Primeira morte humana por gripe aviaria en Estados Unidos: pode acontecer en Galicia?

A Xunta destaca que a situación no territorio galego é de "vixilancia e certa preocupación" pola incidencia do virus nas aves

Unha persoa de 65 anos converteuse na primeira vítima mortal por gripe aviaria en Estados Unidos. O paciente, que tiña afeccións médicas previas, contraeu o virus H5N1 tras estar en contacto con aves de curral e silvestres, segundo confirmaron as autoridades americanas. É posible que un caso así aconteza en Galicia? Cal é a situación desta enfermidade no territorio galego? O xefe do Servizo de Sanidade Animal da Consellería de Medio Rural, Jesús Orejas, resume isto último en “vixilancia e preocupación”.

A gripe aviaria é unha enfermidade vírica, semellante á gripe humana, que afecta a diversas especies de aves, especialmente as silvestres migratorias. Durante o pasado ano, Galicia analizou entre de 500 e 600 exemplares, resultando afectados por influenza aviaria 19. “A presión diagnóstica, a investigación e a sensibilidade da poboación sobre os animais enfermos fan que se dean estes números de mostraxe, pero afortunadamente os casos galegos son só en especies silvestres”, indica Orejas.

Malia isto, o xefe do servizo indica que existe unha “certa preocupación debido á maior incidencia desta doenza con respecto ao ano anterior”. “Existe un goteo de detección de virus de gripe aviaria H5N1, por sorte só en aves silvestres —sobre todo en gaivotas— dende hai varios meses e estamos intensificando a vixilancia nestas poboacións para ver como vai evolucionando a presenza do virus”, engade.

Risco baixo

Dende abril de 2024, case 70 persoas contraeron o virus H5N1 en Estados Unidos. A a maioría, traballadores agrícolas expostos a aves infectadas, segundo destacan dende a Axencia SINC. Pero cal é o risco de que aconteza o mesmo en Galicia? Actualmente, no territorio español non existe ningún contaxio deste tipo, xa que os casos detectados en humanos no 2022 “foron considerados como contaminacións ambientais en lugar de verdadeiras infeccións após unha exhaustiva investigación”, destaca Orejas.

Por outro lado, a situación no territorio americano é “máis preocupante, pero as autoridades sanitarias tanto de Estados Unidos como de Europa indican que o risco de contaxio para as persoas é extremadamente baixo”. O gromo iniciado en 2022 no territorio estadounidense leva provocado a morte de case 130 millóns de aves silvestres e domésticas, así como infeccións en 917 granxas de vacas leiteiras, segundo os datos do Centro para o Control e a Prevención de Enfermidades (CDC) e o Departamento de Agricultura estadounidense.

Aínda que non existe ningunha proba de que este virus se poida contaxiar de persoa a persoa, os humanos que traballan con animais enfermos ou que poden resultar infectados si teñen un chanzo máis de risco de padecer esta doenza. “É por iso que dende a Xunta recomendamos extremar as medidas preventivas como roupa adecuada, un bo sistema de desinfección e a vacinación da gripe estacional”, indica.

A sintomatoloxía da gripe aviaria en persoas é semellante á da gripe humana —conxestión, febre ou dores articulares—  e “xeralmente adoita ser trivial, a excepción da vítima mortal de Luisiana que tiña patoloxías previas, pero o resto de infectados estadounidenses evolucionaron favorablemente segundo as informacións publicadas”, asegura o xefe de Servizo de Sanidade Animal.  

Vixilancia en Galicia

Dende hai máis de 20 anos Galicia forma parte do programa nacional de vixilancia do virus en aves domésticas e silvestres. “Este ten dous compoñentes principais: a vixilancia pasiva e activa”, sinala o experto. O primeiro consiste na detección de animais sospeitosos de padecer gripe aviaria que pode ser advertido por calquera persoa —gandeiros, particulares ou cazadores, entre outros—. No segundo caso trátase de investigacións sobre a detección da circulación do virus.

“Trátase dun programa nacional que determina unha serie de mostraxes de aves domésticas —galiñas, pavos ou patos, entre outros— que se realiza dúas veces ao ano dende hai 20 anos para buscar animais que, independentemente da sintomatoloxía, poidan demostrarnos que estiveron en contacto co virus”, explica Orejas.

A obtención destes datos é esencial “para poder dominar a expansión do virus e cantos máis datos oficiais e máis controis veterinarios existan mellor se poderá facer”, salienta Gonzalo Fernández, decano da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago. “Este pasado ano xurdiu o debate de se era necesario ou non o rexistro dos galiñeiros de autoconsumo, cousa que si que é precisa xa que se se dá un problema neste ámbito será esencial telos localizados para poder tomar medidas”, manifesta Fernández.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Preocupación polos varamentos en Galicia: “A toniña podería extinguirse en 20 anos”

O CEMMA alerta do crecemento exponencial nos últimos anos de animais mariños que chegan ás costas galegas mortos ou en mal estado

Un proxecto da UVigo avanza nunha tecnoloxía máis intelixente para protexer a saúde humana

Un equipo atlanTTic desenvolve unha nova xeración de dispositivos máis sensorizados que poidan adaptarse mellor ás persoas para unha relación "máis natural"

Os incendios forestais xorden cada vez máis preto das casas no norte de España

Un estudo da USC analiza a tendencia e características de máis de 100.000 lumes entre os anos 2007 e 2015 no país e en California

Un estudo con selo galego atopa unha proteína clave para “queimar” graxa

Unha investigación en ratos, na que participa Cintia Folgueira, identifica unha prometedora diana terapéutica contra a obesidade