A vacina da gripe reduce entre tres e catro veces o risco de morte en persoas vulnerables

Investigadores españois defenden que as inxeccións antrigripais previron a metade de mortes asociadas en maiores de 65 anos nas últimas dúas décadas

A vacina contra a gripe estacional volveuse algo tan habitual nas nosas vidas, especialmente para grupos de risco como maiores ou pacientes crónicos, que ás veces é difícil darlle o crédito que merece na prevención de enfermidades e falecementos. Ademais, dado que o virus influenza é tan cambiante dun ano para outro, con diferentes subtipos facéndose prevalecentes e chegando a España desde distintas partes do mundo, é habitual ler críticas cara á vacina e a súa formulación.

Para tratar de ponderar o efecto que realmente ten esta inxección —ou inhalación no caso da vacina pediátrica— un equipo de investigación da Universidade CEU San Pablo, o Instituto de Saúde Carlos III, o Centro Nacional de Gripe de Valladolid e o Hospital 12 de Octubre de Madrid realizou unha metaanálise de máis de 192.000 pacientes de gripe, observando a súa severidade cando estaban ou non vacinados. Os resultados publícanse çna revista European Respiratory Review.

Publicidade

“En moitos países con sistemas de vacinación avanzados, a percepción das vacinas como ferramenta esencial para previr riscos graves asociados a determinados axentes infecciosos diminuíu”, explica a SINC o virólogo Estanislao Nistal-Villán, un dos autores do traballo. “Probablemente porque moitas persoas non experimentaron nin presenciaron as consecuencias das enfermidades que estas preveñen”, engade.

Diminúe o risco de mortes

O profesor e investigador da CEU San Pablo subliña que “é fundamental promover unha pedagoxía baseada en datos sólidos e contrastables para destacar o impacto das vacinas na redución da mortalidade e o aumento da esperanza de vida”.

Publicidade

Este traballo busca precisamente achegar unha evidencia ampla sobre a utilidade da vacina antigripal. “Unha das principais conclusións do noso estudo é que, máis aló de previr infeccións, a vacinación antigripal ten un impacto crucial na redución do risco de falecemento asociado ás infeccións polos virus da gripe e as súas complicacións”, di Nistal-Villán.

Concretamente, a análise mostra que en persoas con determinados factores de risco —principais obxectivos dos programas de vacinación— a inxección pode diminuír o risco de morte entre tres e catro veces. “Este dato resalta a importancia de continuar promovendo a vacinación como unha ferramenta esencial de saúde pública”, engade.

Acertan os ‘cócteles’ da vacina?

Outro dos debates que adoitan ser cada vez máis habituais, especialmente desde que a pandemia nos fixo máis conscientes de todo o que rodea a fabricación dunha vacina, é se os laboratorios acertan á hora de predicir os subtipos de influenza que serán máis prevalecentes na tempada de inverno. Disto depende, precisamente, o eficaz que acabe sendo a vacinación.

“A vacina é eficaz, pero é fundamental precisar que entendemos por eficacia”, precisa o virólogo. “Avaliamos tanto a eficacia para previr a infección por distintos virus da gripe circulantes entre humanos (Influenza A H1N1, Influenza A H3N2, e Influenza B), como a eficacia para reducir o risco de morte asociada a estes virus”, sostén.

Hai que ter en conta que a capacidade de previr a infección varía significativamente segundo o tipo de virus que afrontemos. “En particular, as vacinas antigripais ofrecen unha protección limitada fronte a H3N2”, apunta Nistal-Villán. “Con todo, ao analizar a súa efectividade para previr falecementos, os datos mostran que a vacinación é altamente efectiva fronte a calquera dos virus da gripe”, sinala.

Ferramenta esencial de saúde pública

É dicir, que mesmo aínda que un poida contaxiarse de gripe este inverno estando vacinado, a inxección sería eficaz para salvar vidas á súa ao redor.

“Os nosos datos indican que as formulacións vacinais empregadas nos últimos 20 anos foron efectivas para previr aproximadamente a metade das mortes asociadas á gripe en persoas maiores de 65 anos”, sentenza Nistal-Villán.


Referencia: Influenza vaccine outcomes: a meta-analysis revealing morbidity benefits amid low infection prevention (Publicado en European Respiratory Review)

1 comentario

  1. E unha persoa que seña quen de vivir sen estrés, nunha boa morada conforable, situada nunha entorna natural sin toxicidade, e que poida aceder a unhos hábitos de alimentación sana i-ecolóxica…MUITO MÁIS OH. Claro que nun sistema sometido (co noso beneplácito, hai que dicilo) ó capitalismo coma este… non che é doado!

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sanidade rexistra un aumento na incidencia da gripe e a covid

As taxas de dispensación de antigripais e probas de antíxenos aumentaron un 24,5 % e un 88,9 %, respectivamente, en comparación coa semana anterior

A galega Zendal completa a vacinación de máis de 7.000 bebés no ensaio da súa vacina contra a tuberculose

O proxecto internacional avaliará se MTBVAC protexe mellor fronte á enfermidade en comparanción con BCG, a única aprobada actualmente para vacinar os recentemente nados

Unha vacina contra o melanoma? Que hai realmente detrás do anuncio de Merck e Moderna

Aínda non se coñecen os resultados completos da fase III do ensaio no que participaron máis de 1.000 persoas. Por Cristina Penas Lago

Unha vacina do rotavirus na infancia podería previr cancros gastrointestinais na idade adulta

Unha investigación do IDIS formula a hipótese de que unha vacina contra a infección, que causa o 5% das mortes infantís globais, podería reducir o risco de contraer cáncer no estómago, páncreas e colon