As axudas á investigación e á innovación da Fundación ”la Caixa” acaban de recoñecer o consorcio FLASH-CARE, liderado pola Universidade de Santiago de Compostela, entre os 80 proxectos seleccionados pola súa capacidade de xerar un impacto positivo na saúde da cidadanía e que requiren apoio estable para desenvolverse, demostrar o seu potencial e poñerse a proba en contornas reais. Por iso, a Fundación ”la Caixa” concédelles financiamento a través das súas convocatorias competitivas de investigación e innovación 2026. Ademais de FLASH-CARE, a USC tamén participa noutro dos proxectos seleccionados, neste caso para administrar fármacos atravesando as barreiras protectoras do cerebro.
Cara á aplicación clínica da radioterapia FLASH
A radioterapia FLASH é unha nova modalidade, actualmente en desenvolvemento, de radioterapia para o tratamento do cancro cun gran potencial para controlar os tumores de maneira eficaz, ao tempo que reduce o dano aos tecidos sans circundantes. Porén, para a súa adopción clínica xeneralizada requírense métodos fiables que permitan verificar e supervisar o tratamento con gran precisión. O proxecto que dende a USC lidera o profesor Faustino Gómez ten como obxectivo desenvolver un sistema integral de garantía de calidade que apoie a implementación segura e eficaz da radioterapia FLASH en contornas clínicas.
FLASH-CARE mellora a verificación e o control de calidade para axudar os profesionais sanitarios a garantir que a radiación se administre de forma precisa e que o tratamento siga o plan previsto. “Unha monitorización fiable é esencial para identificar erros, apoiar a confianza clínica e contribuír á seguridade dos pacientes, a mellores resultados e a unha maior eficiencia dos procesos asistenciais”, destacan dende o consorcio.
Ao utilizar taxas de dose máis altas, a radioterapia FLASH reduce o tempo de administración do tratamento e ademais produce menos efectos secundarios. Deste xeito, é posible mellorar a eficiencia dos servizos de radioterapia facendo que esta tecnoloxía prometedora chegue á práctica clínica real. O obxectivo global deste proxecto de investigación é lograr un tratamento contra o cancro máis seguro, máis eficaz e máis accesible.
Ademais da USC, integran o consorcio o Centro Nacional de Microelectrónica (CNM-CSIC) de Barcelona e o Instituto Curie de París. “O noso grupo da Universidade de Santiago de Compostela é pioneiro a nivel internacional no desenvolvemento de cámaras de ionización ultrafinas e colabora co CNM na creación dunha nova xeración de detectores de carburo de silicio para dosimetría. Todas estas novas tecnoloxías están incorporadas neste novo dispositivo de control de calidade proposto”, destaca o profesor Gómez que encabeza este proxecto dotado con 149.967 euros a través da convocatoria CaixaImpulse de Innovación en Saúde 2026.
As barreiras protectoras do cerebro
A catedrática da USC e investigadora do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS), María José Alonso, forma parte doutro dos proxectos financiados, neste caso ao abeiro da convocatoria de Investigación en Saúde 2026.
O cerebro está protexido por barreiras que impiden a entrada de substancias prexudiciais. Aínda que estas barreiras son esenciais para a saúde cerebral, tamén dificultan que moitos tratamentos cheguen ao cerebro. Este proxecto ten como obxectivo desenvolver novos sistemas de administración capaces de atravesar estas barreiras e transportar instrucións terapéuticas ás células cerebrais. O proxecto centrarase inicialmente na enfermidade de Lafora, un trastorno neurolóxico infantil pouco frecuente para o que actualmente non existe un tratamento eficaz. Un equipo con experiencia en nanomedicina, administración controlada de fármacos, neurociencia e intelixencia artificial deseñará diminutos vehículos transportadores capaces de desprazarse polo organismo, chegar ao cerebro e entregar a súa carga terapéutica de forma segura e eficiente.
As ferramentas computacionais axudarán a priorizar os deseños máis prometedores, cuxa seguridade e potencial terapéutico se avaliarán mediante probas de laboratorio e modelos animais. O proxecto podería contribuír ao desenvolvemento dun tratamento para a enfermidade de Lafora e crear unha plataforma versátil para outras afeccións neurolóxicas. Nun sentido máis amplo, os resultados deste proxecto axudarían a superar un dos principais obstáculos da medicina cerebral: facer chegar os tratamentos ao lugar onde se necesitan.
Lidera o proxecto Cristina Fornaguera da Universitat Ramon Llull. Ademais da profesora Alonso, actúa como investigador principal Jordi Duran da Fundació Institut de Bioenginyeria de Catalunya. Tamén forma parte do consorcio Katherine Donohue do Chelsea’s Hope Lafora Children Research Fund. O proxecto recibirá 998.898,20 euros.














