Os casos de gripe ascenden en Galicia: “O pico chegará na semana do 20 de xaneiro”

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asegura que o aumento da incidencia xa se nota nas urxencias e nos centros de saúde

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, estimou esta mañá que “o pico de gripe chegará na semana do 20 de xaneiro. O prognóstico baseáse en modelos preditivos sobre a asistencia en urxencias e centros de saúde, así como nos datos que proporcionan as farmacias sentinela sobre a venda de antrigripais e as probas microbiolóxicas. Segundo o último informe do Sergas, correspondente á última semana de 2024, houbo un incremento dun 21% da incidencia de gripe con respecto aos sete días anteriores. “Os casos están ascendendo pero aínda estamos nunha fase de baixa intensidade“, apuntou Gómez Caamaño.

“O aumento da incidencia da gripe xa se nota sobre os servizos de urxencias e os centros de saúde pero os datos definitivos teranse esta semana”, continuou matizando o conselleiro en declaracións recollidas durante unha visita ás obras do centro de saúde de Abegondo. Os datos do último Informe de actividade das infeccións respiratorias agudas en Galicia ratifican as declaracións de Gómez Caamaño. Entre o 23 e o 29 de decembro producíronse 69 hospitalizacións por gripe, un 229% máis que na semana anterior. As áreas sanitarias que máis ingresos rexistraron foron A Coruña e Ourense. En toda a tempada houbo 194 persoas hospitalizadas por gripe.

Publicidade

Balance da vacinación da gripe

No que respecta á vacinación contra o virus da influenza, Gómez Caamaño salienta que aínda non se teñen os resultados definitivos da campaña, dado que remata o 18 de xaneiro. A última actualización dos datos publicouse o día 3 e o balance indicaba máis de 760.000 persoas vacinadas fronte á gripe en Galicia. A taxa nos maiores de 65 anos, a poboación diana da campaña, acada o 75%. Observando os datos segundo as franxas etarias, menos do 50% da poboación de entre 60 e 69 se vacinou; o 70% de entre 70 e 79; e preto do 85% dos maiores de 85 anos. En canto ás embarazadas, a porcentaxe foi de máis do 35%.

Outros virus respiratorios

En canto á covid e o virus respiratorio sincitial (VRS), os outros dous patóxenos que contempla o infome, a situación é distinta á da gripe. No caso do SARS-CoV-2 experimentouse un incremento importante no grupo de 0 a 4 anos na última semana do ano, así como un aumento moderado entre os de máis de 60. As áreas sanitarias nas que se produciu un incremento das consultas foron Ourense e Vigo. En relación aos ingresos, 23 persoas foron hospitalizadas na última semana de 2024, un 18% menos que a anterior. A taxa só aumentou lixeiramente na área sanitaria da Coruña.

Publicidade

Finalmente, 46 persoas ingresaron na última semana de 2024 polo VRS, un 41% menos que na semana previa. Os grupos nos que aumentaron as taxas de hospitalización foron dos 5 aos 19 e dos 20 aos 59 anos, aínda que foron incrementos “moi baixos”. O aumento só o experimentou a área sanitaria de Ourense.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Xunta clausura a planta soto do centro de saúde de Ponteareas pola elevada concentración de radon

O gas está catalogado como canceríxeno e está vinculado causalmente ao cancro de pulmón

As claves do gromo de hepatite A de Narón: que se sabe do contaxio

O longo período de incubación de ata dous meses dificulta a identificación da fonte inicial e obriga a manter a vixilancia epidemiolóxica

Galicia será pioneira en reforzar a vacina contra a meninxite aos 12 anos a partir de maio

Sanidade incorporará ao calendario vacinal unha dose adicional na adolescencia para reducir contaxios e avanzar na erradicación da enfermidade

Galicia amplía a cobertura da vacina reforzada contra a gripe e adianta a do sarampelo aos dous anos

A inmunización contra o virus respiratorio comezará a administrarse na próxima campaña á poboación xeral de entre 65 e 69 anos