A compañía Smart Vitamins, spin-off da Universidade de Santiago (USC), captou 2,1 millóns de euros para financiar o primeiro ensaio clínico da súa terapia para a prevención da gripe. En experimentos preclínicos con roedores infectados co virus da influenza, os investigadores lograron protexer no 100% dos casos contra o desenvolvemento da enfermidade.
Segundo explican dende a compañía emerxente, a terapia SV B–I foi deseñada coa plataforma Smart Delivery of Nutrients Technology (SDN), creada á súa vez polo laboratorio da investigadora María José Alonso. É diirectora científica e cofundadora de Smart Vitamins e pioneira no ámbito da nanomedicina, un eido que permite administrar e distribuír con precisión fármacos, vitaminas e outros nutrientes esenciais, obtendo efectos terapéuticos en distintas vías de administración, sendo unha das principais a vía tópica.
“Esta plataforma tecnolóxica sumamente versátil, protexida por unha familia de patentes de alcance internacional, ten aplicacións no mercado farmacéutico, nutracéutico e cosmético, e permitiunos crear a terapia SV B–I, que obtivo resultados moi significativos nos ensaios de eficacia realizados en roedores e esperamos que tamén os logre no ensaio clínico de eficacia con humanos, que comezaremos a principios de 2026 no Reino Unido ”, explica Alfredo Bermúdez de Castro Franco, CEO e cofundador de Smart Vitamins.
Fontes de investimento
A compañía, que desenvolveu toda a investigación preclínica da súa terapia de prevención de gripe con recursos propios, conseguiu captar 2,1 millóns de euros para a realización do seu primeiro ensaio clínico a través de investidores de alto valor estratéxico como Vicente Durán, presidente do grupo Medpoint; Antonio Parente, presidente de GP Pharm e BCN Peptides; Roberto Conde, fundador de Nutrición Médica Cantabria Labs; Santiago Domínguez, socio de Sémola Ventures e presidente de SCiY (división de Bruker Biospin); Mauricio Peralta, director xeral do grupo Medpoint; José Luis del Río, CEO de Arcano; Roberto Pomares, socio director de Addleshaw Goddard España, entre outros.
Máis alá da gripe: outras infeccións respiratorias
“Constatamos durante máis de dous anos de colaboración o enorme potencial da tecnoloxía desenvolvida por Smart Vitamins no ámbito das infeccións respiratorias, as enfermidades autoinmunes e a oftalmoloxía; por iso quixemos participar na compañía liderando a súa primeira rolda de financiamento, co obxectivo de lograr a comercialización da súa terapia para previr infeccións respiratorias e avanzar nos seus desenvolvementos no ámbito dermatolóxico”, afirma Vicente Durán, presidente do grupo Medpoint.
Grazas a esta rolda de financiamento, Smart Vitamins tamén poderá validar a eficacia da súa terapia noutros patóxenos respiratorios como o SARS-CoV-2 e o virus respiratorio sincitial, así como ampliar a súa carteira de patentes.
“Con este financiamento logramos xuntar todos os elementos que compoñen a cadea de valor necesaria para achegar ao mercado a nosa terapia SV B–I: temos o orzamento necesario para levar a cabo o primeiro ensaio clínico e dispoñemos das capacidades de fabricación e distribución da terapia a nivel global. Ademais, esta rolda permitiranos acelerar a translación ao mercado dos nosos desenvolvementos no ámbito da dermatoloxía clínica e cosmética e da oftalmoloxía”, recalca o CEO da compañía.














