O galego De la Fuente descobre novas moléculas que matan superbacterias

Péptidos sintéticos en imaxe especular potencian a resposta inmunitaria nunha estratexia nova na loita contra a resistencia aos antibióticos

Novo fito do biotecnólogo galego César de la Fuente na carreira por superar un dos principais problemas que ameaza a saúde da humanidade. O equipo liderado polo investigador coruñés na Universidade de Pensilvania vén de acadar outro grande avance no desenvolvemento de antibióticos con maior capacidade para facer fronte a bacterias resistentes aos fármacos, as coñecidas como superbacterias.

O avance podería marcar un antes e un despois no tratamento dos pacientes hospitalizados máis vulnerábeis, a maiores de frear a tendencia á resistencia aos antibióticos debido ao incremento do seu consumo, o emprego en animais e a falta de remuda nos máis convencionais. Como? A través do desenvolvemento de novas moléculas que matan directamente ás superbacterias e potencian a resposta inmunitaria.

Publicidade

Porque na carreira entre farmacia e estas bacterias resistentes, estas últimas levan vantaxe. Así o recoñece o propio César de la Fuente en declaracións recollidas pola universidade estadounidense para a que traballa desde hai anos encabezando o Grupo de Bioloxía Computacional, onde aplican a intelixencia artificial ao desenvolvemento da medicina.

O logro do equipo liderado polo catedrático nado na cidade herculina consiste no deseño de péptidos sintéticos capaces de atacar ás superbacterias en dúas frontes. Por un lado, perforan as membranas microbianas, namentres que activan un receptor celular inmune que resulta clave, pois amplifica as defensas naturais do corpo.

Publicidade

“Ao combinar a eliminación directa das bacterias ca activación inmunitarias, estes péptidos ofrecen unha estratexia completamente nova“, sinala De la Fuente. Un novo achado que permitiría reforzar a capacidade dos fármacos de reducir a resistencia que ofrecen estas bacterias.

Unha resposta coordinada

O estudo, publicado este mesmo martes na revista Cell Biomaterials e que leva a firma do galego como autor principal, debulla a estratexia de dobre acción que seguen estas moléculas para atacar e matar directamente ás superbacterias. En primeiro lugar, os péptidos perforan as membranas bacterianas. Con isto conseguen eliminar dun xeito rápido os patóxenos que escapan do radio dos antibióticos convencionais.

Despois disto, os péptidos sintéticos activan o receptor acoplado a unha proteína (denominada G-MRGPRX2) que non era coñecido nos mastocitos, as células do sistema inmunolóxico que se atopan en tecidos como pel, pulmóns ou intestinos e que participan nas reaccións alérxicas ou a defensa contra os parasitos. A activación do receptor desencadea unha liberación explosiva de mediadores antimicrobianos que reforzan a eliminación da infección.

En derradeiro lugar, o deseño con configuración en imaxe especular, para o que se empregan aminoácidos D, outorga unha alta resistencia á degradación por proteasas. Isto último permite superar un grande obstáculo na terapia con péptidos, preparándoos para a súa aplicación clínica no entorno real.

O sistema inmunitario como aliado

O deseño permite converter ao sistema inmunitario do hóspede nun aliado grazas á activación da proteína G-MRGPRX2, acadando un dobre efecto que ningún dos antibióticos convencionais que se empregan na actualidade pode igualar, segundo indica Marcelo Torres, coinvestigador principal do estudo.

O avance abre unha nova porta no desenvolvemento de novos fármacos con capacidade de dar resposta ao gran desafío que para a medicina representan as superbacterias, consideradas para a Organización Mundial da Sáude (OMS) como unha das dez principais ameazadas para a saúde ás que se enfronta a humanidade.

“Fronte ao incremento da resistencia aos antibióticos, as terapias que eliminan as bacterias e fortalecen a inmunidade constitúen unha fronteira crucial na investigación“, sinala Aetas Amponnamawarat, outro dos coautores do estudo que tamén asinan Rakesh Krishnan e Hydar Ali.

Ensaios

Agora é o momento de dar o salto á fase de probas para intentar que este novo avance da medicina poida chegar aos tratamentos a pacientes. O equipo de De la Fuente realiza xa os primeiros estudos preclínicos que servirán para avaliar a eficacia en modelos de animais de infección e, deste xeito, axustar as doses. De forma paralela, desenvolven péptidos derivados a outros patóxenos e dianas complexas de tratar.

“Os fármacos baseados en péptidos enfrontaron durante moito tempo obstáculos relacionados ca súa estabilidade”, manifesta o científico galego, que cre que o enfoque descuberto polo seu grupo empregando unha imaxe especular consegue superar esa limitación.

Todo para lograr o desenvolvemento de axentes antimicrobianos que, en caso de chegar a bo porto e superar as distintas fases de ensaio, poderían servir para protexer aos pacientes hospitalizados en situación máis vulnerable. Un éxito que suporía unha batalla gañada á guerra declarada pola medicina contra un dos seus maiores inimigos: as bacterias que aprenderon a facerse fortes contra os antibióticos.

Saúl Iglesias
Saúl Iglesias
Licenciado en Xornalismo pola Universidade de Santiago. Despois dunha década facendo de todo un pouco na redacción galega da axencia Europa Press, explorando agora novos camiños desde 2025 en GCiencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Carmen Álvarez e Ángel Carracedo, recoñecidos nos Premios Nacionais de Investigación

Dos dez galardóns que concedeu o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, dous recaeron este ano en recoñecido persoal investigador da USC

Ciencia sen mans

Sen financiamento suficiente para persoas, equipamento e planificación a longo prazo, a excelencia científica convértese nun obxectivo difícil de acadar. Por Xunta de representantes de InvestiGal

Un estudo da USC analiza como transformar os aceites de cociña usados en combustibles e bioplásticos

O investigador Brais Vázquez avalía o impacto ambiental e económico de diferentes vías de aproveitamento para avanzar cara a unha dinámica circular

Un estudo galego explora o uso de virus para combater as infeccións de ouriña resistentes aos antibióticos

Un estudo liderado dende Galicia analiza un dos patóxenos que máis preocupa nos hospitais e reforza o potencial dos bacteriófagos