo maior. Estes poden ser algúns dos motivos polos que Galicia é das comunidades que máis consume antidepresivos.

Publicidade

O factor de xénero é moi importante nestes casos. A proporción de persoas con síntomas tende a aumentar co paso dos anos. Con todo, as mulleres de máis de 25 anos presentan máis indicios de depresión que calquera franxa de homes menor aos 74 anos.

A brecha de xénero, sempre presente

Á hora de considerar o seu estado de saúde, os galegos son os que peor a puntúan. Só seis de cada dez galegos (un 59,5%) valoran este como bo ou moi bo, bastante por debaixo da media española (74%). Tamén unha porcentaxe moi baixa de galegos cre que a súa saúde é moi boa: o 14,97%, que contrasta coa visión dos estremeños (34,41%) ou a dos ceutís (40,64%). Unha vez máis, as mulleres son as máis prexudicadas segundo a enquisa, e son as que perciben como peor a súa saúde, con só un 44,03% considerando boa ou moi boa a súa situación. Ademais, hai o triple de mulleres (3,39%) ca homes (1,01%) que consideran moi malo o seu estado de saúde.

Publicidade

En xeral, a brecha de xénero é moi elevada no ámbito da saúde mental. O 19,8% das mulleres ten ansiedade, fronte o 8,54% dos homes. Tamén o 17,34% das mulleres están diagnosticadas de depresión ante o 7,97% dos homes. Ademais, unha maior proporción de mulleres sofre migrañas (un 22,58%) que homes (9,01%).

O estrés laboral forma parte dos problemas que afectan a saúde. O 4,48% dos galegos exhiben síntomas vinculados ao traballo, sendo a cifra moderadamente maior nas mulleres (4,53%).

Menos consumo de alcohol

Con respecto aos hábitos saudables, as cifras melloran nalgúns aspectos. O 14,91% dos galegos fuma a diario, menos que a media española (16,6%). O 60,3% dos fumadores galegos son homes. O consumo de alcohol tamén é baixo, en comparación coa media nacional. O 41,32% dos galegos non consumiu estes produtos nos últimos 12 meses, sendo a cifra máis baixa despois de Cantabria (63,55%). Si que se supera a media na cantidade de veces que os galegos beberon de máis. Un 9,1% consumiu alcohol de forma intensiva no último mes, fronte ao 7,8% da media.

Galicia tamén se atopa na parte alta dos problemas de saúde vinculados á masa corporal. É a cuarta comunidade autónoma con máis taxa de persoas obesas (17,88%), por detrás de Canarias (20,64%), Murcia (20,12) e Castela-A Mancha (19,86%). Ademais, hai máis mulleres (19,15%) ca homes (16,49%). Iso si, ambos fan exercicio en proporcións similares. De media, pouco máis de un de cada catro (27,59%) é sedentario no seu tempo libre.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos