O Sistema de Monitorización da Mortalidade diaria por todas as causas (MoMo) do Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII) estima 231 mortes atribuíbles á calor durante o período estival de 2026 —entre o 15 de maio e o 30 de setembro— na provincia da Coruña, a cifra máis elevada da última década. Convértese, ademais, na división que conta cun maior número de decesos en Galicia este ano. En total, a comunidade notifica 392 mortes estimadas, o que representa un 6,75% da cifra en España —con 5807 mortes, tamén o dato máis elevado en dez anos. No resto do territorio, en Pontevedra estimáronse 90 falecidos, 52 en Lugo e 20 en Ourense. Isto subliña un dato destacado polo ISCIII: as maiores taxas de mortalidade por calor observáronse no norte e noreste peninsular.
O caso da Coruña chama especialmente a atención: pasou de 23 decesos atribuíbles ás altas temperaturas en 2016 a registrar 231 na actualidade. Os outros anos que superaron as cen mortes no verán foron 2023 e 2025, mentres que a cifra máis baixa foi en 2021, con 12 defuncións estimadas.
Pero, por que? O equipo que coordina o sistema de monitorización explica que este impacto produciuse “nun contexto climático excepcional, caracterizado por catro ondas de calor identificadas pola Aemet, ademais doutra vaga de calor adicional a principios de setembro, seca persistente , grandes lumes forestais e unha intensa onda de calor mariña no Mediterráneo occidental”. Además, foi considerado o verán máis cálido da historia recente.
Persoas maiores e mulleres
Segundo os datos do ISCIII, as persoas maiores foron as máis afectadas: o 97% das defuncións estimadas atribuíbles á calor producíronse en persoas de 65 ou máis anos, e o 62% en maiores de 85. O 60% foron mulleres.
A análise baséase en rexistros diarios de mortalidade, datos meteorolóxicos da Aemet e modelos estatísticos que permiten estimar o efecto específico das temperaturas extremas sobre a saúde. A través destes datos refórzase a importancia de manter unha vixilancia epidemiolóxica continua e fortalecer as medidas de prevención e adaptación fronte os efectos da calor extrema sobre a saúde da poboación.














