A resistencia aos antimicrobianos é un dos grandes retos que enfronta a humanidade a nivel global. É algo que se vén advertindo dende hai tempo, e que se confirma con cada nova análise. Entre as máis recentes está un estudo publicado na prestixiosa revista médica The Lancet. Vén de sinalar as principais ameazas que poderían comprometer a superviviencia das xeracións vindeiras durante as próximas sete décadas, e a resistencia antimicrobiana está entre elas. Por este motivo, buscar unha solución —ou, canto menos, un atenuante— á proliferación da farmacorresistencia resulta prioritario para moitos profesionais da saúde. E un dos grandes aliados que atopan está xa presente na sociedade: as vacinas.
O Profesor de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade Rey Juan Carlos, Ángel Gil de Miguel, confirma que a vacinación é unha forte axuda na loita contra a resistencia antimicrobiana. Á par, sinala que este beneficio é unha vantaxe secundaria do proceso de inmunización da poboación: “As vacinas prepáranse pensando en reducir a carga de enfermidade por un microorganismo. Non valoramos tanto o efecto sobre as resistencias antimicrobianas, pero a realidade é que se trata dun efecto indirecto”. Así, as vacinas preveñen a aparición de cepas bacterianas resistentes no organismo e, deste xeito, contribúen a reducir a necesidade de recorrer a medicamentos antibióticos.
Que é a resistencia antimicrobiana (e por que é perigosa)?
A Organización Mundial da Saúde explica que os antimicrobianos (antibióticos, antivíricos, antifúnxicos e antiparasitarios) son medicamentos que preveñen e tratan enfermidades infecciosas en persoas, animais e plantas. Existe resistencia a estes fármacos (RAM) cando os microbios aos que están dirixidos deixan de responder. “Como consecuencia da farmacorresistencia, resulta difícil ou imposible tratar as infeccións, o que incrementa o risco de propagación de enfermidades, doenzas graves, discapacidades e morte“, engade o organismo.
O perigo da RAM non é novo; de feito, acompaña a humanidade dende a xeneralización do uso de medicamentos antimicrobianos. Mais esta situación ten unha dobre vertente: por unha banda, debe considerarse a adaptación destes organismos aos fármacos que os combaten e, polo outro, a propia evolución das mesmas en formas para as que aínda non hai medicamentos específicos. “As bacterias levan con nós millóns de anos. Teñen unha grande adaptabilidade a todo o que lles poñemos por diante os humanos; cambian e mutan, e iso dificúltanos moito o traballo“, explica Ángel Gil.
En setembro de 2024, The European House – Ambrosetti publicou un informe en colaboración coa Federación Internacional da Industria do Medicamento (IFPMA) e Vaccines Europe. O documento recolle cifras que poñen sobre a mesa o perigo patente da RAM. “[A resistencia aos antimicrobianos é] unha pandemia silenciosa que causa máis de 1,3 millóns de mortes a nivel mundial e 35.000 mortes anuais na UE11. Sen intervencións adecuadas, proxéctase que esta cifra aumente ata os 10 millóns para 2050“, asegura o informe. O texto incide en que a maior parte dos falecementos relacionados con esta causa está concentrada na poboación maior, en especial nas persoas de máis de 65 anos. “Isto significa probablemente que o impacto da RAM na UE se verá amplificado pola transición demográfica en curso”, engade o documento.
O mal uso dos medicamentos
“Fomos atallando as enfermidades infecciosas dende a aparición dos antibióticos, pero dende os primeiros ata ahora resultou moi custoso dispoñer de novos fármacos, e nese tempo as bacterias fóronse resistindo”, apunta Ángel Gil. Conta que España é un dos países con máis RAM e que, a pesar disto, o arsenal para valerse contra isto é moi limitado. “Por iso se fala tanto do uso racional dos antibióticos: non deben empregarse se non son estritamente necesarios“, declara Gil. A Organización Mundial da Saúde sinala que o uso indebido e excesivo de antibióticos —”por exemplo tomalos cando non se necesitan ou tomar do tipo incorrecto”, precisa o portal da OMS— é un dos factores determinantes na aparición de resistencias.
O responsable científico e de vixilancia virolóxica do Centro Nacional de Gripe de Valladolid (CNGV), Iván Sanz Muñoz, recalca a necesidade de utilizar o medicamento correcto para cada situación. “Os virus non se tratan con antibióticos. Pero cando unha persoa ten unha infección respiratoria aguda, se ten febre adoita ir a urxencias ou a atención primaria, e a veces o que lle receitan é un antibiótico cando a afección ten unha orixe vírica. Se tes unha vacina contra ese virus respiratorio, é menos habitual que presentes síntomas tan fortes que sexa necesario ir a urxencias“, explica Sanz.
O papel das vacinas na loita contra a resistencia antimicrobiana
A principal achega das vacinas na loita contra a resistencia antimicrobiana é que o seu uso reduce a necesidade de empregar antibióticos. “Se vacino á poboación, esta ponse enferma en menor medida e os síntomas teñen menos severidade. Desta forma, reducimos o uso dos antibióticos e, ao facelo, as bacterias vólvense máis sensibles ao seu efecto“, explica Ángel Gil. O investigador aclara que ao usar menos fármacos deste tipo, os microorganismos os que afectan deixan de estar expostos á súa actuación e, polo tanto, non crean resistencias. “Falamos sempre de ‘sensibles‘ ou ‘resistentes‘. Na caixa dos medicamentos pon un ‘S’ ou ‘R’ para sinalar se unha bacteria é, respectivamente, sensible ou resistente a dito fármaco”, engade o docente.
Estas vacinas son especialmente eficaces contra enfermidades respiratorias. O informe europeo indica que no caso da gripe a inmunización da poboación demostrou reducir o uso de antibióticos ata nun 64% en individuos vacinados.
Vacinas combinadas para adultos
As principais vacinas dispoñibles no presente que estean axudando a frear o problema da RAM son as antineumocócicas, que protexen contra o neumococo (Streptococcus pneumoniae). “Isto débese a que a neumonía é a principal causa de morte por enfermidade infecciosa no noso país“, aclara Ángel Gil. Ademais desta, destaca, de xeito máis indirecto, as vacinas fronte á gripe, a covid, e o virus respiratorio sincitial (VRS).
O profesor resalta que os próximos pasos da investigación no campo están dirixidos cara á elaboración de vacinas combinadas para adultos. Iván Sanz Muñoz concorda con esta perspectiva. “A maior vantaxe das vacinas combinadas é algo que xa vemos no campo da vacinación infantil, na que temos, por exemplo, a triple vírica: un só acto vacínico, cunha soa picada, protexe de diferentes microorganismos. A aceptabilidade pode ser maior; algúns estudos mesmo indican que a poboación ten un 15% máis de aceptación da vacina combinada da gripe e a covid. Aos adultos maiores tampouco lles gusta ter que picarse varias veces”, explica Sanz.
O investigador do CNGV conta que na poboación pediátrica xa hai múltiples vacinas combinadas (mesmo hexavalentes), pero no caso das persoas adultas non se emprega ningunha. “Xa se aprobou o uso da vacina contra gripe e covid en adultos, pero o seu uso aínda non está xeralizado”, apunta. A este respecto, Galicia levará a cabo o ensaio clínico Combogal para estudar os beneficios dunha única inxección contra ambas enfermidades en persoas maiores de 65 anos. Ivan Sanz indica que a partir desa idade o sistema inmune perde eficacia e, polo tanto, precisa dun reforzo da súa actividade: “Ata agora só se falaba da gripe e do neumococo, pero ímonos dando conta de que hai máis virus que afectan o adulto maior, e que necesita esa protección”.
As superbacterias, o gran reto
Ademais da gripe, a covid e o VRS hai outras enfermidades bacterianas que están no punto de mira do sector académico. “Son menos frecuentes e moi resistentes. Son as superbacterias que viven dentro do ámbito hospitalario”, conta Ángel Gil. Denomínanse infeccións nosocomiais (ou infeccións asociadas á atención sanitaria, IAAS) e son aquelas que contrae un paciente durante a súa estancia nun hospital ou centro de saúde. O docente apunta que estes patóxenos poden producir sepse (resposta inmunitaria forte a unha infección bacteriana) ou bacteriemias (presenza de bacterias no torrente sanguíneo).
Algúns exemplos que achega son a neumonía causada pola bacteria Klebsiella pneumoniae e as infeccións por estafilococo causadas polo Staphylococcus aureus. “Padécenas aproximadamente un 6-7% dos pacientes ingresados nun centro hospitalario e teñen un tratamento moi difícil”, indica o investigador. Engade que para loitar contra estas superbacterias son necesarias cefalosporinas de terceira xeración, que define como “antibióticos moi restrinxidos ao ámbito hospitalario”, cun acceso limitado, precisamente, para evitar propiciar resistencias.
Cando invertir en prevención supón un aforro
“A investigación supón un importante custo económico, pero os gobernos entenden cada vez máis que estas inversións son moi beneficiosas para a sociedade. Así o demostra o aforro que xeran ao invertir en prevención sanitaria”, conta Ángel Gil. Isto confírmao o informe xa mencionado: “Os estudos suxiren que cada euro investido en atención sanitaria preventiva xera un retorno de 14 euros á economía da saúde e dos coidados sociais. Un informe recente mostrou que a inmunización de adultos devolve 19 veces o seu investimento inicial á sociedade e á economía, e ata 33 veces no caso da inmunización pneumocócica”.
Iván Sanz engade que, máis alá do factor económico, o principal problema que enfronta o sector científico no ámbito da inmunización está na aceptación. “O maior reto é lograr que as vacinas combinadas cheguen aos brazos da xente“, conclúe.
















