Hai 33 anos naceu na Coruña César de la Fuente. Foi un rapaz que, dende ben pequeno, tivo clara a súa paixón pola ciencia. Comezou a súa traxectoria cunha licenciatura en Biotecnoloxía pola Universidade de León. En 2011, deu un salto clave na suave carreira graças a unha bolsa de ”la Caixa” para viaxar ao estranxeiro e cursar, na University of British Columbia (Vancouver, Canadá), o seu doutoramento en Microbioloxía e Inmunoloxía. Durante esta etapa especializouse no descubrimento de novas terapias para o tratamento de infeccións bacterianas; despois, fichou como investigador postdoutoral no Massachusetts Institute of Technology (MIT), entidade que o recoñeceu como xoven promesa innovadora en varias ocasións. O investigador acaba de acadar súa praza como profesor asistente na Universidade de Pennsylvania, onde está afondando na súa investigación sobre superbacterias.
– Que sente ao ser nomeado xoven promesa innovadora por entidades como o MIT? Cal é a clave?
– Eu creo que a clave é traballo, sorte e estar rodeado de xente que cre en ti e que te fai ser mellor, ser a mellor versión que poidas ser. Ter paixón polo que fas tamén é fundamental; eu tiven sorte, porque atopei a miña paixón xa de pequeño. Dende pequeno sempre quixen estudar o descoñecido, que é o que che proporciona a ciencia. E tamén é necesario ter certa sensación de urxencia para finalizar os proxectos, ter esa enerxía que che leva a querer aprender máis e máis.
– Quizais como certa presión por querer avanzar máis no campo no que está traballando?
– Si, querer avanzar e, no meu caso, querer levar as investigacións á creación de novas medicinas e antibióticos; ter como ese lume detrás para axudar a progresar no coñecemento.
As “superbacterias”
– Que consecuencias ten a resistencia das bacterias aos antibióticos?
– É un problema de saúde global. Estímase que para o ano 2050 van morrer 10 millóns de persoas cada ano como consecuencia das infeccións causadas por bacterias superresistentes a antibióticos, o que supón unha morte cada 3 segundos. Baseándonos nesta predición, as superbacterias poderían ser a principal causa de morte, superando a calquera outra na nosa sociedade, mesmo ao cancro; é tremendamente urxente.
– E como sucede isto?
– Realmente as bacterias non son malas de xeito intrínseco. Intentan sobrevivir no noso corpo, e moitas fano de xeito simbiótico; non son patóxenas. As patóxenas levan a un desequilibrio co hóspede, co corpo humano. A súa resistencia desenvólvese cando ti expós unha bacteria a un antibiótico unha e outra vez; non son parvas, e de feito, os organismos máis simples que coñecemos son tremendamente intelixentes en certo modo.
A clave da súa intelixencia radica en que se replican cada 30 ou 40 minutos, dependendo da bacteria, o cal quere dicir que evolucionan neste intervalo de tempo. Ten unha capacidade alucinante para sobrevivir a calquera cousa que lles botes. De feito, lembremos que as bacterias son os primeiros organismos que existiron na Terra: son as grandes supervivintes do mundo dende hai millóns de anos. Chega un momento en que desenvolven moita resistencia para poder sobrevivir, e ademais teñen varios mecanismos que as axudan, como comunicar entre elas anacos de ADN que codifican proteínas e poden presentar resistencia.
As bacterias non son parvas, a súa resistencia desenvólvese cando cando as expós unha e outra vez a un antibiótico
– Como se combate este problema?
As farmacéuticas non están moi interesadas nos antibióticos, porque a relación custo-beneficio non é óptima. Por estraño que pareza dicilo, os antibióticos sempre foron “demasiado efectivos”: cando tes unha infección, nunhas horas estás mellor e días despois estás curado. As farmacéuticas prefiren solucións crónicas, onde tes que tomar un fármaco durante anos. É hora de non depender das farmacéuticas, polo menos ao 100%. Os gobernos, as fundacións ou as asociacións sen ánimo de lucro deberían involucrarse moito máis.

– Que repercusión podería ter a supervivencia das bacterias a longo prazo para a sociedade?
– Lembremos que arredor do ano 1900, a esperanza de vida no mundo rondaba os 25 ou 30 anos. Un dos factores que cambiou isto foron os antibióticos. Foi un dos avances máis importantes da historia da medicina, e axudou a aumentar esa esperanza de vida aos aproximadamente 80 que temos agora, unha das maiores cifras do mundo. Por iso é fundamental preservar estas moléculas, que son como un tesouro preciado que debemos conservar, como sociedade e a nivel mundial.
Vías de investigación
– Unha das vías abertas agora mesmo para solucionar isto é o uso de ordenadores para o deseño de moléculas. Como funciona?
– Creo que estamos nun punto álxido na capacidade para extraer antibióticos da natureza: case todos os que temos hoxe en día derivan de organismos naturais, e penso que o mundo biolóxico xa está saturado. Hai anos que non achega novas moléculas, novas estruturas. É hora de expandir este universo e mirar cara ao mundo computacional; podemos explorar estruturas químicas distintas ás derivadas da natureza.
As farmacéuticas non están moi interesadas nos antibióticos, porque a relación custo-beneficio non é óptima
– En que outras liñas de investigación traballa?
– Ademais do uso de ordenadores, outra opción é o uso de proteínas para matar bacterias. Son as moléculas da vida máis complexas, e isto pode levar á construción de novas moléculas moi interesantes, con funcións biolóxicas nunca vistas. Máis interesante aínda é que a evolución dos últimos millóns de anos explorou unha parcela moi pequena destas proteínas; a maioría do espazo é descoñecido.
Chegamos á conclusión de que a mellor maneira de facer evolución molecular usando máquinas era facelo do mesmo xeito que coa vida: co algoritmo de Darwin. Neste sentido, ensinamos aos ordenadores a executar mutacións e seleccións para poder transformar moléculas que xa existen na natureza en moléculas totalmente novas, con capacidades superiores. Estamos intentando cambiar o paradigma: en lugar de mirar só o mundo biolóxico, mirar no mundo conceptual, creado por ordenadores.
“Estamos cambiando o paradigma: hai que mirar o mundo conceptual e non só o biolóxico”
– Tendo en conta o perigo que podería supoñer, cre que este problema recibe a importancia que merece?
– Ultimamente máis. Pero o cambio de ir de novo a unha era preantibiótica é dramático: unha rozadura dun neno xogando no parque podería infectarse cunha bacteria, causar septicemia e morrer en cuestión de horas. A curta esperanza de vida era por cousas moi mundanas: cómpre ter presente que temos o perigo de voltar a esa era, onde non había moléculas para salvarnos e permitirnos vivir máis anos. Se temos isto en conta, eu penso que este problema está moi lonxe de ser considerado coa magnitude que realmente ten.
– Por que sucede isto? Que se pode facer para contribuír á concienciación?
– Non o sei. Eu penso que o mundo científico está intentando transmitir esta importancia, pero aínda non chegou. Temos que facer mellor traballo e máis divulgación. Nos últimos anos vimos xente con infeccións resistentes a todos os antibióticos dispoñibles nos hospitais. Estamos chegando realmente a un momento álxido e dramático. Se comeza a haber máis pacientes con infeccións deste tipo, aí xa non sei. A ver que facemos, pero é fundamental e corre moita urxencia investigar novas alternativas aos antibióticos que temos hoxe en día.
O MIT nomea ao galego César de la Fuente como referencia en innovación
A relación con Galicia
– Que relación gardas coa túa terra de orixe? Tes algunha colaboración?
– Eu son da Coruña, a miña familia vive aí e teño moitísimos amigos e amigas. Encantaríame estreitar lazos con Galicia, hai xente facendo cousas moi interesantes; estiven falando coa Universidade da Coruña para facer algunha colaboración, e estamos agora nese proceso de crear vínculos.
– Como valorarías, dende a túa perspectiva, a investigación que se fai aquí?
– Eu diría que as persoas galegas son moi creativas e traballadoras, dúas virtudes fundamentais para facer ciencia e ampliar o coñecemento. En Galicia, como en toda España, é necesario dedicar máis recursos á investigación: crear institucións, recrutar a xente de alto nivel mundial para que coordine os sectores… E sempre penso que Coruña é un sitio ideal. É un sitio precioso ao carón do mar, onde se podería construír unha cidade da cultura e do coñecemento; levo anos pensándoo, e ogallá fose posible facer algo así. Para min é o sitio idóneo para construír unha universidade potente, onde recrutar xente moi boa de todo o mundo. Eu estiven visitando a cidade con persoas de todo o mundo, e quedan encantados. Pero habería que proporcionar todo o demais, oportunidades para facer cousas interesantes.
“Hai que pensar fóra do convencional e saír do cauce natural do pensamento”
– Que consello lle darías a mozos e mozas investigadoras que queiran empezar a súa traxectoria?
– Eu diría que intenten, primeiro, buscar a súa paixón, a que sexa: dentro do mundo científico ou do que lles interese. Despois tamén é moi importante estar cerca de xente que te queira e que crea en ti. E despois, en relación ao que dicía Pasteur, é moi importante ten sorte pero tamén ter unha mente preparada. Hai que saber aproveitar as oportunidades e lanzarse ao baleiro para conseguir aquilo no que se cre e o que se quere facer. Pero, sobre todo, a paixón é o fundamental.
Outra cita, de Steve Jobs, di que a xente que realmente cambia o mundo é a que está un pouco tola. É importante pensar fóra do convencional e intentar saír do cauce natural do pensamento. E por último, a situación de urxencia que comentaba antes: que cada día pensemos en facer algo útil, de valor, que mellore o mundo nalgún punto.