Podcast | Cando a tecnoloxía axuda a entender a realidade da parálise cerebral

O proxecto Talentos Inclusivos centra o segundo episodio da terceira tempada de O Descodificador, o podcast de GCiencia en colaboración co CITIC

“O comunicador dálle vida”. Así describe Jorge Liñares o gran cambio que experimentou unha das súas compañeiras cando comezou a usar un aparello que facilita a súa interacción social. Ata ese momento tan só sorría aos seus saúdos. Os dous son usuarios de ASPACE-Coruña, a federación que aglutina distintas asociacións de persoas con parálise cerebral. Xunto ao Centro de Investigación en TIC (CITIC) da Universidade da Coruña (UDC) levan cinco anos impulsando un proxecto tan fermoso como útil: Talentos Inclusivos. A través del, alumnado de secundaria de distintos centros de Galicia deseña aplicacións tecnolóxicas que melloran a vida diaria das persoas con parálise cerebral.

Este é, precisamente, o tema central do novo episodio de O Descodificador, o podcast de GCiencia en colaboración co CITIC. Ao longo do segundo capítulo da terceira temporada abordamos con distintos participantes desta quinta edición de Talentos Inclusivos a relevancia social deste proxecto. En primeiro lugar acompáñanos Diego Darriba, enxeñeiro informático e investigador no CITIC. El é un dos asesores científicos do centro da UDC, que se encarga de guiar o alumnado de tres centros participantes co obxectivo de aconsellalos dende o punto de vista máis técnico e en eidos como a programación e a electrónica.

Publicidade

Do profesional ao persoal

Diego Darriba non só recoñece que a participación neste proxecto está a resultar para el unha experiencia marabillosa dende o punto de vista persoal e profesional. Cre que máis alá dos coñecementos tecnolóxicos que adquira o alumnado, a posta en práctica de conceptos teóricos tan arduos pode axudar a fomentar as vocacións STEM, sobre todo entre as nenas. Lola Cumplido, estudante de 4º da ESO no IES Maximino Romero de Lema, ratifica as palabras de Darriba. “Saber que imos axudar a unha persoa é o que nos inspira. Queremos facer o traballo o mellor posible”, indica a alumna, que está a traballar no deseño dunhas instrucións interactivas para o uso de electrodomésticos.

Fina Paulos e Óscar Rey son docentes do mesmo instituto no que estuda Lola Cumplido. Os dous recoñecen que Talentos Inclusivos é un proxecto que sae do canon: sen teoría, sen exames, sen ningún outro tipo de proba escrita. Non obstante, cren que é a mellor forma de trasladar o que se fai no centro á vida real, que sexa útil e que o currículo educativo cobre sentido e vida. “A motivación leva a aprender máis contidos dos que están programados. Investigas e vólveste independente á hora de buscar información ou resolver problemas”, salienta Fina Paulos.

Publicidade

Os dous profesores xa participaron na edición pasada e constatan o éxito dun proxecto que vai máis alá da aula. Con todo, a coordinadora de Talentos Inclusivos e educadora social en ASPACE-Coruña, Iria Robles, recoñece que os comezos non foron sinxelos. Arrincar en pleno 2020, co estoupido da pandemia, supuxo grandes desafíos que, co decorrer dos anos, superaron con éxito. “Este proxecto é un grande avance porque axuda a que a xente sexa consciente do que hai detrás da parálise cerebral”, conclúe Jorge Liñares.


  • Escoita O Descodificador en todas as nosas plataformas de podcast: SpreakerSpotifyIvooxiHeartDeezerPodcast AddictJioSaavn e Podchaser
  • O CITIC está acreditado como Centro de Excelencia e membro da Rede CiGUS para o período 2024-2027. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e nun 60% pola Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2021-2027, co obxectivo temático de promover “unha Europa máis intelixente: transformación innovadora e intelixente” (ED431G 2023/01).
Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Pódcast | Da tecnoloxía ao compromiso social

O novo episodio de O Descodificador analiza a sexta edición do proxecto Talentos Inclusivos da man do CITIC, Aspace Coruña e o IES Poeta Díaz Castro de Guitiriz

Galicia impulsa unha infraestrutura cuántica pioneira ao servizo da investigación

O CITIC obtén unha axuda de 1,04 millóns de euros que financiarán proxectos con impacto nos ámbitos da saúde, a industria ou a ciberseguridade

Pódcast | Do sangue á lava: ciencia para predicir fluídos

A matemática e investigadora do CITIC María González Taboada participa no novo episodio de O Descodificador

Pódcast | Como coidar o planeta con algoritmos verdes

As investigadoras do CITIC Amparo Alonso e Bertha Guijarro analizan os custos ambientais dos grandes modelos de intelixencia artificial