Podcast | Do lecer á aula: como entender o conflito a través dos videoxogos

A investigadora do CITIC María Luz Castro Pena participa no novo episodio de O Descodificador debullando o proxecto europeo InterGames

Imaxina un futuro devastado a causa do cambio climático. Os desastres naturais sucédense uns tras outros: dende incendios que arrasan vilas enteiras ata inundacións e vagas de calor insoportables. Tes unha misión, que é cruzar este mundo e atopar unha cura para o quecemento global. Este podería ser a premisa da que partise un dos videoxogos cos que traballan en InterGames, un proxecto europeo no que participa o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC). O seu traballo consiste en realizar unha adaptación pedagóxica de videoxogos xa existentes para poder traballar o concepto de “conflito” nas aulas de secundaria.

A enxeñeira informática e investigadora do CITIC María Luz Castro Pena é a convidada no terceiro episodio da terceira tempada de O Descodificador, o podcast de GCiencia en colaboración co centro coruñés. Os videoxogos cos que traballan, 10 en total, tratan de abordar o conflito dende todos os prismas. Así, non só están centrados en cambio climático, tamén en terrorismo e guerras, así como en problemas interpersoais. “Formulamos diferentes achegamentos, cunha gran variedade de temáticas que teñan encaixe nas materias da educación obrigatoria”, indica no podcast.

Publicidade

Motivar o alumnado

O uso de videoxogos na aula é, segundo Castro Pena, unha forma de motivar o alumnado nun mundo onde as novas tecnoloxías e as redes sociais impoñen tempos moi curtos de consumo e, por tanto, modulan as formas tradicionais de aprendizaxe. Ela defende que a aplicación de videoxogos previamente adaptados á aula fomenta a empatía. Ao partir dos xogos de rol, e ao poñerse na pel dos protagonistas, o alumnado tamén asume unha maior responsabilidade ao tempo que se divirte e, sobre todo, aprende. Non obstante, todos están previamente preparados para a aula, así como para as circunstancias do profesorado e do alumnado.

Ao tratarse dun proxecto adscrito ao programa Erasmus+, cunha fin prevista para novembro, Castro Pena ve difícil a súa continuación. Con todo, agarda que os resultados de InterGames poidan ser divulgados e difundidos entre as comunidades educativas dos países participantes e, así, promover o uso dos videoxogos na aula, sempre dende a pedagoxía e o enfoque na aprendizaxe. De acordo coas súas propias liñas de investigación, a informática do CITIC non descarta que se desenvolvan proxectos semellantes no futuro.

Publicidade


  • Escoita O Descodificador en todas as nosas plataformas de podcast: SpreakerSpotifyIvooxiHeartDeezerPodcast AddictJioSaavn e Podchaser
  • O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CiGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).
convivencia logotipos CITIC
Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Videoxogos de realidade virtual: esta é a terapia que mellora a capacidade física de pacientes oncolóxicos

Un equipo da UVigo e do IISGS apunta melloras relevantes na mobilidade, a forza e a resistencia dos once participantes

Galicia impulsa unha infraestrutura cuántica pioneira ao servizo da investigación

O CITIC obtén unha axuda de 1,04 millóns de euros que financiarán proxectos con impacto nos ámbitos da saúde, a industria ou a ciberseguridade

Pódcast | Do sangue á lava: ciencia para predicir fluídos

A matemática e investigadora do CITIC María González Taboada participa no novo episodio de O Descodificador

Pódcast | Como coidar o planeta con algoritmos verdes

As investigadoras do CITIC Amparo Alonso e Bertha Guijarro analizan os custos ambientais dos grandes modelos de intelixencia artificial