A UVigo acollerá unha planta piloto para a análise da combustión de hidróxeno

A investigación do Grupo de Tecnoloxías Enerxéticas busca obter solucións sustentables e alternativas fronte aos combustibles fósiles

Un novo proxecto da Universidade de Vigo (UVigo) acollerá a primeira planta piloto completamente instrumental para a investigación exhaustiva da combustión de hidróxeno puro. O proxecto chega da man do Grupo de Tecnoloxía Enerxética, ten como obxectivo a procura de solucións enerxéticas sustentables. En total, o equipo está formado por case medio centenar de investigadores.

A descarbonización é un obxectivo prioritario para numerosas administracións en todo o mundo. Por iso, segundo o equipo investigador, o hidróxeno chega como unha alternativa “clave e esperanzadora” para substituír os combustibles fósiles en procesos que requiren temperaturas medias e altas. Isto, fronte ás limitacións das bombas de calor e dos problemas de electrificación total que se atopan, tanto desde o punto da eficiencia en termos de conversión enerxética como dos problemas de estabilidade da rede e necesidade de grandes investimentos en infraestrutura.

Publicidade

A posta en marcha desta planta piloto é un dos eixes centrais do proxecto Desenvolvemento de estratexias avanzadas para a combustión eficiente de hidróxeno puro para aplicacións a escala real. “De momento estamos traballando en Cintecx, nos laboratorios onde xa temos instalada a caldeira, pero a idea é poder facer algo máis grande”, explica o catedrático José Luis Míguez Tabarés, coordinador xeral do grupo GTE.

Na busca dunha alternativa aos combustibles fósiles

O proxecto estrutúrase en dous eixes fundamentais. En primeiro lugar, levarase a cabo unha análise detallada da caldeira comercial de hidróxeno puro. Está desenvolvida pola empresa Ferroli e xa está instalada no laboratorio. É un sistema pioneiro que xa forma parte do equipamento do grupo GTE. Esta investigación permitirá, segundo explican os seus responsables, avaliar o seu funcionamento en condicións operativas reais e caracterizar a súa eficiencia e estabilidade na combustión.

Publicidade

En segundo lugar, deseñarase e construirase a planta piloto. Este é un sistema experimental que permitirá un control preciso das variables clave e unha caracterización avanzada dos fenómenos de combustión. “Ata a data, a maioría dos estudos neste campo centráronse en mesturas de hidróxeno con hidrocarburos”, explica Tabarés. Agora, o investigador cre que a análise da combustión de hidróxeno puro a esta escala e con este nivel de sensorización contribuirá de forma significativa a este eido.

“O desenvolvemento dunha planta piloto para a combustión de hidróxeno a escala aplicada representa unha novidade en si mesma e proporcionará datos empíricos valiosos”, aseguran desde o equipo investigador. Entre eses datos empíricos inclúese a comprensión dos desafíos prácticos ou a dinámica operativa da combustión de hidróxeno en condicións reais.

Unha análise máis precisa

A maiores, a creación de submodelos especificamente deseñados para a combustión de hidróxeno constitúe un avance importante nas capacidades para predicir das tecnoloxías de simulación. Estes permitirán, segundo o equipo encabezado por Tabarés, unha análise máis precisa do proceso de combustión. Tamén a transferencia de calor e as características de emisión de maneira computacionalmente eficiente.

Desde a dirección do grupo fan fincapé en que, dada a relevancia actual deste tema, o esforzo por manter e establecer conexións a nivel internacional con outros centros de investigación que traballan en liñas similares é constante. “A nosa actual rede de colaboración e participación en comités internacionais proporciónanos a contorna adecuada para fortalecer esta liña de investigación”, recalca o responsable do grupo.


Podes ler o artigo da DUVI aquí.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla