Noite escura. De súpeto, aparece un corpo voador de gran tamaño coloreado de tons verdes e rosados. Trátase dunha esfinxe da adelfa (Daphnis nerii), especie que foi avistada o 18 de setembro de 2024 por unha veciña da aldea de Maniños, no concello de Fene (A Coruña), e que se converte na segunda cita desta bolboreta nocturna en Galicia, 150 anos despois da súa primeira observación, notificada en Santiago de Compostela en 1875. “É unha especie nada habitual en Galicia“, sinala o biólogo da Universidade da Coruña (UDC) Martiño Cabana, primeiro autor do artigo no que se informa da recente cita da bolboreta e se rexistra, por primeira vez, un caso de reprodución na comunidade.
A Daphnis nerii é un lepidóptero que pode chegar a medir entre os 9 e 12 centímetros de lonxitude, e a súa planta nutricia é a adelfa (Nerium oleander); de aí o seu nome. A súa orixe é paleotropical e concentra a súa presenza en África e sur de Asia; con todo, é migratoria: aínda que pode chegar a reproducirse na Península Ibérica, os casos rexistrados son moi poucos. A súa presenza maioritaria está na costa mediterránea española, francesa e italiana, mentres que na beira atlántica as citas son máis estrañas, albiscada en Portugal e Galicia.
Como foi o achado?
A cita foi atopada polos investigadores Martiño Cabana, Rafael Vázquez Graña e Susana Fraga Sanjurjo na plataforma de ciencia cidadá iNaturalist, onde atoparon unha observación deste exemplar. O seguinte paso foi comprobar, entrar en contacto coa muller que publicara a información e viaxar ao seu xardín, onde fora avistada a especie. “Tras unha longa procura, atoparon unha eiruga de Daphnis nerii e púidose confirmar a reprodución da especie en Galicia”, sinala o biólogo.
Esta larva achada debaixo dunhas cunchas de vieira, onde a eiruga formou a crisálide e, días despois, emerxeu unha rechamante bolboreta. Toda esta información é importante, xa que a colección na que se notificaba a primeira cita de esfinxe da adelfa en 1875 desapareceu, e non se coñece nada desa observación. “É un achado dobremente interesante: por unha banda, a observación dun adulto e, por outra, o coñecemento da súa reprodución”, subliña Martiño Cabana.
Como afecta aos insectos a africanización de Europa?
Segundo o biólogo da UDC, aínda é moi pouco o que se coñece desta avelaíña. Pero, tras esta rara observación, cabe preguntarse se pode estar relacionada co cambio climático. A resposta é indefinida: “Ao mellor”. A pesar de que non se pode extrapolar unha situación a unha especie concreta, Cabana emprega o caso das libélulas, o seu campo de estudo principal, para explicar a circunstancia.
“Existen especies de libélulas tipicamente africanas que están a aumentar a súa distribución na Península Ibérica, que se está a africanizar, unha tendencia que ten que ver co cambio climático”, explica, con períodos de seca máis intensos e un aumento significativo das temperaturas. Así, as condicións que se poden atopar no territorio son semellantes ás do norte de África, onde habitan estas especies. Isto ofrece pistas da cuestión.

A esfinxe da adelfa é unha especie migratoria, entre as que inflúe a corrente do vento, xa que é a forma na que moitas delas son transportadas entre continentes. “Hai un aumento de ventos do sur que favorece a cuestión do desprazamento de insectos: unha onda de calor leva consigo vento do sur, un fenómeno climático cada vez máis habitual que, ademais de traer calor, tamén leva consigo insectos”, explica Martiño Cabana. Con todo, non se pode asegurar de que esta sexa a explicación da observación realizada en Fene: “Ao mellor outras persoas non expertas viron esta especie, pero non coñecían a súa rareza e relevancia”, subliña.
A relevancia da ciencia cidadá
“Nos últimos anos hai unha comunidade de observadores cada vez maior nas plataformas de ciencia cidadá”, manifesta o biólogo da UDC. A través do teléfono móbile, os usuarios toman fotografías das especies en tempo real, publícanas e comparten as súas observacións con investigadores e afeccionados de todo o mundo para que lles axuden a identificalas. “Moitas veces non se pode facer moito coas imaxes; no caso das bolboretas nocturnas, si”, motivo polo cal lograron atopar unha esfinxe da adelfa na base de datos.
Pero, ademais da fotografía, o que realmente axudou foron as claras características da Daphnis nerii: tamaño grande, e unha coloración tanto da eiruga como do adulto especialmente distintivas. “É unha especie bastante fácil de identificar; oxalá fora tan sinxela de observar”, comenta entre risos. Con todo, o maior problema de por que non se atopou en centos de anos en Galicia vai máis aló dos ventos e das tendencias de distribución: a escaseza de afeccionados á natureza, a pesar de que se perciba un incremento. “Se faltan tanto exemplares como observadores, xorden situacións como esta, na que unha especie aparece cada 150 anos”, conclúe o investigador Martiño Cabana.
Referencia: Daphnis nerii (Linnaeus, 1758) in Galicia (Spain): first confirmed records in 150 years (Lepidoptera: Sphingidae) (Publicado en SHILAP Revista de leipdopterología)














